|
Recibíamos onte a posición clara de rexeitamento que o colectivo da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) no tocante ao proxecto de rexeneración da praia de Corcubión, que promove o concello e a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, e que se atopa en no trámite de exposición pública. Segundo ADEGA, son moitos os motivos polos que o polémico proxecto debería ser directamente retirado. Segundo a asociación, o proxecto infravalora os danos aos recursos marisqueiros e ambientais, como as 9 especies de aves que pasan por alí; non indica o impacto real das obras a realizar; non respeta a proposta de conservación para incluir a zona no LIC Costa da Morte (Lugar de Interese Comunitario); non conta coa presencia de benzopirenos e outros hidrocarburos perigosos para a saúde demostrado en varios informes de Pesca. En resumo, para ADEGA, o proxecto non contempla todos os problemas que se deberían ter en conta e os que están, non son analizados en profundidade. As queixasnon fican aquí, e aseguran que o proxecto afectará directamente a actividades económicas existentes na actualidade, como é o marisqueo, que conta con 21 traballos directos. Adega denuncia que para a rexeneración haberá unha aportación de area de canteira, mentres que dende o concello aseguran que sufrirá un proceso de lavado. O concello Francisco Lema, Chisco, comentábanos que está dacordo con que se presenten alegacións, en tanto estamos no tempo para isto. Para Chisco, a saída á prensa dunhas alegacións que aínda non foron aprobadas, é un pouco tendenciosa, e intenta buscar protagonismo, pero está completamente dacordo en que se realicen estas alegacións. Chisco lembrou que en breve realizarase, a petición da oposición, unha reunión cun técnico cunha exposición pública, para que as cousas se fagan como se teñen que facer. Nota de prensa de ADEGA O PROXECTO DE REXENERACIÓN DA PRAIA DE CORCUBIÓN OCASIONARÁ DANOS AO MARISQUEO E REMOBILIZACIÓN DE CONTAMINANTES Compostela 23 de Xuño de 2008. A Demarcación galega da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente impulsa un proxecto que pode ocasionar danos graves ao medio ambiente, á actividade económica e mesmo á saúde pública. Trátase do malchamado Proxecto de Rexeneración da Praia de Corcubión que está no trámite de exposición pública do seu Estudo de Impacto Ambiental. A tendenciosidade manifesta deste estudo está destinada á infravalorar os danos aos recursos marisqueiros e ambientais. En concreto por citar un exemplo cita unicamente 9 especies de aves, 6 delas gaivotas. Tamén cita ao Corvo Mariño Cristado (Phalacrocorax aristotelis) pero non di de que se trata dunha ave protexida polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría Vulnerable. O estudo está realizado pola Delegación de Andalucía da empresa Tecnoambiente S.A. e descoñece a realidade productiva do marisqueo en Galiza. Outra “perla” do estudo é o feito de que se afirma que se perderán 120 m2 de comunidades nectobentónicas na realización dun dique cando na realidade a perda afectará 12.680 m2 de superficie intermareal que pasará a ser supralitoral. Feito ao que se une a que a zona está proposta para formar parte da Rede Natura 2000 dentro do LIC Carnota-Monte Pindo o que significa que se trata de hábitats que teñen interese de conservación. Por se isto non fora suficiente a Consellería de Pesca advirte nun informe enviado a Costas que a presencia de benzopireno de orixe descoñecida que é un contaminante orgánico persistente e nocivo para os seres vivos. Está presente na zona e coa realización do proxecto poderán remobilizarse e ocasionar aumentos significativos da contaminación da zona. Este aspecto non é abordado polo estudo de impacto ambiental cando é fundamental para avaliar a viabilidade ambiental do proxecto. Por estes e outros motivos recollidos nas alegacións presentadas, ADEGA solicita a Declaración de Impacto Ambiental Negativa e a retirada do proxecto. Asimesmo tamén lle recomendamos á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente que empregue os presupostos do proxecto en averiguar a orixe da contaminación por benzopireno e en depurar a augas residuais de Corcubión que son proxectos moito máis beneficiosos para a sociedade e para o ambiente. Alegacións completas presentadas por ADEGA ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE REXENERACIÓN DA PRAIA DE CORCUBIÓN Ref 15-0547 D.Martiño-Fiz López Lindoso con DNI 44.449.639-T, e enderezo a efectos de notificación na Rúa Travesa de Basquiños nº 9 Baixo, 15704 Santiago de Compostela, en representación de la Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) en relacción ao proxecto “Proxecto de Rexeneración da Praia de Corcubión (Concello de Corcubión). EXPÓN: - 1-Que o obxecto do procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental é establecer as afeccións sobre o medio ambiente e a sociedade do proxecto. Non é función deste estudo de Impacto Ambiental a mera xustificación do proxecto polo que deben evitarse os xuizos de valor no mesmo é, o que resulta máis grave, que os datos aportados non sexan congruentes coas conclusións elaboradas. Isto é unha evidencia en partes fundamentales do estudo presentado por Tecnoambiente S.A. nas que se minusvalora sistematicamente as afeccións negativas, sobrevalóranse as positivas e chégase a conclusións claramente optimistas comparadas coa realidade dos feitos.
- 2-Afección a actividades económicas existentes na actualidade.
A actividade económica do marisqueo está a rendir nestes momentos beneficios económicos na zona e produce 21 postos de traballo directos na zona como afirma o documento de alegacións realizado pola Consellería de Pesca. Esta actividade repártese polos bancos marisqueiros da comarca e está a traballar para mellorar o seu rendemento económico e a conservación dos recursos marisqueiros. A afección desta obra perxudica a esta actividade económica e promete o aumento dunha actividade económica turística futura, o cal quere dicir que non existe nestes momentos. Constitúe unha predicción que pode non verse cumprida por múltiples factores algún dos cales se relatan a continuación. - 3-Aportación de area de canteira.
O estudo de impacto ambiental dá por suposto que a recolocación da capa de area superficial de 25 cm non vai quedar afectada dous anos despois do proxecto e que se conservará a granulometría orixinal. Esta previsión resulta francamente optimista ao supor que non se vai misturar a area de canteira co substrato orixinal. A mistura ao longo do tempo dos dous substratos mudará permanentemente as características granulométricas da area, aumentará a turbidez da auga (a pesar de ser as de menor contido en finos), e recoñécense danos notorios ás comunidades nectobentónicas como o seguinte texto da páxina 81 do EIA. “En cualquier caso, el impacto producido sobre las comunidades Nectobentónicas durante la fase de construcción será notorio debido a la extensión de la superficie ocupada y el grado de afección sobre estas”. Tamén se recoñece no estudo o efecto nocivo do emprego de area de canteira para as comunidades nectobentónicas: “El uso de arenas de canteras para la regeneración de playas no es muy recomendado debido a que, por lo general, contienen un alto contenido en polvo, lo que hace que en contacto con el agua vaya cegando los intersticios existentes en el sustrato de manera que disminuye el intercambio gaseoso con la superficie, dañando a los organismos que en el se instalan”. Os efectos negativos descártanse por empregar a area de canteira de menor contido en finos. Sen embargo a pesar de ter baixo contido comparado con outras areas este contido é suficiente para producir danos ambientais notables e con efecto duradeiro ao longo de varias temporadas. Na contestación ás alegacións da páxina 159 descártase o emprego da area tipo M5, como pide o Concello de Corcubión única e exclusivamente porque sería máis cara economicamente. É un feito escandaloso que se empregue un tipo de area que vai danar a producción marisqueira porque o proxecto non ten presuposto suficiente para ser realizado correctamente. - 4-Tamén é un efecto destacable o emprego de maquinaria pesada nunha zona sensible ambientalmente o que producirá a compactación do terreo e a perda da textura orixinal da area co conseguinte perxuicio para os recursos marisqueiros.
- 5-Ocultación de datos relevantes.
Durante todo o estudo afírmase que o único ecosistema nectobentónico que se perderá serán 120 m2 pola construcción do dique ao norte da praia. Sen embargo o propio estudo afirma na páxina 90: “La afección sobre el paisaje en la Fase de Explotación se derivará de la ocupación de un terreno que pasa de ser intermareal a ser supralitoral. Esto implica que la zona seca que antes estaba expuesta a la vista en función de la marea, después de la obra quedará expuesta de manera permanente y en una anchura de aproximadamente 25 metros”. A perda de comunidades nectobentónicas vai ser notablemente maior de 120 m2. En concreto a alternativa escollida implica a perda de 12.680 m2 de hábitat intermareal. Significa que a maior parte da zona pasará a ser supralitoral e polo tanto será unha perda irreversible de recursos marisqueiros e afeccións notables á fauna. A ocultación destes datos fundamentais para entender o impacto ambiental do proxecto é unha proba da tendenciosidade do estudo destinado a apoiar o proxecto máis que a avalialo. - 6-O efecto dos temporais barrerá de area a zona.
Nas alegacións presentadas polas mariscadoras de Corcubión afírmase claramente que se ben a zona non é especialmente batida polo mar o efecto dos temporais invernais pode desprazar cantidades notables de area destruindo a obra proxectada. Este aspecto non está correctamente avaliado no estudo presentado porque non se está a proxectar o mantemento das condicións actuais senón a aportación de toneladas de area de forma artificial. - 7-O estudo afirma que a área do proxecto non forma parte de ningún espazo protexido. Sen embargo está previsto que a zona forme parte do LIC Carnota-Monte Pindo na próxima ampliación da Rede Natura 2000. Adxúntase plano da ampliación na zona do LIC Carnota-Monte Pindo proporcionado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza en Maio de 2008.
Esta proposta implica que a zona afectada polo proxecto reúne os requisitos para formar parte das zonas protexidas de Galiza do que forman parte fundamental as comunidades nectobentónicas, planctónicas e poboacións de aves que se verán gravemente afectadas polo proxecto. En amarelo área de ampliación da Rede Natura 2000, LIC Carnota-Monte Pindo. Fonte: Dirección Xeral Conservación da Natureza. - 8-Deficiencias en canto o estudo das aves.
O listado de especies de aves é claramente insuficiente apenas se limita a nomear 9 especies. Entre as especies nomeadas polo estudo atopamos o Corvo Mariño Cristado (Phalacrocorax aristotelis) que está protexido na categoría de Vulnerable polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas cousa que non se menciona en ningún momento. Descártanse afeccións permanentes para as aves de forma alegre e despreocupada sen valorar as consecuencias da perda de hábitats e zonas de alimentación. Este feito é gravísimo cando temos en conta que gran parte da superficie vai pasar de ser intermareal a supralitoral. Débese facer un estudo específico de afección ás aves que teña en conta censamentos e o efecto do espantamento por aumento da presencia humana e da perda de hábitats para as especies de aves. - 9-Non se abordan os problemas de depuración de augas.
O proxecto contempla a canalización da augas pluviais pero non aporta ningunha solución á problemática das augas residuais procedentes de Corcubión e non valora este impacto como negativo para a actividade turística e a actividade económica. Un proxecto destas características debería resolver os problemas de depuración de augas residuais antes de facer unha discutible aportación de area nunha zona marisqueira. - 10-Remobilización de contaminantes orgánicos persistentes benzopirenos.
Un problema denunciado no informe emitido pola Consellería de Pesca e que non se aborda no proxecto é a presencia de contaminantes orgánicos persistentes de orixe até o momento descoñecida e composto por benzo(a)pireno principalmente. Esta molécula é un contaminante persistente e bioacumulable. A falta de mecanismos biolóxicos de detoxificación fai que tenda a acumularse nos tecidos adiposos dos seres vivos producindo efectos nocivos para a saúde. O proxecto de: dragado dos primeiros 25 cm de substrato, aportación de area de canteira, e recubrimento co substrato orixinal ocasionará unha remobilización do benzo(a)pireno presente no substrato e un aumento na dispoñibilidade desta substancia tóxica para os seres vivos. A orixe desta substancia é hoxe incerta e constitúe un problema de gran calado que afecta aos rendementos obtidos polo marisqueo, é un problema de saúde pública e para o medio natural. A Dirección Xeral de Costas debería considerar prioritaria a investigación e busca de solucións a este problema e non empregar o presuposto en proxectos de creación de praias artificiais de dubidosa utilidade e alto impacto ambiental. De feito se no marco do proxecto se producen remobilización de contaminantes con afección para o medio natural, a saúde pública ou á actividade económica esta Dirección Xeral de Costas sería responsable dos prexuizos que puidese ocasionar o proxecto xa que foi advertida explicitamente do problema pola Consellería de Pesca, e ADEGA actuaría consecuentemente con estes feitos. - 11-Sobrevaloración da importancia do proxecto para a actividade económica.
Na páxina 13 do Estudo afírmase: “Factor Socioeconómico: La regeneración de la playa supondría una inyección económica para el sector servicios (fundamentalmente encaminado al turismo en el área de la hostelería) y construcción, los cuales suponen el 83% de la población activa, y más cuando la tendencia en el número de parados en el primero de ellos en los últimos años está a la alza”. A parte de empregar xuizos de valor de dubidosa comprobación, como que a praia suporá unha “inxección económica”, afímase que os beneficiados polo proxecto son 83% da poboación de Corcubión. Hai que dicir con rotundidade que nin toda a poboación do sector servizos está empregada no turismo, nin toda a actividade turística do Concello de Corcubión vai ser beneficada pola construcción dunha praia fangosa con verquidos residuais. Ademais infravalórase a actividade económica marisqueo que emprega ao 4% da poboación. Este é un nível de emprego considerábel se temos en conta que o marisqueo desenvólvese nos bancos existentes que son unha pequena porcentaxe do territorio e que o turismo pode desenvolverse en todo o Concello de Corcubión. Tampouco se recoñece que o marisqueo prové de materia prima aos hosteleiros da zona e constitúe un atractivo turístico de primeira orde que promove a actividade económica sostible na comarca. É fundamental destacar que se vai perxudicar a unha actividade económica existente por un desenvolvemento turístico inseguro e futurible. - 12-O estudo mantén que a realización do proxecto vai supor un aumento do turismo na zona. Afirmase que non hai praias cercanas e existe moi preto unha praia en Quenxe dentro do mesmo Concello de Corcubión.
Hai exemplos de praias artificiais promovidas pola Demarcación de Costas de Galiza e que non supuxeron un aumento do turismo ao tratarse de praias artificiais en zonas fangosas que non son as preferidas polos turistas para o baño. En concreto no caso dunha praia promovida por Costas en Esteiro (Concello de Muros), apenas se ven bañistas no verán e alterou as correntes da zona provocando a perda de area en praias cercanas. - 13-Os autores do presente estudo Antonio Bejarano Moreno e Sergio Mestre López que forman parte da Delegación “Andaluza” da empresa Tecnoambiente realizan un estudo de impacto tendencioso e descoñecedor da realidade do noso país, do que deixan mostra en cada recuncho do estudo. Este alonxamento da realidade confunde e manipula a información.
Contrastando os novos datos aportados elabórase unha nova xerarquía dos impactos que se presenta a continuación: - 14-Dos datos aportados despréndese que a xerarquía de impactos debe ser recalificada do seguinte xeito:
- Sistema Físico-Medio Inerte.......................Impacto Incompatible; - Sistema Físico-Medio Biótico.....................Impacto Incompatible; - Actividades socioeconómicas.....................Impacto negativo de Intensidade Media; Con estas novas calificacións elaboradas cos datos aportados polo estudo e as alegacións. A calificación do proxecto máis axeitada é: INCOMPATIBLE. - 15-Retirada do proxecto.
Finalmente e debido aos aspectos anteriormente detallados ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) solicita a declaración de impacto ambiental NEGATIVA e posterior retirada do proxecto en base ao seu impacto ambiental, social e da carencia de interese público das obras posto que os supostos beneficios económicos que conleva serían moito menores que os prexuizos que causaría á sociedade. Fonte - Nota de prensa de Martiño-Fiz López Lindoso, Coordinador Organizativo de Adega.
|