|

Para o grupo municipal do BNG de Cee, o Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 da Deputación da Coruña é unha oportunidade única que o concello non pode deixar pasar. Coas axudas que recibiría o concello por participar no programa, segundo o voceiro do BNG, Daniel Oca, o investimento supramunicipal para Cee podería ascender a 448.892,78 euros, cantidade a complementar cunha achega municipal do 10%, é dicir, 44.889,28 € máis. Estes cartos estarían destinados segundo o programa a melloras en asuntos relacionados co ciclo da auga, de carácter medioambiental ou de mellora da rede viaria local intermunicipal. Segundo Oca, o concello ten pendientes varias obras de carácter urxente que deberían ser introducidas no Plan, como pode ser a conexión da rede de augas residuais de Brens coa Estación Depuradora de Augas Residuais, a reparación da rede de saneamento nos lugares de Lobelos-Morancelle, Ponte de Tintibén, e demáis lugares que o precisan na parroquia de Pereiriña; ou a contrucción das infraestructuras que permitan o abastecemento de auga ao lugar de Sembra, na parroquia de Toba. Así, o BNG de Cee presentará unha moción relativa ao Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 da Deputación da Coruña. Para isto celebrará unha rolda de prensa que se celebrará o luns 23 de xuño, ás 20:00 horas, no Local do BNG de Cee. Rúa M, nº 2, 1º D (ao lado da delegación da Voz, enfrente dos escaparates laterais de Rosa Lamela). Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011Mocíon do BNG de Cee Daniel Oca González e Santos Díaz Graíño, concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Cee, ao amparo do establecido nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais de 1.986, elevan ao Pleno da Corporación para o seu debate a seguinte MOCIÓN DE URXENCIA, relativa ás obras a incluír no Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 da Deputación da Coruña. Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Cee: CONSIDERACIÓNS: O Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 suporá a inversión máis importante que vai efectuar a Deputación nos vindeiros tres anos. A xestión do Plan corresponde a un área de goberno xestionada polo BNG e o deseño plurianual que permite abordar obras de certo calado foi tamén iniciativa nacionalista. A finalidade deste plan é a de cooperar cos concellos da provincia cunha poboación inferior á 20.000 habitantes na realización de investimentos relacionados co ciclo da auga, de carácter medioambiental ou de mellora da rede viaria local intermunicipal. En concreto, a Cee correspóndenlle 448.892,78 euros, cantidade a complementar cunha achega municipal do 10%, é dicir, 44.889,28 € máis. O BNG de Cee considera que hai unha serie de obras urxentes que deben ser incluídas neste Plan, por cuestións de saúde pública e de necesidades básicas da poboación. Xa que logo, propoñemos ao Pleno do Concello a adopción do seguinte ACORDO: - 1. Incluír entre as obras a presentar para o Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 da Deputación da Coruña:
- 1. A conexión da rede de augas residuais de Brens coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). - 2. A reparación da rede de saneamento nos lugares de Lobelos-Morancelle, Ponte de Tintibén, e demáis lugares que o precisan na parroquia de Pereiriña. - 3. A contrucción das infraestructuras que permitan o abastecemento de auga ao lugar de Sembra, na parroquia de Toba. Fonte - Nota de prensa do BNG de Cee, da man de Daniel Oca.
|