doMngo, 12 de outubro do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Un San Xoán sen cacharelas pero con blues e herbas  Correo-e
miércoles, 25 de junio do 2008

Pasou o San Xoán e tamouco foi isto un acontecimento histórico, vaia. Disque na Costa, a cacharelas do San Xoán escoitábanse míticas aquí e acolá, pero a verdade é que este pasado 23 de xuño do 2008 non semellou estar do máis queimado posible. Se cadra, nas cidades do país, onde esta noite está tendo máis éxito, a conservación dunha tradición mestúrase coa creación dunha noite de ocio e vicio para que a xuventude desafogue, i é que un San Xoán na praia do Orzán, sen ir máis lonxe, dá para moito. Un tentou saber onde podía haber unhas boas fogueiras por aquí, e alén de Camariñas, Carnota ou Sardiñeiro, poucas opcións máis atopou. Asemade, houbo sorte e a noite pasou encantadoramente. A todo isto, pasen por Camarinas.eu ou polo Diario Camariñán para botar un ollo ao San Xoán da Lumarea da Vila, que por suposto chaman o mellor da Costa da Morte.

Achegámonos ao peirao de Corcubión onde unha pequena sardiñada e unha sorpresa agardaba: os Baking Blues cos seus amigos de aquí, forneando música á porta do Carrumeiro, unha verdadeira marabilla. Non eramos poucos na terraciña do Carrumeiro, algún máis seríamos se Javi Turnes e os seus tiveran promocionado un pouco o evento, pero xa se sabe como son estas cousas, saen e fóra.

Alí estaban pois 3 dos 4 membros da banda santiaguesa Baking Blues, co guitarra e voz, Javi Turnes (Portomouros, Val do Dubra), e os santiagueses David ao baixo e Fran á batería e voz tamén; faltaba Tato que non puido acodir. Para completar a formación e como soen facer nas súas aparicións no bar Rodín de Cee, xuntan a varios amigos da zona. O pasado luns acompañaban Drok ao caixón flamenco, o fenómeno profe de historia Rafa Mississipi á armónica, e Marcos Trillo, que no propio lugar de traballo (aí anda coa escola de vela Cataventos no mesmo peirao) sacou as guitarrras e deulle outro toque especial á xornada.

A xente quedou encantada e unha mostra do seu poderío podémolo comprobar con este Ophelia:

As herbas do San XoánImage

Pero o dos costumes é bo no perdelo. Dá pena iso de que en cada vila se vaia perdendo a tradición e de que en cada praza non haia xa unha sardiñada montada. Pero hai cousas que non se perden. As xentes seguen baixando a recoller os ramos para limpar a cara na mañá do San Xoán de malos fumes, as envexas e os males. Así xuntamos o noso ramiño, da man dunha entendida señora, da que imos aprendendo, que xa vai sendo hora.

O proceso comeza coa colleita das plantas para facer un ramiño, ramo que se dividirá en dous, un para o caldeiro e outro que se colgará dunha porta ou dunha ventá, dalgo que dea ao exterior, para manter alonxadas ás meigas. Este, ao cabo do día de San Xoán, hai que deixalo secar e así nos protexerá do mal aire.

O outro ramo, o que vai no caldeiro para lavármos a cara na mañá do San Xoán tamén ten o seu punto. Aquí é onde se colocan as flores varias que collilmos, non no ramo das meigas. Ademais, temos que ter coidado de que ao caldeiro só lle dé a lúa de San Xoán, de feito que habemos erguernos ben cediño pola mañá par evitar que o sol do mencer lle quite o poder purificador.

Escollendo plantas

Hai milleiros de teorías e de variantes, e dende xente que colle somente 7, e esas 7, outra xente baixa e vai collendo vagariño. Cada señora ten o seu aquel, e cada zona, os seus costumes. O caso é chegar a casa e deixalas nun boa boa cubeta para que na mañá seguinte ese auga cheire de marabilla e nos purifique.Image

Nós collimos espadana de río e codeso (especie de xesta pero máis pequeniña, ambas serán as responsables de librarnos das malas envexas.

Tamén coléronnos fiuncho, corre os malos espíritus e é especial contra o mal de ollos.

Malva de olor, que o cura todo: resfriados, bronquitis, afeccións dixestivas, nervios, etc. e segundo di o dito: "cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar".

Herba Luisa, boa para os dores de estómago e barriga e contra os gases e os dores de cabeza, pero ademais é especial para os amoríos.

O romeu que ademais de ser a herba que protexe e purifica os fogares galegos por excelencia, e bon para a reuma, artritis, trastornos do sistema circulatorio, depresión, etc.

Fietio real, de río especialmente, que é un antiparásito moi bo.

Outra das 7 herbas esenciais é, por suposto, a Herba de San Xoán, que como di o dito "A herba de San Xoán limpa a cara de grans", alén de estar considerada unha planta especial contra o demo...

Ademais de todas estas no ramo tiñamos vieiteiro, lavanda, cardo santo, ortensia, e algunha flor como os xeranios. Todo para que quedemos libres de males e de meigallos xa que unha lavadiña matutina con ese auga tan ricamente olorosa, rexuvenece a calquera.

Fonte

  • Redacción.
  • rios-galegos.com: As herbas do San Xoán.
  • Vídeo de Rosaura Romo Hernández.
  • Fotografía das herbas de Irene García Patiño.
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com