|
O Concello de Carballo acolle dende o pasado mes de febreiro un programa pioneiro de compostaxe doméstica no que participan 50 veciños da parroquia de Oza, gracias á colaboración da Asociación Torre Vixía. Os interesados poñen na horta ou xardín da súa casa un composteiro, un recipiente onde se bota a materia orgánica para transformala en compost, ou abono natural. A iniciativa desenvólvese gracias a un convenio do Concello con Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente), e coa colaboración de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), que é a encargada de coordenar o traballo de campo en cada casa. A Universidade da Coruña será a encargada de analizar o compost resultante da iniciativa. Despois dun tempo co programa en marcha, o concelleiro de Medio Ambiente carballés, José Antonio Viña, explica que houbo unha primeira reunión cos veciños, como toma de contacto, e que agora xa comezaron as visitas de seguimento de Adega. O programa transcorre con toda normalidade O obxectivo é a reciclaxe da materia orgánica en orixe, reducindo e minimizando a produción de residuos urbanos. Viña sinala que nestes momentos o Concello está implantando os contedores de recollida selectiva en varios puntos da parroquia de Oza para complementar o traballo que se está facendo na redución dos residuos orgánicos gracias aos composteiros, e para incentivar a reciclaxe. Sobre o terreo Dende Oza, a secretaria da Asociación de Veciños Torre Vixía, Chelo Barreiro, explica que a xente “está moi contenta”. De feito, nestes momentos hai lista de espera para que máis persoas poidan contar cun composteiro. Esta veciña, que coordina un pouco a actividade coa axuda doutros membros de Torre Vixía, sinala que o traballo de campo consta de tres fases. Ao primeiro, os técnicos de Adega comproban que o composteiro está ben colocado, xa que ten que estar en contacto coa terra. Nunha segunda visita, ao cabo de tres meses da súa implantación, comproban que o compost se está formando correctamente. Por último, xa ao cabo de seis ou sete meses dende a primeira supervisión, recóllese o compost e faise unha avaliación de todo o proceso. Chelo Barreiro subliña que polo momento todo vai ben, e que “a xente ten moitas ganas de colaborar”. Engade que deu a casualidade de que, coincidinco co desenvolvemento deste programa, Sogama invitou aos veciños a unha visita á planta de tratamento de Cerceda, unha actividade que asegura que impresionou aos parroquianos de Oza e que os concienciou na necesidade da reciclaxe. En seis ou sete meses, eles terán posto o seu propio gran de area. A mecánica para facer compost No programa piloto que se está desenvolvendo en Carballo a ferramenta fundamental son os composteiros. Son uns recipientes de plástico onde se bota a materia orgánica para facer o compost. Os composteiros facilitan a aireación e o control da temperatura e humidade, evitando a dispersión do lixo e repelendo roedores e outros insectos. Outra das súas avantaxes é que permite voltear moi facilmente a pila empregando un removedor. O composteiro, ademais, debe situarse en contacto coa terra, creando unha capa de ramas e follas. De feito, un dos veciños de Oza o situara enriba dunhas táboas e os técnicos de Adega lle sinalaron o seu erro. Materiais usados no proceso A creación do compost tamén ten o seu proceso. Así, o mellor é engadir un cubo e medio ou dous de residuos de xardín por cada cubo de residuos de cociña. Pero tamén hai elementos non recomendables, como os excrementos de persoas ou animais, os restos de papel, ou materiais con elementos contaminantes. Durante o proceso, é normal que suba a temperatura incluso ata os 60 grados. A imaxe da dereita é de Adega-Costa da Morte e corresponde a unhas charlas da asociación no local da Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas sobre compostaxe caseira. Novas relacionadas Fonte
|