|
O verán xa está enriba, xa pasou o San Xoán, pero o monte segue "a monte", valga a redundancia. Debeu ser en Galicia onde se inventou esta expresión, porque estando no país máis disperso do mundo, onde hai casas agochadas en cada metro cadrado do territorio, e onde deberíamos ter máis coidado á hora de manter os montes limpos, agardamos ata o último segundo para poñérmonos a traballar. Continuamos sen aprender nada de todas as desfeitas ocorridas nos últimos anos. Que pasa coa prevención? Segue sen ser necesaria? Pois aí estamos, a finais de xuño, e os brigadistas da bisbarra aínda non saben cando comezan. E uns traballadores que non están de todo contentos. Onte, xoves 26 de xuño, celebrábase unha manifestación en Santiago convocada polas Organizacións Sindicais máis representativas na Xunta de Galiza, CCOO, CIG e UGT. Todo pola Defensa da función pública, cunha mensaxe bastante clara: Non ás privatizacións e ós chiringuitos, que desta volta saen da man do BNG. Por aquí sabemos dabondo de chiringuitos, pero por que lle din así? Dende os traballadores de a pé do Plan de Defensa contra Incendios de Galiza (PLADIGA) consideran que os cambios introducidos pola Consellería de Medio Rural no proceso de contratación é un claro caso de privatización a base de chiringuito. Ata o pasado ano, as contratacións pasaban "senporsen" pola Xunta, pero agora é a chamada Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos S.A. (SEAGA.S.A), a que distribúe e contrata. Nos blogs e foros creados para a ocasión (mirar en www.pladiga.com e www.pladiga.com/foro/) contan os detalles e as incongruencias do proceso de contratación. Este ano, dos 4.000 ou 5.000 persoas que estarán profesionalmente na loita contra o lume, 470 serán contratados pola Xunta; o resto pola SEAGA. Moitos pregúntanse polas probas físicas; por que non valen as da Xunta para o SEAGA sen son dous entes públicos e un é dependente do outro? Fálase tamén das bases de cotización, que no SEAGA son un 12% máis baixas que na Xunta, dato ao cabo do tempo, no paro, supón unha boa cifra. Así, en breve comezarán os traballos nos distritos II (comarca de Bergantiños) e V (que encadra as comarcas de Fisterra e Soneira, e a demarcación de Xallas-Muros). As bases estarán en Carballo, Vimianzo, Cee e Carnota, pero os datos de cada concello non se fixeron públicos para non dar pistas aos pirómanos. Todo isto, tentando que o de Cee traballe nos montes de Cee, que son os que coñece, e non ter que facer ao veciño de Corme desprazarse a Coristanco para exercer. Cousas lóxicas pero ás veces non son tan evidentes, como o asunto da prevención, que semella que nos gusta chegar tarde a todo. Fonte - Columna redactada por Ubaldo Cerqueiro García, para o semanario O Acontecer.
|