|

Máis de 150 participantes tomaron a saída no Día da Bicicleta que a Delg. M. de Educación, Cultura e Deporte do Concello de Cee organizou este domingo 29 de xuño de 2008. A saída foi ás 11.00 horas diante do Centro Comercial Finis Térrae e a chegada á Praza da Constitución tivo lugar ás 13.00 horas, cunha pequena parada de refrixerio no precioso mirador de Ameixenda. Pais e nenos percorreron os 10 quilómetros do paseo sen problema algún disfrutando dun precioso día. Curioso é ver que hai tanta xente que ten bicicleta pero que só sae de casa canda o verán, e para esta clase de eventos festivos. Como nos comentaba Manolo Calo, delegado de Deportes do concello, non é pouca a xente que saca a bici do faiado para a ocasión, e o resto do ano fica aló arriba collendo polvo. Habemos ir pouco pouco tomando nota doutros países algo máis desenvolvidos. E mira que temos a oportunidade de velos case que diariamente. A cantidade de caravanas que pasan por aquí coas bicicletas ao lombo deberíamos facernos pensar que é posible e factible, saír de viaxe coa bicicleta, e mais que a bicicleta pase a ser un membro máis na nosa vida cotiá. Por que non baixamos á compra coa bici? Estamos ademais nunha zona privilexiada para que este medio de transporte tan cómodo, limpo, barato e rápido, nos axude a facer do día a día unha pequena loita partiicular con todos os problemas medioambientais que nos rodean. Non se fala de vivir en Mazaricos e baixar a Cee tódolos días a traballar, pero se vives en Caldebarcos e traballas en Carnota, por que non colles a bici? A verdade é que aínda faltan infraestruturas. Un que vai de Corcubión a Cee, como uns cantos traballadores da pequena vila, corre un risco serio cada día. Xa non é só que a falta de carril-bici faga do paseo unha aventura, senón que os coches tampouco son do máis respetuoso. Tentemos entre todos que sexa máis acccesible o uso da bicicleta para o día a día, agora que a gasoliña está a prezo de ouro, fomentemos o seu uso, protestemos para que nos constrúan infraestruturas, e, usémolas. Novas relacionadas Fonte Redacción. - Nota de prensa da Del. Deportes do concello de Cee.
|