|

Nin nas mellores películas dos Irmáns Marx pasaría algo semellante ao ocorrido no Pinguel. O campo de Ponteceso, ateigado con 1.350 persoas, acollía a esperada volta da final da Copa da Costa 2008. A organización foi inmellorable, e as charangas, os medios informativos de todos os calibres, e o ambiente creado por mabas afeccións, presaxiaban unha final histórica. E abofé que quedará para a historia, pero se cadra non polo fútbol en si. Como resumo do que pasou no Pinguel, deixamos dúas frases ben significativas. Un seguidor do Ponteceso achegábase á mesiña da Radio Neria e Que pasa na Costa, e dicía alto e claro: Eu así non quero esta copa. Xa na porta dos vestiarios, escoitábamos a Carlos Leis, quen sinalaba A verdá, non que pensar, eu síntome gañador moral. Datos do encontro - Resultado: Ponteceso, 2 - Cee, 1; (1-1 na ida);
- Ponteceso: Pombo, Cano, Pallas, Torrado, Mato, Tucho (Reiman), Toniño (Rubén), Migueliño, Esteban (Mendieta), Nando e Nencha (Puga);
- Cee: Mingos, Fiuza, Borja (Fermín), Nico, Dani Freire, Rafa (Bibi), Carlos Leis, Jacobo (Yanqui), Fran Pioto, Toni e Leo.
- Goles: 0-1(min.80): Yanqui de cabeza á saída dun corner executado por Fran Pioto; 1-1 (min. 91): Carlos Mato; 2-1(min.103) Rubén á saída dun corner.
As alineacións foron algo sorprendentes. Manolín, que vemos á dereita e ao que facemos unha mención especial, xa que ademais de anunciar a súa retirada da presidencia do clube, hoxe mesmo perdeu á súa nai, metía de inicio a Jacobo na banda dereita e deixaba a Yanqui no banco, co gallo de sorprender na segunda metade. Bardanca, o adestrador local deixaba a Rubén, Mendieta e Puga no banco, o que dá conta do potencial do conxunto local. Sosa primeira parte Pouco fútbol viuse no Pinguel. O Ponteceso saíu mellor colocado no campo e controlando o esférico, pero con poucas chegadas. Toniño e Esteban tiveron as mellores oportunidades para o conxunto local, pero o meta Mingos e a defensa ceense desbarataron as oportunidades. Con todo, poderíamos dicir que o conxunto local foi mellor no global deste primeiro tempo. Así transcorreu a primeira metade con moi pouco que subliñar alén do colorido e do ambientaso que se vivía no campo. Descanso con homenaxes Chegábase a un descanso no que os alcaldes de Ponteceso e Cee, José Luis Fondo Aguiar e Ramón Vigo, facían entrega dunha fotografía moi especial a aqueles integrantes de ambos equipos (vémolas na imaxe) que xogaran a final da Copa da Costa anos atrás. De igual xeito, o presidente do clube entregaba un escudo do clube a todos os anteriores presindenes do mesmo. Segunda metade O segundo tempo comezaba cun pouco máis de actitude. O encontro cambiaba de sentido e os de Manolín saían máis a presionar e subían un pouco o pistón, sobre todo logo da entrada de Yanqui, que revolucionaba o encontro. A superioridade do Ponteceso desaparecíu e o Cee comezba a entrar polas bandas. Toni non estaba moi preciso, pero Fran Pioto e Yanqui levaban perigo á portería de Pombo. Polo Ponteceso, Esteban estaba moi rápido a pesar da súa inactividade ao longo da tempada, e Tucho e Migueliño seguían a controlar o medio do campo por riba de Leis e Rafa. A marea azul, a afección do Cee, comezaba a deixarse sentir no Pinguel, e estoupaba no minuto 80 cando Yanqui (na imaxe da deireita), nomeado o mellor xogador do partido, e probablemente mellor xogador da Copa da Costa 2008, remataba un córner de Fran Pioto. Quedaban 10 minutos e semellaba que o Ponteceso non tiña capacidade de reacción. Con todo no campo, con Rubén arriba e Puga entrando pola banda esquerda, as contras do Ponteceso eran perigosas pero non tiñan olor a gol. Algo debíu cheirar o colexiado, Iván Domínguez, que repetía final e que casa este vindeiro mes, cando aló polo minuto 91 non víu unha clara falta dentro do área pequena a Mingos. O balón quedou morto e o capitán pontecesán, Carlos Mato, remachaba o balón ao fondo da rede. Os xogadores do Cee agolpáronse contra o árbitro e máis dun perdeu os nervos. O colexiado, sen medias tintas e logo de meter ao Ponteceso na final in extremis, expulsou ata 4 xogadores do Cee: Carlos Leis, Toni, Yanqui e Nico marchaban ao vestiario. A marea azul invadía o campo e as forzas de seguridade tiñan que devolver á xente de Cee á grada. Os xogadores visitantes mesmo pensaron na retirada do partido en tanto que Fermín, lesionábase e o equipo quedaba con 6, xa que Manolín non quixo poñer ao xuvenil Rivi. Logo da intervención do árbitro, a xente foi marchando do Pinguel a pesar de que o encontro miraba cara a prórroga. O Cee, con 7 no campo e Fermín lesionado, seguía correndo coma nunca pero un córner remataba co gol de Rubén que cercioraba a consecución do título para o equipo local, e permitía que os seguidores marcharan a casa a ver o encontro da selección. Un último detalle ocorría cando o árbitro estaba a punto de pitar o final do encontro. O expulsado Nico aparecía na portería local para evitar un 3º tanto do Ponteceso, xa pasados 15 minutos dos 90 reglamentarios. Yanqui subía a recoller o trofeo ao mellor xogador do encontro chorando, ao igual que o capi do Cee, Dani Freire, que recollía con bágoas nos ollos o trofeo de subcampión ao cántico dos siareiros azuis do Manos arriba, esto es un atraco. O capitán pontecesán recollía o trofeo e todo o equipo subía á celebrar o título ao palco de autoridades. E aí quedou esta polémica final, cun gañador moral e outro real. Final mediática Cabe subliñar a presencia masiva de medios de comunicación. O Ponteceso instalou un par de cabinas para a retransmisión radiofónica por parte da Radio Nordés Cadena Ser, con Fran Hermida e José Carlos a pé de campo, e con Radio Voz, con Ferreiro e o seu activo Iago García. Abaixo, e para completar a familia radiofónica estaba Radio Neria, que ademais dos Xabi e Ubaldo, contaba con Carabanda e Nito, dous míticos adestradores da Costa, como colaboradores. Precisamente, a RadiONeria pon de novo, hoxe luns 30 ás 21:00 horas, a final da Copa da Costa e a poden escoitar a xente do extraxeiro no blog de radiONeria en www.radioneria.blogspot.com e tamén no 107.8 FM. A listaxe de medios non remata aí. La Voz de Galicia, El Correo Gallego e o Depor Sport tamén estaban presentes. Pero a era dixital tamñen chegou ao Pinguel e tanto Piratas de Muxía como Que pasa na Costa, acodiron ao encontro. Os Piratas retransmitiron on-lin en directo o encontro e sumaron 450 visitas nun par de hora. Vese que son iniciativas que van mellorando. Felicitamos sobre todo a estes piratas da internet, que tanto están a facer para instaurar a rede na vida cotiá da xente da Costa, e que tan bo traballo están a realizar. Botade un ollo na páxina, que ademais dun seguimento do fútbol da Costa realmente exemplar, repasan a actualidade do Deportivo e da selección cando cadra, como estes días. Fonte
|