Xoves, 28 de agosto do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

A Xunta presenta un plan de ordenación do territorio contra a dispersión  Correo-e
martes, 01 de julio do 2008

A dispersión é unha das características que máis inflúe na nosa indiosincrasia. Nada se pode entender se non somos conscientes de que vivimos nun país onde contamos con tantos topónimos como no resto do estado enteiro, e no que o illamento durante séculos de cada aldea, propicio este o noso xeito de ver o mundo.

Pero a dispersión supón tamén un freo ao desenvolvemento, non cabe dúbida. Máis difícil é establecer unha rede de transportes, a pesar de que a propia dispersión faina máis necesaria se cadra, ou unha rede de comunicación por internet eficaz.

Perante este histórico problema, ou peculiaridade segundo como se mire, a Xunta acaba de presentar as directrices de ordenación do territorio (DOT), que prentende crear un novo modelo territorial para fomentar unha Galicia integrada, sostible, equilibrada e de calidade.

As DOT pretenden combater varios dos problemas fundamentais do país: a urbanización difusa, a mobilidade, e a pouca protección do patrimonio natural e cultural.

Infraestruras

No tocante ás infraestruturas, as medidas apostan máis pola conexión exterior que por establecer dunha vez unha rede de transporte interna eficaz. O AVE forma parte do plan como centro total e a importante creación da conexión entre eixe Lisboa-Porto co Eixe Atlántico galego, preséntase supeditada á de Madrid. Fálase moito ademais, das áreas metropolitanas, pero non hai nada das conexións reais entre as vilas e as cidades cercanas. Entrementres, Oleiros segue estando a unha odisea da Coruña, o Sar a unha odisea e media de Compostela e Coruxo a un par de Vigo.

Areas urbanas fronte ás rurais

Os miramentos cara a vida urbana é claro e a Xunta pretende potenciar as áreas urbanas e artellar un sistema policéntrico de cidades. Aquí é onde entra Vimianzo, entre outros núcleos estratéxicamente situados. Vimianzo, como cabeceira comarcai, será un nodo que permita manter o Equilibrio Territorial. Asemade, o rural non fica orfo de todo, e pénsase tamén na posta en valor da paisaxe e do patrimonio con estratexias que modernicen as zonas rurais con novas actividades que xeren empregos de calidade e axuden a fixar poboación.

O litoral

Xa sabe que Galicia se artella dende o litorial. Proba disto é o feito de que Ourense é unhas poucas provincias do estado que non medra en habitantes no último ano. E de costa sabemos dabondo. Pois o plan tamén inclúe certas medidas sobre o litoral galego. Unha das directrices fala de preservar a costa limitando os novos desenvolvementos. Moi interesante nunha zona como a nosa, onde o estoupido urbanístico está a medio camiño, e aínda podemos salvarnos da desfeita total, perante a que cómpre armarse de valor e de respaldo por parte das administracións.

Artellar un sistema turístico global é outro dos puntos do plan, que por exemplo encadra a posibilidade de configurar un sistema de percorridos peonís que enlace faros, paseos marítimos, espazos naturais e sendas costeiras e que permita o disfrute do litoral, como queren realizar en Fisterra, e ao que damos a meirande benvida posible.

Tamén se fala de articular o litoral con sistemas de transporte colectivo. Se cadra falan das viaxes turísticas da conexión de Monbús entre Fisterra e Compostela, que tan só tardan 4 horiñas e realizar o percorrido.

Veremos en que queda este ambicioso plan, xa que estas cousas soen quedar no papel, e a dificultade de levar a cabo todas estas iniciativas faise clara co paso do tempo. Agardamos que desta volta sirva para algo.

Nota de prensa da CPTOPT

AS DIRECTRICES DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO PLASMAN O NOVO MODELO TERRITORIAL PARA UNHA GALICIA INTEGRADA, SOSTIBLE, EQUILIBRADA E DE CALIDADE

  • O presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial presentaron hoxe o documento que “reflicte a vontade política de converter a ordenación do territorio nunha liña estratéxica da acción de goberno”.
  • As Directrices establecen propostas para fortalecer un sistema policéntrico de cidades e vilas e definen Espazos Metropolitanos para a planificación de infraestruturas, equipamentos e servizos.
  • As DOT combaten a urbanización difusa, fortalecen os núcleos tradicionais, melloran a mobilidade, protexen o patrimonio natural e cultural e afianzan a proxección exterior de Galicia.
  • O espazo litoral, que terá un Plan de Ordenación específico, será xestionado como un ámbito de excelencia territorial no que se limitarán os novos desenvolvementos.
  • O texto contén preto de 200 determinacións que concretan a aplicación do novo modelo territorial e ás que deberán someterse todos os instrumentos inferiores de planificación.

Santiago, 27 de xuño de 2008.- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presentaron hoxe as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), un instrumento de carácter global e marco xeral de referencia da política territorial galega. As DOT, segundo salientou María José Caride, “plasman unha vontade política de converter a ordenación do territorio nunha liña estratéxica da acción de goberno”. As DOT recóllense en dous documentos. Por unha banda, unha Memoria na que se establecen as estratexias a seguir e o modelo territorial que se desexa. Por outra, e 197 Determinacións que concretan tecnicamente a súa aplicación para acadar unha Galicia máis cohesionada socialmente, equilibrada territorialmente, dinámica economicamente e sostible.

Obxectivos específicos

As DOT achegan unha configuración e unhas iniciativas territoriais que impulsan o cambio cara unha nova etapa de desenvolvemento e que se sintetizan nos seguintes puntos:

  • Potenciar as áreas urbanas e artellar un sistema policéntrico de cidades.
  • Definir os ámbitos urbanos para a planificación das súas infraestruturas, equipamentos e servizos de xeito que se optimice o seu desenvolvemento.
  • Consolidar unha rede de vilas que sirvan de base dende a que facilitar servizos a todo o territorio.
  • Planificar infraestruturas e equipamentos con criterios supramunicipais e xerarquizados para que articulen e reequilibren todo o territorio.
  • Proporcionar criterios para elaborar Plans e Proxectos Sectoriais así como Plans Territoriais Integrados.
  • Poñer en valor a paisaxe e o patrimonio con estratexias que modernicen as zonas rurais con novas actividades que xeren empregos de calidade e axuden a fixar poboación.
  • Xestionar o litoral como un ámbito de excelencia territorial finito, diverso, atractivo e de calidade.
  • Integrar Galicia nos ámbitos líderes en Europa aproveitando a nosa localización singular na fachada atlántica.
  • Consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como polo de desenvolvemento no noroeste peninsular.

Estratexias

  • 1- Harmonizar o desenvolvemento das cidades e previr a urbanización difusa: De como sexan as cidades e de como actúen conxuntamente dependen cuestións que contribúen ao benestar cotiá dos cidadáns. De aí, que a organización do Sistema de Cidades de Galicia é decisiva para aproveitar e difundir os procesos innovadores e de modernización e lograr un adecuado equilibrio territorial. É preciso harmonizar o desenvolvemento das cidades con criterios de complementariedade, apoiando as fortalezas locais de cada unha e aproveitando os seus perfís diferenciados para organizar un sistema urbano policéntrico. Ademais, deben deseñarse modelos que favorezan o crecemento compacto potenciando os núcleos xa existentes e garantindo o desenvolvemento coherente dos servizos, as infraestruturas e os espazos destinados ás diversas actividades (residenciais, industriais, espazos libres, etc.) Ao tempo, débense frear os procesos de urbanización difusa que agravan os impactos ambientais, aumentan as demandas de mobilidade, elevan o gasto público e dificultan o goberno do territorio.
  • 2- Fortalecer os núcleos tradicionais, o litoral e pór en valor o territorio: Os núcleos existentes facilitan o acceso aos servizos, permiten crear comunidades cohesionadas e teñen un atractivo urbano que non posúen os novos desenvolvementos. Ao mesmo tempo, é esencial ordenar o litoral con criterios sostibles que fagan del un ámbito de alta calidade. Igualmente, é necesario recuperar e rehabilitar espazos degradados ou abandonados para diminuír a presión sobre as zonas non urbanizadas.
  • 3- Mellorar a accesibilidade e mobilidade: Galicia debe completar a súa rede de infraestruturas para acadar a vertebración territorial, mellorar os sistemas de transporte colectivo e a súa intermodalidade. Hai que superar políticas centradas no vehículo privado, deseñar os novos crecementos de acordo coas súas demandas de mobilidade e concentrar a poboación en torno aos grandes eixes de comunicación.
  • 4- Protexer o patrimonio natural e cultural: A calidade, variedade e posibilidades do patrimonio natural galego convérteno nun elemento diferencial do espazo rexional que debe ser tido en conta á hora de decidir sobre a localización das diversas actividades. Neste sentido, son criterios fundamentais o aproveitamento das posibilidades que ofrece o territorio para desenvolver enerxías renovables, o impulso de deseños bioclimáticos, a xestión integral do ciclo da auga, a recuperación da biodiversidade e o uso sostible dos recursos. O rico patrimonio cultural de Galicia e a súa paisaxe, conforman elementos de identidade e de gran calidade que hai que preservar e potenciar.
  • 5- Afianzar o protagonismo exterior de Galicia: O modelo europeo tende a consolidar as rexións máis desenvolvidas. Neste contexto, as comunidades periféricas como Galicia so se integrarán nesa tendencia na medida en que desenvolvan estratexias propias e cooperen con outras comunidades para evitar quedar illadas en termos produtivos, demográficos e sociais. Son importantes, polo tanto, todas as iniciativas que melloren a integración e cooperación co conxunto de Europa e en especial cos territorios máis próximos, así como aproveitar as vantaxes derivadas dos vínculos coa diáspora.

Sistema de asentamentos: cara un sistema urbano policéntrico

O sistema territorial galego que se propón ten en conta os asentamentos existentes en función da súa xerarquía e da súa situación sobre o territorio. O modelo de sistema urbano policéntrico baséase en varios niveis:

  • 1- Sistema de Cidades: Pola súa dinámica e tamaño, o nivel superior está formado polas sete grandes urbes, ás que lles corresponde garantir unha adecuada cobertura dos servizos urbanos en todo o territorio, impulsar os procesos de cambio nos seus ámbitos de influencia e servir de enlace de Galicia coas dinámicas globais. Tendo en conta as súas características e fortalezas divídense en:
    1.1- Espazos Metropolitanos. Son ámbitos de planificación territorial e urbana, de infraestruturas, equipamentos e de servizos aos cidadáns. As Directrices contemplan estes espazos dende unha perspectiva global, co obxectivo de potenciar e racionalizar o desenvolvemento urbano e económico do conxunto do espazo.
    - Vigo-Pontevedra: Fundamental nas estratexias de integración de Galicia co sistema de cidades de Portugal e central na Eurorrexión.
    - A Coruña-Ferrol: Clave para atraer as dinámicas dos sistemas urbanos da Cornixa Cantábrica.
    1.2- Áreas Urbanas:
    - Santiago: Capital política e administrativa, ocupa unha situación central con respecto aos espazos metropolitanos e aos nodos urbanos de Lugo e Ourense.
    - Lugo: Pola súa posición central no espazo provincial, xoga un papel fundamental para mellorar a oferta urbana de zonas moi débiles do interior de Galicia.
    - Ourense: É un enclave estratéxico para actuar como un importante centro terciario que permita o desenvolvemento do seu ámbito de influencia.
  • 2- Sistema Urbano Intermedio: Tras as grandes cidades, este sistema permite que todo o territorio dispoña dunha adecuada cobertura de servizos urbanos de certo nivel tanto para a calidade de vida como para as actividades produtivas. O sistema urbano que propoñen as DOT, como unha rede que supón unha vantaxe competitiva de Galicia, confórmase en torno a un nodo principal que actúa de cabeceira: As Pontes, Carballo, Cee-Corcubión, Noia, Ribeira, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, O Barco, O Carballiño, Xinzo, Verín, A Estrada, Lalín, Tui e Vilagarcía.
  • 3- Nodos para o Equilibrio Territorial: Pechan a xerarquía de asentamentos con influencia supramunicipal. Están formados polo sistema de pequenas vilas e cabeceiras comarcais de cuxos servizos públicos e privados, atractivo urbano e conexións dependerán as posibilidades dos espazos rurais para fixar poboación, mellorar a súa competitividade e atraer ou crear novas iniciativas produtivas. Estes nodos son Arzúa, Melide, Negreira, Ordes, Ortigueira, Padrón, Santa Comba, Vimianzo, A Fonsagrada, Becerreá, Guitiriz, Mondoñedo, Monterroso, Quiroga, Allariz, Bande, Castro Caldelas, Celanova, Maceda, Pobra de Trives, Ribadavia, Viana do Bolo, A Cañiza e Caldas de Reis. Estes nodos proporcionan un referente territorial na organización dos crecementos e na prestación de servizos na súa área de influencia.
    Neste mesmo nivel do sistema de asentamentos atópanse as subcabeceiras do sistema urbano intermedio, que actúan de complemento das cabeceiras: Boiro, Muros, Rianxo, Burela, Chantada, Foz, A Rúa, A Guarda, Cambados, O Grove e Silleda.
  • 4- Restantes núcleos: Finalmente, o sistema de asentamentos péchase co resto dos principais núcleos municipais e parroquias que desempeñan unha maior centralidade nos seus ámbitos e nos que se deben focalizar as actuacións de dotacións ou desenvolvemento local.

Este sistema urbano policéntrico acadarase a través da aplicación de diversas determinacións específicas, destacando as seguintes:

  • A Xunta formulará un Plan Territorial Integrado para cada Espazo Metropolitano e para cada Área Urbana co criterios de carácter supramunicipal orientados a:
    - Fortalecer as conexións por estrada e ferrocarril e o transporte colectivo.
    - Localizar as áreas de solo para actividades empresariais e equipamentos de rango metropolitano.
    - Determinar as áreas a protexer polos seus valores e funcións ambientais.
    - Establecer as medidas de coordinación para que os instrumentos municipais de planeamento urbanístico sexan congruentes entre si.
    - Estimar as necesidades de solo para vivenda protexida.
  • Os plans e actuacións potenciarán as cabeceiras do sistema urbano intermedio.
  • Serán ámbitos aptos para o desenvolvemento urbano os solos que reúnan os requisitos de idoneidade e necesidade e sexan clasificados como solo urbano ou urbanizable.
  • Os instrumentos de ordenación e o planeamento que prevean o desenvolvemento de actuacións residenciais deberán facer un diagnóstico xustificado non superior a 12 anos. Non poderán prever crecementos desvencellados dos asentamentos preexistentes. Deberán garantir a mobilidade prestando especial atención ao transporte sostible. Priorizarán a compactación das vilas e núcleos existentes fronte á expansión sobre terreos en estado natural.

Infraestruturas

Son consideradas elemento clave tanto para a articulación interna como para a conexión exterior. As autovías e o resto de infraestruturas viarias deben permitir unha maior integración interna e así está reflectido xa no Plan Director de Estradas de Galicia. A Alta Velocidade Ferroviaria desenvolve tamén un papel esencial na articulación dos sistemas urbanos, polo que é esencial a conexión con Madrid e do eixe Lisboa-Porto co Eixe Atlántico galego. Ademais, as súas novas estacións poden impulsar proxectos de renovación urbana. O sistema portuario debe planificarse con criterios de cooperación e complementariedade e o aeroportuario debe ser eficaz para conectar a Galicia internacionalmente. Igualmente, outras infraestruturas como as redes de enerxía, as telecomunicacións, o solo empresarial ou os equipamentos son pezas básicas para fortalecer a base produtiva de Galicia.

A articulación territorial e a distribución das dotacións, equipamentos e infraestruturas veñen configuradas por determinacións como:

  • Os Espazos Metropolitanos, as Áreas Urbanas e as cabeceiras do Sistema Urbano Intermedio estarán conectadas por vías de altas prestacións.
  • Preveranse plataformas loxísticas asociadas aos portos e aos nós de confluencia de infraestruturas.
  • Priorizarase o Plan Director de Estradas que ten como obxectivos fundamentais completar a comunicacións co exterior, reforzar a articulación interior cunha rede xerarquizada, situar todos os núcleos a menos de 30 minutos dunha vía de altas prestacións, mellorar o acceso aos equipamentos supramunicipais, conectar os sistemas portuarios, aeroportuarios e ferroviarios e articular as cidades e as súas periferias.
  • Impulsarase a rede de Alta Velocidade Ferroviaria como elemento integrador das grandes cidades e as súas conexións exteriores.
  • Potenciarase a rede convencional para o uso de mercadorías e para as cercanías.
  • Mellorarase a accesibilidade aos aeroportos.
  • Potenciarase a participación da Xunta na xestión aeroportuaria e coordinarase a oferta dos tres aeroportos.
  • O sistema portuario galego está integrado polos portos de interese xeral do Estado e polos autonómicos. Os primeiros terán conexión ferroviaria e acceso viario en alta capacidade á rede xeral do Estado.
  • Optimizarase o uso de espazos portuarios promovendo a reubicación noutras áreas daquelas actividades que non requiran de emprazamento nos portos.
  • Potenciarase a coordinación entre as cinco autoridades portuarias estatais e Portos de Galicia, así como a paulatina integración funcional dos portos integrados nos Espazos Metropolitanos.
  • Completaranse as infraestruturas de telecomunicacións para facilitar o acceso a todos os núcleos do sistema de asentamentos proposto nas DOT.
  • En todo cada desenvolvemento preveranse galerías de servizo que faciliten a implantación posterior de redes de telecomunicacións ou enerxéticas.

O litoral

É un ámbito singular polos seus ecosistemas, valores culturais e importancia económica. Concentra o dinamismo demográfico de Galicia con catro das sete cidades e coas comarcas de maior densidade de poboación. As Directrices prevén unha proposta específica a través do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que deberá:

  • Preservar a costa limitando os novos desenvolvementos.
  • Configurar un sistema de percorridos peonís que enlace faros, paseos marítimos, espazos naturais e sendas costeiras e que permita o disfrute do litoral.
  • Potenciar os portos e núcleos tradicionais como elementos de identidade que concentren o crecemento e a localización de espazos de lecer e deportes náuticos.
  • Desenvolver espazos turísticos dinámicos apoiados en espazos urbanos como alternativa ao modelo inmobiliario de segunda residencia que caracteriza ao turismo costeiro.
  • Articular o litoral con sistemas de transporte colectivo.

Algunhas das determinacións máis importantes á hora de plasmar este modelo territorial no litoral son as seguintes:

  • O Plan de Ordenación do Litoral, que terá natureza de Plan Territorial Integrado, incluirá todos os terreos e elementos nos que se produce algunha relación ambiental, funcional, urbanística ou visual coa costa. Concretará as medidas de protección e establecerá as condicións para o desenvolvemento urbanístico e a implantación dos distintos usos.
  • As actuacións e restauracións no solo rústico de protección de costas deberán procurar o máximo respecto ás súas características naturais.
  • Completarase o deslinde do dominio público marítimo-terrestre en todo o litoral galego.
  • O planeamento municipal contemplará a renovación da fachada litoral con criterios de calidade e integración co entorno e configurará os portos tradicionais como áreas de centralidade, identidade e imaxe urbana.
  • As Administracións definirán unha rede de itinerarios costeiros e promoverán a ampliación do dominio público marítimo terrestre.
  • As novas plantas de acuicultura so poderán emprazarse nas localizacións previstas no Plan Sectorial de Acuicultura en solos de titularidade pública e en réxime de concesión.

O medio natural, a paisaxe e o patrimonio cultural

Un contorno natural ben conservado e unha paisaxe valiosa son factores importantes para o desenvolvemento dun territorio como o galego, polo que as DOT propoñen:

  • Identificación de Áreas Estratéxicas de Conservación, que inclúen os espazos protexidos por calquera figura e calquera outro ámbito que se considera necesario preservar.
  • Establecemento de criterios para adecuar as actividades á capacidade de cada espazo.
  • Protección dos ámbitos fluviais facilitando a súa conservación, reducindo a incidencia das inundacións e configurando unha rede de Corredores Verdes como ámbitos de conexión ambiental e de disfrute sostible do territorio.
  • Identificación dunha rede de áreas recreativas e dun sistema de núcleos vinculados ao patrimonio natural que dean soporte ás actividades de lecer.
  • Establecemento de criterios e mecanismos para conservar e mellorar a paisaxe.

As Directrices consideran imprescindible incorporar os elementos patrimoniais (centros históricos, edificios, paisaxes, etc.) ás iniciativas de desenvolvemento con propostas que os poñan en valor. Os centros históricos deben ser espazos atractivos e vitais de cidades e núcleos rurais que atraian o desenvolvemento.

Para acadar esta ordenación natural e patrimonial as determinacións establecen:

  • Nos conxuntos históricos e áreas de conservación será prioritaria a rehabilitación fronte aos novos crecementos.
  • Identificaranse as zonas de maior valor agrícola e inventariaranse os montes públicos e veciñais en man común.
  • Acometeranse restauracións ambientais e paisaxísticas nas zonas mineiras en funcionamento ou abandonadas.
  • Nas Áreas Estratéxicas de Conservación non se permitirán novos parques eólicos nin solares agás que nos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais ou Plans de Ordenación do Medio Físico se prevea de xeito excepcional.
  • Non se executarán novos desenvolvementos se non está garantido o saneamento e abastecemento de auga, e deberán separarse as redes pluviais das residuais.
  • Un mapa de zonas inundables establecerá qué terreos non poden ser obxecto de transformación urbanística.
  • Os residuos de escavacións e obras serán controlados e contribuirán a recuperar a topografía orixinal en lugares como canteiras abandonadas.
  • A Xunta conformará un inventario de Bens do Patrimonio Cultural de Galicia.
  • O planeamento urbanístico promoverá a revitalización dos cascos históricos.

Aplicación e tramitación

As Directrices de Ordenación do Territorio serán de aplicación a todos os instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico agás aqueles aprobados provisional ou definitivamente á entrada en vigor das DOT.

A figura das Directrices de Ordenación do Territorio foi creada pola Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia. A Lei establece que lle corresponde á consellería competente en materia de política territorial, a actual CPTOPT, a elaboración das Directrices e a súa aprobación inicial, acordo que será publicado tanto no Diario Oficial de Galicia como no Boletín Oficial del Estado. Ademais, o documento íntegro seralle remitido á Delegación do Goberno en Galicia, ás Deputacións provinciais e aos concellos. Desde a publicación no DOG quedará aberto un período de exposición pública de dous meses, dentro do cal as distintas administracións e entidades públicas e privadas poderán expoñer cantas observacións e suxestións estimen convenientes. Concluído dito prazo, a CPTOPT, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda, procederá a outorgar a aprobación provisional das Directrices, que elevará ao Consello da Xunta e das que dará traslado ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto no Regulamento do Parlamento de Galicia para os plans e programas remitidos pola Xunta. Sempre segundo o disposto na Lei 10/1995, logo de dita tramitación, o Parlamento remitiralle o documento á Xunta de Galicia, que o aprobará definitivamente como decreto e que será publicado tanto no DOG como no BOE.

Máis información

Fonte e máis información

 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com