|

Unha das citas máis importantes e singulares do verán chega esta fin de semana. A bisbarra trasládase varios séculos cara atrás para preparar a revolta irmandiña. A vila vestirá as mellores galas e ao longo da fin de semana desenvolverase ademais as I Xornadas do pincho irmandiño Vimianzo 08, para marcharmos definitivamente cara a Idade Media. Esta pasada fin de semana homenaxeabamos a bitácora Asalto Vimianzo, creada para a ocasión e que serve para levar a publicidade máis aló da bisbarra. Este ano é a XIII edición do ASALTO Ó CASTELO, e terá lugar este sábado 05 de xullo de 2008. Así, dende a organización da Asociación Cultural Axvalso animan a participar na noite máis tola da Costa da Morte, nesta REVOLTA no castelo de VIMIANZO. Haberá teatro, humor, realidade e ficción, con meigas, guerreiros, defensores e asaltantes. Programa Ademáis do Asalto que ten lugar a medianoite, realízase ó longo da xornada outro tipo de actividades nas que se tratan temas sociais, medioambientais e musicais. Así, pola tardiña, dende as 19:00 haberá actividades infantís, xogos alternativos e tradicionais. Os Títeres e os paiasos, estarán amenizados pola Charanga TikisMikis Band. Pola noite, dende ás 22:00, xa teremos música. Serán os grupos Xúa, Mercado Negro e Motor Perkins os que poñan a nota musical. Botade un ollo máis abaixo de que se tratan estas bandas E para chegar ao cumio da noite, cara a medianoite, procederemos a disfrutar do gran espectáculo, o Asalto ó Castelo. Ademais de estas actividades a organización ofrece unha pequena mostra de artesanía, un Servizo de cociña, Zona de acampada, Carpa, a I Xornada de Pinchos Medievais estará polos bares, e todo isto lembrando que a entrada é DE BALDE. Un pouco de historia O Asalto ó Castelo de Vimianzo (A Coruña) é unha festa que se celebra o primerio sábado de Xullo dente hai trece anos. Esta festa está organizada pola Asociación Cultural Axvalso, entidade sen ánimo de lucro, formada por residentes da Comarca de Soneira. O Asalto ó Castelo recorda as Revoltas Irmandiñas que tiveron lugar en toda Galicia, e especialmente no Castelo de Vimianzo no século XV, onde o pobo se levantou en masa contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ó presente, o Asalto ofrece un amplo espectro de personaxes e situacións que dalgunha maneira simbolizan as inxustizas do mundo moderno e amosan a problemática social actual. A representación, que se inspira no teatro das rúas, realizase en clave de humor e sempre coa participación activa do público. Os asistentes se converten en asaltantes e comparten escea con guerreiro, meiga, comendador e defensores. Estas personaxes guían ós participantes a facer un recorrido físico que os levará cara ó castelo onde se realiza a toma simbólica do mesmo. Os irmandiños vivirán unha aventura diferente, usarán fachos para alumear o camiño, levarán un ariete para romper a porta da fortaleza, loitarán contra os defensores con globos de auga coma única arma, presenciarán o engaiomento do arzobispo e poderán ser testemuñas da decisiva loita entre o guerreiro e o comendador do castelo. Os grupos Xúa (Galicia) Este proxecto musical reivindica a cualidade artesá do oficio de músico e a dignidade do mesmo. O grupo vén de presentar o seu primeiro disco, Xúa, editado no 2007. A banda reivisita a tradición galega mesturada con composicións propias, sen pechar as portas a outras posibilidades. Aínda que basa a súa filosofía sonora na tradición do folk galego, non renuncia a incorporación de ritmos procedentes doutras disciplinas artísticas que beben do jazz ou funk coa preeminencia da voz feminina da cantante. Pasade pola bitácora e ollade un pouco máis polo miúdo de que van. Mercado Negro (Angola) Eles fan un reggae con ritmos africanos que, segundo suas palabras, soa a ”Viagem, Sonho, Amor, Energia, Partilha…e brilhozinho nos olhos“. Teñen dous traballos publicados no mercado, Mercado Negro, do 2004 e Aquecimento global, do 2006, que avalan a súa calidade coma músicos. Sons rítmicos, alegres e optimistas sen olvidar o seu compromiso coa reinvidicación e a solidariedade. Letras reivindicativas en defensa do planeta e dos máis débiles. Botade aquí un ollo. Motor Perkins (Galiza) O nome de Motor Perkins, vaille que nen pintado. Motores que moven a nosa Galiza rural, para labrar as campias, roturar as terras e deixalas preparadas para a semente. Oito músicos que vos farán bailar sen parar ó ritmo de folk-rock. Os violíns, banjos e acordeóns mestúranse con baterías e guitarras eléctrica para que non paredes de botar en tódala noite. Deberedes deixar unha boa reserva de enerxía para o fin de festa. Aquí hai máis información sobre a banda. A rebeldía irmandiña chámate, NON FALTES!!! Máis información Novas relacionadas Fonte
|