|
Esta pasada fin de semana celebrábase unha romería moi especial en Corcubión. O campo da Redonda acollía a festa do San Pedro. Como cada ano, o campo e o souto de arriba, forman o mellor escenario para que pequenos, mozos e maiores, disfruten da festa. Foron varios os grupos que acamparon detrás do campo e pasaron unha fin de semana de troula total. Pero xa se sabe que neste concello non hai nada que poida ser disfrutado entre todos e sen desputas, e nin sequera as festas salvan da criba. O San Pedro caía este ano en domingo. Podía ser unha boa oportunidade para que mozos e maiores compartiran baile, pero ao final non foi así. A mocidade corcubionesa, case toda residente na Coruña e noutras zonas do país e mesmo do continente, xuntáronse ao longo do sábado arredor da sardiñada e das fiambreiras. Todos envoltos en camisetas co lema SPS (San Pedro Sábado), uns vermellos, outrs azuis, outros verdes, levaron as tortillas e o alpiste e alongaron a noite ata altas horas da madrugada. Pero como non había nin orquestras nin maiores, a festa sabatina quedou un tanto coxa. Corcubión fraccionouse e o domingo, o día grande, a xuventude case que non participou. Alén da resaca, a mocidade tivo que marchar para os seus lugares de residencia e non puido, ou non quixo, participar da xornada dominical. O campo estaba pletórico. As mesas de pedra estaban reservadas dende as 6.00 da mañá, que hai que madrugar dabondo para collelas. O resto do campo e do souto noviño recén plantado hai uns anos, estaban ateigadon de mesas cheas de familias con comida e bebida a eito. Empanadas, tortillas, bizcoitos, e moito viño estaban preparados para recuperar un pouco logo da sesión vermú e antes da sesta. Para moitos, o momento cume é cando abre a porta a orquestra da sesión vermú. O bar preparado para a ocasión estaba cheo, e as borracheiras xa se deixaban entrever. Apareceu a Trova, da que moitos resaltaron a miudez do seu palco. "Non é tan pequeno, lembras hai un par de anos que viñeron uns cun carriño que era coma os dos xeados da Micaela", apuntaban por aí. Coma sempre, a S.V. quedou en nada, e cando o campo xa se animaba a bailar, acabou a festa. A comer. O souto cobrou protagonismo e as familias arrexuntáronse para disfrutar dunha boa comida rupestre e divertida. De aí á sesta e da sesta ao bar. No campo xa estaba preparada a pantalla xigante argallada entre a RadiONeria e Satelpa, para ver o partido da selección. O exceso de luz fixo que moitos baixaran aos bares a velo encontro, pero a segunda metade xa se veía de marabilla. Máis festa, a selección, campiona de Europa, a pesar de que a uns cantos non lle fixera gracia ningunha. Xa chegaba a verbena e a Trova voltaba á escena. A xente dábao todo, bailongo divertido para todas as idades e xéneros. A America SL, algo máis pudiente, trouxo aos máis novos cara adiante, que caldeaban o ambiente. O campo da festa estaba entregado e todo o mundo o pasou de medo. O luns seguía a festa e cunha das orquestras máis míticas do país: Os Satélites. Con todo, ao ser luns a xente non respondeu igual que se fora en fin de semana, pero o espectáculo foi de traca. Repasando un pouco, laiámonos de que no concello non se chegue a un acordo para que todo o pobo poida disfrutar dunha das festas máis importantes do ano. Non é que estemos dun lado ou doutro, que parécenos normal que hai xente que defenda que o San Pedro sexa no seu día correspondente, pero o feito de non chegaren a un acordo nin cando coincida en domingo, dá que pensar. Agardamos que para os anos vindeiros se poida compaxinar a festa co sábado anterior, e que todos participemos dunha, ou das dúas xornadas. Fonte
|