|
Heliodoro Sande pensa que as gaivotas e outros paxaros son parvos de nacemento, xa que aínda que discorran mil maneiras de roubarlle a comida a outros animais, ás veces máis grandes e máis feros, non son capaces en cambio, de aprender un canto novo conforme van pasando por eles os anos. Sempre, ano tras ano, cantan da mesma maneira, cos mesmos requebros e ca mesma intensidade, a pesar de que aínda sendo miles, ou máis ben millóns, vivan onde vivan, sexa en Rusia ou en Muxía, non exista sequera unha que, poñendo a listeza a fucionar, sexa capaz ao igual que fan os merlos ou os monos, de ensinar ou deixarse imitar como sería o normal. Heliodoro non deixa escapar a oportunidade en que, paseando ou traballando na súa dorna, critique e fale pestes das pobres parvas das gaivotas. Cas galiñas en cambio, é un pouco mais comprensivo e benevolente, xa que pensa que estas, debido a que cada día teñen que discorrer como fan o ovo, non teñen tempo para aprender un canto novo, e, ademais se cambiasen o canto, el, que ten un galiñeiro con quince galiñas -catro de elas co pescozo pelado-, e sete quicas, non se enteraría cando poñen o ovo e non podería facer esa tortilla de rinchóns que tanta fama lle dou andando de cociñeiro nun mercante que facía a ruta de Torrevieja a Marín cargando sal. Haberá catro anos que Heliodoro, gabeando ao tellado do Chanfaineiro, rouboulle os dous ovos que unha gaivota puxera no niño, e púxollos a incubar a unha quica que tiña choca, e tan pronto naceron os pitos metíos na gaiola dos canarios, para demostrar a humanidade de que en realidade o refrán de “Dime con quien andas y te diré quién eres” era pura sabiduría. As primeiras semanas, os pitos foron alimentados pola canaria que como é sabido, sacan o instinto maternal, tan pronto poden e teñen con que, e, de feito, ao cantar a canaria, os pitos de gaivotas abrían moito os ollos –según Heliodoro-, e efectivamente saíanlle uns sons moi finos, que Heliodoro asociou inmediatamente ca súa teoría. A cousa parecía que iba vento en popa e xa Heliodoro, se vía cheo de cartos traballando no Circo Ruso, cas ”sen par no mundo gaivotas que cantaban como canarios”, e así o empezou a contar por toda a bisbarra, a onde non chegaba el, mandaba recado. Pero cando transcurriron tres semanas, vimos a Heliodoro todo alicaido e recorrendo canto bar había, que eran dezaoito, e en cada un de eles, metíalle no corpo un solisombra de 501 con Cadenas. Contou, case que chorando, que xa cando os pitos estaban grandiños, vío cos seus propios ollos como, os dous pitos colleron a canaria e cada un de eles tirando para si, tronzárona a metade, para despois de este acto, comer a que hasta aquel momento fora a súa nai de un so bocado, deixando ao probe de Heliodoro, cos ollos e ca boca aberta. Pero por se fose pouco, tan pronto comeron a canaria, puxéronse os pitos a cantar, e para maior sorpresa aínda de Heliodoro, as desgraciadas cantaban igualiño igualiño, que cantan o resto das gaivotas, sexa en Rusia ou en Muxía. Columnas anteriores Fonte
|