|
Pasou xa tanto tempo, que non sei moi ben en que momento da miña vida, sentín atracción por primeira vez, das cousas mortas. Non cousas mortas aparentemente como poden ser os minerais ou as madeiras cortadas ou os fósiles mesmamente. A miña atracción foi por cousas que un pouco tempo antes estiveron vivas, andando, respirando e emitindo sons. Insectos, aves, e todo tipo de animais, foron, ao deixar a vida, tesouros que eu buscaba por todos os rincóns do meu entorno. Un dos sitios preferidos da miña busca, foron as beiras da estrada. Levantábame moi cedo, cando o sol aínda non saíra polo monte do Faro, e despois de tomar un café moi cargado, collía as chaves do coche, e poñíame a percorrer, sempre ca mesma rutina, máis de cen quilómetros de estradas, pistas e camiños. Non houbo un día no que viñera sen atopar nada para miña casa. Antes, cando non tiña coche, e tiña que percorrer o mundo andando, encontraba máis cadáveres, pero tamén máis pequenos. O coche foi a revolución na miña colección. Cans, raposos, gaivotas, gatos, xinetas, esquíos, e un sinfín de animais, fixeron do meu coche o sitio do mundo onde máis cheiraba, despois do mesmo inferno. Era na curva de Bostelo, na que había un pequeno barranco, onde encontraba sempre algún tesouro, e sempre era alí, a onde primeiro me dirixía. Sempre. Aparcaba o coche antes da curva, e dirixíame andando arrimado a veira do barranco, mirando e ulindo, por se o día anterior, por ser noite aínda, algún dos meus tesouros quedase alí. Nunca vin a ninguén rondando por esa curva, xa que a estrada de Bostelo, era pouco frecuentada por humanos, e por iso mesmamente, era moi visitada por animais, que se acercaban a beber no pequeno rego de auga que discorre polo fondo do barranco. Teño que dicir, que eu mesmo, matei a moitos de eses animais co meu coche, e se non matei máis, foi porque algúns de eles, xa os faros do meu coche non chegaban a deslumbrar, por que o son do motor, coñecido para eles, os poñía sobreaviso. Hai tres días, o meu coche por vez primeira na súa longa vida, non encendío o motor, e saín da miña casa andando, dirixíndome cara a curva de Bostelo. Non sei quen foi, pero xusto cando estaba no medio da curva, un coche, embestíome e recordo nitidamente como o meu corpo voaba polo aire, e recordo como o meu corpo aterraba nas pedras do fondo do barranco. Hai tres días, que estou tirado aquí, e sin poder moverme nin falar, vexo como centos de animais me visitan pola noite, e a choiva refréscame polo día, e aquel can, e eses raposos, xa empezaron a devorarme pola cara, e polos brazos, e pouco a pouco, xa o meu corpo vai quedando libre de carne, e eu espero, por ver se mañá, son eu mesmo o que chego e me encontro, e me levo para miña casa, para formar parte como o trofeo mais valioso, da miña colección de cadáveres. Columnas anteriores Fonte
|