
Ata 90.000 euros serán aprobados dende a Consellería de Pesca para desenvolver a segunda fase do proxecto Mardelaxe. O proxecto, que abría a súa web esta pasada fin de semana, continúa ao igual que a iniciativa Mardelira poñendo á nosa bisbarra na vangarda da recuperación da pesca para a sociedade. As liñas de traballo van enfocadas a crear posibilidades variadas. Pensan en actividades como unha serie de rutas guiadas polo porto e a ría, cursos de formación, actividades para os máis pequenos, o intercambio de coñecementos con poboacións pesqueiras do mundo, ata a difusión de información sobre os produtos pesqueiros poxados na lonxa de Laxe e actuacións no eido da conservación de tradicións. A dignificación da profesión de mariñeiro e a integración total do sector pesqueiro na nova economía da bisbarra son dous dos pasos importantes que estas iniciativas queren percorrer. Nunha zona onde o mar é parte da nosa indiosincrasia, a pesca ten que seguir sendo nosa, e para iso hai que coñecela dende dentro. Nota de prensa da Consellería de Pesca PESCA APOIA A SEGUNDA FASE DO PROXECTO “MARDELAXE” DE PROMOCIÓN DA CULTURA MARIÑEIRA - A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro asistiu na xornada de hoxe á presentación da páxina web desta iniciativa.
- Con esta actividade preténdese revalorizar o patrimonio pesqueiro de Laxe, dignificar o traballo realizado polas xentes do mar e obter beneficios económicos que favorezan a actividade pesqueira.
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2008.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos financia con preto de 90.000 euros a segunda fase do proxecto “Mardelaxe”, que vén promovendo a Confraría de Pescadores desta localidade coruñesa dende agosto de 2005 e que na xornada de hoxe deu a coñecer a súa páxina web, nun acto no que estivo presente a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo. Esta iniciativa enmárcase na Orde do 6 de marzo de 2007 da Consellería de Pesca pola que se establecen as bases e se regula a concesión de axudas para proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro. A páxina web de “Mardelaxe” www.mardelaxe.org, accesible dende o día de hoxe, pretende achegar ao público en xeral os obxectivos e actividades desta iniciativa coa que se quere revalorizar e preservar o patrimonio pesqueiro de Laxe, dignificar o traballo realizado polas xentes do mar e obter beneficios económicos para pór en marcha medidas que favorezan a estes profesionais. Deste xeito, a segunda fase de “Mardelaxe”, que se desenvolve no bienio 2007-2008, pretende continuar coas actividades que deron vida á súa primeira etapa, pero ampliando e diversificando os seus contidos. As accións, que van dirixidas aos escolares de toda Galicia, aos centros da terceira idade da Costa da Morte e a todas aquelas persoas que visiten a zona, consisten nunha serie de rutas guiadas polo porto e a ría, cursos de formación, actividades para os máis pequenos, o intercambio de coñecementos con poboacións pesqueiras do mundo, a difusión de información sobre os produtos pesqueiros subhastados na lonxa de Laxe e actuacións no eido da conservación de tradicións. Durante a súa intervención, Fátima Linares destacou a “especial relevancia” de proxectos como “Mardelaxe” xa que buscan dar a coñecer “as verdadeiras esencias e saberes” da cultura mariñeira, así como o papel social e profesional dos traballadores do mar e a calidade dos produtos da pesca artesanal de Galicia. Ademais, a directora xeral destacou o feito de que fora nunha zona tan dependente da pesca como a Costa da Morte onde xurdiron iniciativas como a desta vila coruñesa. Na súa opinión, trátase de actuacións que están a desempeñar un importante papel na recuperación do recoñecemento social dos pescadores, “difundindo a realidade da pesca e da súa cultura e empregándoos como un elemento máis para o desenvolvemento local”. Actividades de “Mardelaxe” Entre as actividades de “Mardelaxe”, e co fin de dar a coñecer o patrimonio pesqueiro e a forma de vida dos profesionais do mar, atópase unha ruta guiada polo porto pesqueiro que remata cunha visita en barco pola ría, onde os asistentes poden observar diversas zonas da costa, como calas escondidas ou caladoiros de pesca. O percorrido finaliza coa degustación dun produto típico do mar galego. Por outra banda, atópase a “Aula do Mar”, un espazo destinado á formación dos profesionais que traballan no sector pesqueiro que tamén ofrece cursos complementarios sobre cociña, xardinería, inglés ou informática. Así mesmo, neste lugar desenvólvense as actividades da “Escola Divertida” nos meses de verán e Nadal, na que se pretende que os nenos se familiaricen co mar e a aprendan a respectalo dende novos, ao mesmo tempo que se divirten. Así mesmo, a Confraría de Laxe continúa coa iniciativa de intercambio de información e coñecementos con comunidades pesqueiras de todo o mundo, como xa o fixera, no ano 2006, coa visita de Uruguay, Arxentina, Chile e a Illa de Hierro. Outra das actividades realizada ao amparo de “Mardelaxe” é a colocación de carteis e paneis na lonxa de Laxe, con información sobre as especies que se comercializan neste lugar, a súa forma de captura coas artes empregadas polas embarcacións pesqueiras e o proceso de venda. Ademais, os consumidores poden levar á casa trípticos informativos que tamén se reparten na “rula”. Por outra banda, para a recuperación da tradición pesqueira, no período 2007-2008 tamén se están a realizar cursos de vela tradicional durante os meses de verán para que os máis novos aprendan a navegar como o facían os antigos mariñeiros. A última das accións que recolle “Mardelaxe” está orientada a promocionar o patrimonio sociocultural a través da conservación das tradicións mariñeiras, sendo a celebración do “Naufraxio” a súa principal actuación. Este acontecemento ten lugar cada ano dende 1962 e coincide coa festa da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Axudas de promoción sociocultural O proxecto “Mardelaxe” desenvólve ao amparo da Orde do 6 de marzo de 2007 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Esta normativa foi convocada para incentivar, coa achega de case un millón de euros, a realización, por parte das entidades do sector e das comunidades pescadoras, de proxectos participativos de promoción sociocultural coa proxección suficiente para contribuír a dinamizar as rexións do noso litoral. Ademais, Fátima Linares explicou esta mañá que estas actividades son “perfectamente compatibles” coa actividade pesqueira. En base a esta orde, os proxectos deben ter finalidade formativa, turística, ambiental, cultural e social ou de recuperación de valores ou tradicións e poden ser promovidos, entre outros, por confrarías de pescadores e as súas federacións; organizacións de produtores pesqueiros; asociacións de mariscadores ou outros profesionais do sector; fundacións, agrupacións ou institucións sen ánimo de lucro que realicen a súa actividade en Galicia. A Consellería de Pesca aposta por este tipo de axudas porque entende que é necesario promover a dinamización das comunidades de pescadores mediante a interacción de accións e programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social dos mariñeiros. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia.
|