|
A Consellería de Medio Ambiente, dando un gran paso na racionalización e xestión dos recursos piscícolas de Galicia, anuncia que vai a iniciar no outono os trámites para a aprobación dos plans de ordenación dos recursos piscícolas (PORP) dunha ducia de ríos galegos. Entre eles atopamos a varia cuncas da Costa da Morte como son ás dos ríos Castro, Lago, Nego e Brens, na comarca de Fisterra; a do río Grande de Baio, e a do río Anllóns, que vemos na imaxe ao seu paso polo lugar de Verdes. Estes plans realizarán un amplo estudo sobre a situación de cada conca e de cómo afecta á riqueza piscícola, e xunto outra seriede medidas, teñen como obxectivo diagnosticar e mellorar a calidade das augas dos ríos e rías de Galicia. Entre as medidas que a consellería realiza a día de hoxe atopamos o Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia; o Plan de Seguimento do Estado Ecolóxico das Augas, ou o Plan de Saneamento das rías de Galicia. Vemos como o estado dos ríos non é o mellor, e así o demostran denuncias como a dos veciños de Pasarela, en Vimianzo, onde avisan da alta mortalidade de peixes no mesmo río Grande á altura da súa parroquia; ou as denuncias do grupo ecoloxista PX sobre as augas do río Xallas.  Nota de prensa da Consellería de Medio Ambiente A Consellería de Medio Ambiente iniciará no outono os trámites para a aprobación dos plans de ordenación dos recursos piscícolas dunha ducia de cuncas galegas - A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ten elaborados 12 plans para a ordenación doutras tantas cuncas dos ríos, mentres que outra ducia de traballos están en fase de redacción ou a piques de iniciarse.
- Nos vindeiros meses os plans rematados pasarán os trámites de información pública e petición de informes, para presentarse posteriormente ao Consello para a súa aprobación como decretos.
- Os plans de ordenación suporán un gran paso na racionalización e xestión dos recursos piscícolas de Galicia, xa que permitirán determinar as especies e cantidade de poboación existente nos ríos de Galicia.
- Cada un dos traballos recolle unha diagnose do estado da cunca, situación xeográfica, conservación dos tramos, hidroloxía, vexetación e estado das poboacións piscícolas.
Santiago, 23 de agosto de 2008.- A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible iniciará nos vindeiros meses os trámites para a aprobación dos plans de ordenación dos recursos piscícolas dunha ducia de cuncas de ríos galegos. Estes plans suporán un gran paso na racionalización e xestión da riqueza piscícola de Galicia, xa que permitirán elaborar unha diagnose das diferentes cuncas e contar con datos obxectivos e reais das poboacións piscícolas existentes nas mesmas. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborou os plans de ordenación piscícola de 12 cuncas de ríos galegos, que nos vindeiros meses pasarán o trámite de exposición pública. Así mesmo, Medio Ambiente solicitará informes das consellerías con competencias na materia, para posteriormente presentar os plans á aprobación do Consello da Xunta mediante decreto. Os plans de ordenación piscícola recollen datos sobre a situación de cada unha das cuncas, que permitirán realizar unha diagnose do seu estado mediante os datos da situación xeográfica, conservación dos tramos, hidroloxía e calidade das augas, a vexetación existente e o estado das poboacións piscícolas presentes nos ríos, determinado as especies, a poboación das mesmas e a súa idade. Con esta batería de datos, cada plan presenta unha avaliación do estado piscícola dos ríos que permitirá á Consellería de Medio Ambiente planificar unha xestión ordenada dos recursos piscícolas e do seu aproveitamento, determinando por exemplo os tramos de pesca, as zonas de veda, a identificación de masas de auga en réxime especial, e permitirá establecer con criterios obxectivos as tallas, cupos e cañas en función da poboación de peixes. Plans elaborados A Consellería de Medio Ambiente ten xa elaborados un total de 12 plans referidos a outras tantas cuncas de ríos galegos, que están a piques de iniciar a tramitación necesaria para a súa aprobación. Estes primeiros plans corresponden ás cuncas dos ríos Castro, Lago, Nego e Brens, en Fisterra; a do río Grande de Baio, a do río Anllóns e as dos ríos Sor e Mera, en Ortigueira, todos eles na provincia de A Coruña. A estes súmanse os plans das cuncas dos ríos Arnoia, Bibei, Avia, Limia, Támega, a cunca do Edo e Mao, os ríos da comarca de Valdeorras e a cunca dos ríos Deva, Cerves e Outeiro, todos eles na provincia de Ourense. Outros 6 plans de ordenación están actualmente en fase de redacción, como son os das cuncas do río Mero, en A Coruña; e as dos ríos Navia, Lor, Neira, Eo, e a cunca do Masma, Landro e Ouro, na provincia de Lugo. A Consellería de Medio Ambiente tamén ten previsto iniciar os traballos de elaboración dos plans de ordenación das cuncas dos ríos Narla, Parga, Ladra e Támoga, os ríos Ferreira y Alto Ulla e o río Bubal, en Lugo; así como das cuncas do baixo Ulla, Lérez e Tea, na provincia de Pontevedra. Estado dos ríos e rías Os plans de ordenación de recursos piscícolas representan o estudo máis amplo que se pode realizar sobre a situación dunha conca e de cómo afecta á riqueza piscícola. Estes plans súmanse a toda unha batería de medidas artelladas pola Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de diagnosticar e mellorar a calidade das augas dos ríos e rías de Galicia. Entre estas medidas atópanse a posta en marcha do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, que ten por obxecto detectar a presenza de vertidos mediante a mostraxe continua das augas; o Plan de Seguimento do Estado Ecolóxico das Augas, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, que permite determinar a calidade das augas mediante análises das mesmas, ou o Plan de Saneamento das rías de Galicia, encamiñado a solucionar os problemas de depuración. Novas relacionadas Fonte
|