Venres, 30 de xulio do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

 


Seguenos no Facebook:




 Para coñecer un pouco mellor o traballo de Marcos Rodríguez


 


Horarios autobuses Costa da Morte




Patrocinado por:

Hotel  Insua patrocina estos Horarios











Salvacadelos

Os vídeos de Que pasa na Costa


RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Os charrúas do Uruguai e as charrúas de Allariz  Correo-e
martes, 02 de septiembre do 2008

Hai moitos anos que lín un moi documentado libro titulado O carnaval en Galicia. Nel teño marcada a páxina 185 porque alí o autor, Federico Cocho, falando do amplo repertorio de nomes populares das máscaras do entroido di que na vila ourensá de Allariz a denominación máis común é a de charrúas. Cito textualmente: En Allariz, recoleta vila e corte románica, 20 quilómetros ó sur de Ourense, a denominación máis popular era de charrúas. Non lle faltaban chocas, pelicas e unha vara na van. Risco recolleu un testemuño popular sobre a orixe do nome. Facíano derivar dun home da veciña Xinzo, moi afeccionado a se disfrazar e apodado asía, charrúa. O certo é que charrúas eran as tribus, xa extinguidas, que ocupaban unha ampla franxa de territorio á ámbolos lados do río Uruguai cando chegaron os conquistadores españois. É posible que algún indiano trouxese o termo e que despois se popularizase, por aquilo do exotismo, na fala da rúa. ¿Quén sabe se o indiano era ou non de Xinzo!

Estiven daquela pensando en facer un artigo dedicado aos residentes charrúas en Galicia porque a nosa terra acolle as súas ilusións con agarimo e corazón solidario. Sería unha boa nova para a cultura uruguaia se o nome charrúa viñese de América segundo aventura Federido Cocho. Se non o fixen foi porque tiña as miñas dúbidas. O nome charrúa existe en galego. Pero ademais, se nalgún documento anterior a 1492 aparecese recollido o nome, entón confirmaríase que non ten relación coa etnia americana desaparecida. Se consultamos o Diccionario Xerais da Língua vemos que a voz charrúa ten dúas entradas: a primeira como sustantivo feminino que nomea a tres obxectos: un arado grande de ferro, un tipo de arado tirado por unha cabalería e unha máscara de entroido; a segunda como adxectivo (voz indíxena americana) para denominar ao pobo amerindio que habitaba as terras da actual República Oriental do Uruguai e por extensión son tamén charrúas os habitantes e naturais do Uruguai.

Agora e grazas a un libro editado recentemente en Montevideo podemos dicir que o misterio está resolto. A propietaria da libraría Artigas (apelido do heroe nacional uruguaio) de Baio (A Coruña) prestoume o seu exemplar de El rico patrimonio de los orientales do que é autor Daniel Vidart. Neste ensaio publicado por Ediciones de la Banda Oriental o recoñecido antropólogo inclúe un capítulo titulado Posible origen del gentilicio charrúa. O vello investigador ---a súa primeira publicación é de 1946--- di algo que para min é o punto de partida: No sabemos cómo se denominaban los charrúas a si mismos. Generalmente es el Otro quien, desde una posición etnocéntrica, descalifica las cualidades morales o físicas de los extraños que, por el mero hecho de serlo, también se consideran enemigos. Vidart escribe que cre haber encontrado la fuente originaria del gentilicio charrúa. Como muchas otras palabras atribuidas a los indígenas o a los criollos, que considerábamos propias de nuestro continente, ésta también nos enfría el entusiasmo americanista dado que pertenece al acervo lingüístico europeo y dentro suyo al idioma gallego.

Lembra Vidart que cando preparaba un libro sobre o carnaval, chamou a súa atención a referencia que Julio Caro Baroja fai dunha comparsa de “máscaras fustigadoras” do entroido galego chamada os charrúas e tamén a enumeración das máscaras realizada por Fermín Bouza-Brey. Nun primeiro momento pensou que o nome viñera de América. Anos despois e transcribindo unha carta de Diego García do ano 1527 para a súa serie cronolóxica El Uruguay visto por los viajeros, le: En todo este descubrimiento que hicimos vimos muchas islas y arboledas y muchas parcialidades de indios que son los siguientes: la primera parcialidad a la entrada del río, a la banda del Norte, se llaman los Charruases. O tal Diego García era un experimentado mariño portugués (¿galego ourensán?) ao servizo da monarquía española que neste ano de 1527 facía a súa terceira viaxe ao Río da Prata. Antes viñera con Solís e Magallanes polo que coñecía ben os actuais territorios arxentinos e uruguaios das beiras dos ríos Paraná e Uruguai. Aclara Vidart que García era analfabeto e que foi un amanuense de pouco entendemento o que escribiu charruases en lugar de charrúas inventando un plural para unha palabra que xa estaba nese número.

O egrexio profesor uruguaio suliña a importancia de que García nesta terceira viaxe fixese a saída desde o porto da Coruña xa que esto hace suponer que, si bien García había nacido en Portugal, a esa altura de su vida Galicia era una tierra por él bien conocida. Engade que la cultura galaico-portuguesa comparte formas de vida y modos de ser reflejados en las festividades religiosas y las profanas polo que debe de desucirse que que el entroido, el carnaval gallego, con sus mascarones pintados de vivos colores y fachas estrafalarias, le era familiar. Entonces les llamó charrúas a unos indios de rostros extraños y pintarrajeados, a medias cubiertos con mantos de pieles decoradas con dibujos geométricos y cuyos gestos eran tan chocantes y sus atuandos tan astrosos como los de los agresivos mascarones gallegos.

Con moita humildade don Daniel expresa que mi pequeño descubrimiento remite a la fuente más creíble, o quizá menos endeble, acerca del origen y significado de la voz charrúa. Este nombre, ya existente en Galicia, fue utilizado por un europeo para designar al Otro, asociándolo con los pintarrajeados mascarones, el ridículo aspecto y la vocación agresora de los charrúas del entroido, el carnaval gallego. A verdade para min é que o tema é moito máis importante do que parece. No ensino uruguaio a doctrina oficial era a de que os charrúas ademais de valentes e loitadores eran os devanceiros daqueles estupendos xogadores de fútbol que en 1950 gañan o campionato mundial en Maracaná. Os xornalistas repetían que o éxito era por mor da “garra e o sangue charrúa”.

Quero facer unha pequena puntualización ao histórico descubrimento de Vidart para levar a auga ao meu muíño. Se Diego García fose realmente portugués debería ter nacido na zona de Chaves senón vexo moi difícil que puidese saber que as máscaras de Laza e Verín son os peliqueiros e que as pantallas son de Xinzo e que as charrúas son alaricanas. Postos a facer suposicións ata se pode pensar que tiña unha moza en Allariz e que antes de embarcarse para América estivo nos festexos ourensáns. Os entroidos costeiros coruñeses ou pontevedreses pouca semellanza teñen cos ourensáns e por tanto sen saír dos arredores da Coruña non me parece que García puidese informarse con tanta exactitude sobre unhas máscaras de ámbito local. A miña hipótese é que o mariño en cuestión era nativo de Allariz. Claro que sendo alaricano algunha boa razón tería para pasar por portugués. Non sabemos cal foi e o abano de posibilidades dentro dos tres grupos que se me ocorren (amorosas, laborais, relixiosas) é moi amplo.

  • Manuel Suárez Suárez.

Novas relacionadas

Colaboracións anteriores en Lonxe de Montevideo

 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com