|
A loita xa está aberta de novo, unha semana despois da aprobación do Plan Acuícola. Onte, Adega, a Asociación A Pergoliña de Camelle, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas ofreceron unha rolda de prensa en Compostela na que avisaron da batería de iniciativas contra a barbarie acuícola. Entre elas, xa advirten que as denuncias chegarán ata a Comisión Europea. As plataformas e colectivos mostráronse firmes e mesmo avisaron dalgunha consecuencia que pode conlevar as denuncias do plan. Segundo aseguraba Fins Eirexas, de Adega, a denuncia ante a CE podería facer que esta pechase a billa das axudas, cifrada en 390 millóns de euros que proveñen do Fondo Europeo de Pesca, que patrocina o 50% de cada planta. A teima está clara: Chegaremos ata o final, colocarémonos diante das máquinas e veremos se este Goberno progresista quere repetir expropiacións como as das Encrobas cos antidisturbios. Iniciativas contra o plan Un dos puntos que máis preocuda aos colectivos son os permisos de verquido. Segundo informa ADEGA, ningunha das 24 piscifactorías (11 novas e 13 ampliacións) ten permiso de verquido ao mar, nin un sistema de depuración obrigado pola Unión Europea. Con esta información extraída dun informe de Augas de Galicia, as plataformas pensan presentar un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ademais da denuncia ate a Comisión Europea, os colectivos veciñais presentarán un recurso contencioso administrativo contra o plan en canto saia publicado no DOG, por vulnerar, entre outras, a Lei de Protección da Paisaxe, a Lei de Costas ou a Lei da Conservación da Natureza. Tamén terán traballo os concellos. A promoción para declarar Espazos Naturais de Interese é algo que poden facer os concello de Camariñas, Vimianzo, Muxía Malpica, Carnota ou Corcubión. A promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular, para mostrar o rexeitamento da poboación é outra das posibilidades. Adega a participou na ILP Proxecto Ríos, e están traballando nesta de protección de costa. Os azuis con A e os verdes con B Unha das denuncias dos colectivos é o favoritismo do goberno actual para coa multinacional Stolt Sea Farm. Para os colectivos, o actual PSOE fai coa empresa norueguesa o mesmo que facía o PP con Pescanova no seu momento. Novas relacionadas
|