|
A Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas e Dega-Costa da Morte acaban de denunciar dous feitos alomenos sospeitosos. O primeiro fala as obras que se están levando a cabo na praia de Corna Becerra, que tratan de tapar a desfeita realizada coa tubería de verquidos. O segundo cóntanos das práctica mafiosas que sofre o presindente de ambas entidades, Xosé Manuel Casais, logo de calquera subida de tono na loita contra o Plan. Obras en Corna Becerra Ao longo da pasada semana unha pala mecánica realizaba obras na praia de Corna Becerra, situada diante da piscifactoría e na fachada da aldea. O traballo consistía en amorear pedras da zona para camuflar a tubería que teñen construida con cemento polo medio da praia pola que a piscifactoría verte as súas augas residuais. Xa ía sendo hora que tomaran medidas porque unha tubería por medio dunha praia saíndo 1 metro do nivel do mar supón un impacto importante. O Seprona pasou por aí pero as obras continúan. Ameazas Logo da denuncia do pasado venres, Xosé Manuel Casais sufría un novo incidente, o oitavo nos últimos meses. El teno claro: Isto non fai máis que refrendarnos, motívanos máis e non imos amedentrar. Ademais lembra que non 3 ou 4 os que están en contra da granxa, senón que é toda a vila a que está en loita. A cesión dos terreos da zona da ampliación para a comunidade de bens e para a cooperativa dá boa conta delo. Ante tanto problema, Xosé Manuel Casais ía denunciar estes días os feitos ante a Garda Civil. Que se as rodas pinchadas, que se pintadas e destrozos no seu viveiro... Con todo, non desespera e avisa de que para expropiarnos un metro, van ter que pasar por riba de nós. Cooperativa de agricultura ecolóxica O proxecto alternativo ao peixe de plástico que presenta a poboación de Quilmas, a meirande parte contraria ao plan, xa está a pleno rendemento. A Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raíña Lupa. A Sociedad Coop. Galega xa está rexistrada co seu Código de identificación fiscal (CIF) e xa mandou os primeiros envíos a Elche, Madrid e San Sebastián de los Reyes. Entre os produtos, a cooperativa está a facer mermelada de mora, tendo pensado en primeiro momento chegar aos 3.000 frascos. A pouca produción deste verán fai rebaixar un pouco as contas. Pasen por Quilmas, e paren no local da plataforma ou no viveiro Follas Novas en caso de non atopar a ninguén, e pregunten pola mermelada de mora Raíña Lupa. Comunicado Práticas mafiosas en Quilmas contra os opositores ás piscifatorías Este venres ADEGA e veciños de Quilmas denunciaron ante o SEPRONA as obras de tapado da tubería de vertido da Piscifactoría de Quilmas (Carnota). Unha pala mecánica amorea rochas da costa (protexida pola Rede Natura) sobre a tubería de vertido da planta para disimular e facer menos visíbel a auga contaminada procedente da piscifactoría de Stolt. Logo desta denuncia, atentaron por oitava vez en poucos meses contra as propiedades do presidente da Plataforma de Quilmas. Estes actos vandálicos repítense de xeito recurrente sempre que denunciamos actividades agresivas ou vertidos da piscifactoría de Stolt en Quilmas, que o Plano Acuícola vai ampliar de 25.000 a máis de 280.000 m2. Ao noso entender, estas accións tampouco son alleas á recente aprobación dun Plano Acuíola que lexitima e fomenta as práticas contaminantes destas empresas por toda a costa. O SEPRONA realizou xa unha visita a estas obras, que aparentemente non tivo repercusión xa que os traballos continúan. ADEGA e os veciños descoñecemos as consecuencias desta dilixencia xa que non fomos informados se efectivamente contaban permisos pertinentes para poder obrar na costa protexida do LIC Carnota-Monte Pindo, pertencente á Rede Natura 2000. Hoxe mércores 3 de setembro apareceron por oitava vez en poucos meses danos no invernadoiro propiedade de Xose Manuel Casais, Presidente da Plaraforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas e á súa vez de ADEGA-Costa da Morte. Estes actos vandálicos claramente planificados repítense de xeito recurrente días despois de denunciarmos actividades agresivas ou vertidos realizados pola Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas, que o recén aprobado Plano Acuícola pretende ampliar dende os 25.000 m2 actuais até máis de 280.000 m2. Ao noso entender, estas accións tampouso son alleas á aprobación dun Plano Acuíola que lexitima e fomenta as práticas contaminantes destas empresas por toda a costa. En ocasións anteriores ADEGA denunciou estes feitos reiteradamente ante a Garda Civil de Muros, comunicándollos tamén a AROGA (Asociación de Productores de Rodaballo de Galiza) que se desmarcaron dos feitos e apontaron a iniciativas particulares de operarios da piscifatoría. ADEGA e a Plataforma de Quilmas queren denunciar publicamente estas tácticas mafiosas de acoso e coacción aos veciños, polo feito de vivir e producir nunha costa que queren defender do expolio e contaminación provocada pola acuicultura industrial. Alén de condenarmos estas vergoñentas tácticas intimidatorias, queremos advertir aos seus autores que non van conseguir erosionar a oposición veciñal ás desfeitas das macroplantas acuícolas, nin disuadir a ADEGA de seguir denunciando os seus desmáns. Finalmente, esiximos tamén ás forzas de seguridade que investiguen estas prácticas reiteradamente denunciadas e poñan aos responsábeis a disposición da xustiza. Novas relacionadas Fonte
|