|
Estiven na Estrada recibindo o premio de xornalismo Reimóndez Portela e aproveitei a miña intervención para lembrar ao egrexio fotógrafo estradense Xosé María Silva Fernández que nacera en Montillón un 29 de setembro de 1897. A guerra colonial española en Cuba deixa sen pai ao neno Xosé María pouco despois de nacer. A viúva, dona Rosa, escolle o camiño da emigración saíndo en 1903 para as terras uruguaias onde residía un tío seu. Na capital uruguaia traballa de costureira e planchadora vivindo de alugueiro no barrio Sur. Logo en 1908 merca unha casiña no barrio de Villa Muñoz. A infancia do neno estradense foi feliz entre os nenos uruguaios. No seu primeiro barrio tivo contacto directo coa poboación negra e alí escoitou o soar do candombe ---las lonjas de los tamboriles--- nas tradicionais festas carnavaleiras. Rematada a escola é cando dona Rosa desexa que o seu fillo aprenda o oficio de xastre que era unha boa actividade naqueles tempos. Pero o seu fillo soamente traballou seis meses nunha xastrería pois o seu futuro non estaba alí. Por medio da recomendación da familia Henderson (donos do importante comercio de Montevideo chamado La tienda inglesa) Xosé María comeza a traballar na casa de fotografía El Indio que era a máis prestixiosa de Montevideo. Pouco antes de cumprir quince anos ingresa con forza e entusiasmo no estudo fotográfico situado na esquina da rúa Río Branco con 18 de Xullo. O noso emigrante entrou a traballar de recadeiro, pero axiña se fixo axudante de impresor que era daquela o encargado do control da impresión das copias. Naqueles tempos non existían as ampliacións e as copias facíanse por contacto e logo expoñíanse ao sol. O mozo Silva foi aprendendo todos e cada un dos chanzos do oficio. Para gañarse uns pesos a maiores, o seu xefe Ernesto Ucar, permitíalle que fose na compaña dun coñecido fotógrafo chamado Peregallo que se desprazaba a cubrir importantes celebracións fóra do seu estudo. Polo seu axeitado labor o noso emigrante, arredor do ano 1917, xa estaba encargado da actividade máis importante do estudio que era a toma das fotografías. O seu xefe delgaba nel e para que parecese un pouco maior utilizaba unha longa túnica branca que lle sobraba nas mangas. Un día de 1917 foi cando fotografou por vez primeira a Carlos Gardel. Así o conta o propio don Xosé María: “Por el año 1917, yo tomaba la mayor parte de las fotos. Un día de esos, en que estaba vestido con mi túnica para parecer mayor, llegó un par de jóvenes a la Fotografía. Querían que les sacara algunos retratos. Cantaban a dúo en los fines de fiesta de la compañía Morganti con el nombre de Gardel-Razzano, con los alias de El Morocho y El Oriental, según me enteré después. En aquel momento no me llamaron mayormente la atención. Con todo, simpaticé más con uno de ellos, más bien relleno pero con una sonrisa encantadora”. O noso emigrante está falando de Gardel que naquel ano 1917 estaba bastante recheíño pero que xa tiña na súa faciana o sorriso mítico do tango riopratense. Para afondar na obra de Silva recomendo a biografía publicada en Montevideo por Xoán Antonio Varese, titulada Memorias de José M. Silva. El fotógrafo de Gardel. O autor é un entusiasta da fotografía, foi presidente do Foto Club Uruguayo e nas páxinas do libro amosa seu fondo recoñecemento ao labor do noso estradense universal. As fotos de Gardel son as máis reproducidas do mundo e unha serie delas abonda para unha visita ata o concello da Estrada se as autoridades locais apostan pola creación dunha exposición permanente. Sei que algo se fará porque o alcalde quere oír como o agradecido Silva se gaba diante de Gardel e Razzano dicindo: ¡Se dan cuenta, muchachos, lo piolas que son los gayegos que hasta me hicieron un museo! Novas relacionadas Colaboracións anteriores en Lonxe de Montevideo
|