|
Pasaron por Corcubión canda as Mercedes e deixaron un aquel de pensar: e logho, por que non pasan por aquí máis ghrupiños coma este?. A praza de Castelao, que comezaba o seu concerto dubitativa, rematou bailando sen contemplacións, sen prexuizos e sen vergoña. O aire fresco con olor e sabor popeiro-popeiro de banda de raias abre un xeito de crear sons no panorama musical galego. Antes de nada, deixámosvos co Calamar, un dos seus éxitos máis frescos, na praza de Castelao de Corcubión:
Aquí quedamos con eles: - Como e onde nace a banda?
 The Homens empezamos a tocar xuntos en Santiago a finais do 2004. Todos nós viñamos doutros grupos de rock, garage ou hardcore (Fame Neghra, Stay Pretty, Street Fighter, Pollegros). Desde hai uns meses incorporouse á aliñación titular Cristovo, ás teclas. - Que outras tomades como referencias?
Somos bastante omnívoros en canto ao consumo de música, vai por rachas. Gústanos desde o pop e a psicodelia dos sesenta ao roots reggae dos setenta, o hardcore dos oitenta e o indie dos noventa, pasando polo punk guarro e as bandas sonoras das pelis clásicas de Rocío Dúrcal. Supoño que o que máis tomamos como referencia é o pop enérxico, de calquera época. - O das raias segue sendo un misterio?
O das raias nunca foi un misterio, nacemos con elas postas! - É fácil moverse na farándula galega e chegar a onde xa estades?
A verdade é que nós non é que nos movamos moito na farándula galega, se é que iso existe... Somos moi punks e o que nos gusta é facer o noso sen demasiadas interferencias de fóra. - Ata onde queredes chegar no panorama musical?
A facer cancións boas! E a que a roda se retroalimente, é dicir, a que os concertos que facemos nos dean para poder gravar un disco co que poidamos dar concertos que nos dean para gravar, etcétera. - Como vedes o futuro do pop e da música en galego?
Dubitativo, hahaha. Dun tempo a esta parte empeza a haber variedade de estilos e a xente pode escoller bastantes cousas ben interesantes, do pop á electrónica pasando polo hip hop ou o rock. Dependerá fundamentalmente de que se fagan boas cancións, que son un ben escaso. - Ides moito pola Galicia Profunda?
De feito é o que máis nos gusta: non houbo concertos máis salvaxes que os que demos na Molinera, un muíño eléctrico que hai na Peroxa no que caben corenta persoas ben apertadas. En todo caso, todos nós vimos da Galicia profunda e somos máis de congostra que de avenida de tres carrís, hahaha. - Como reacciona o público de fóra de Compostela, por que supoño que o ambiente e o tipo de público é moi diferente na cidade compostelán, co movemento cultural que existe que nestas vilas?
Non, non creo que o público sexa diferente en absoluto, así que a reacción é similar. Contra o que poida parecer, Santiago é un auténtico coñazo cultural, e no que se refire á música é un cemiterio. O que hai é moito armatroste cultural institucional, moito fogo de artificio e moita cultura para quedar ben cos turistas, o que esconde que, por exemplo, non hai nin un só sitio no que os grupos pequenos poidan tocar, que as iniciativas que non veñen das institucións son constantemente ignoradas... - Que tal a resposta das xentes de Corcubión?
 De marabilla. Tocamos algo tarde e facía un pouco de frío, pero a xente animouse e bailou, que é o que a nós máis felices nos fai. Drok e a xente de Corcubión que organizaron o festival son moi grandes, queremos darlles as gracias outra vez máis porque son uns cracks. - Que vos parece que un mércores as orquestas Nueva Moda e a América SL enchan a praza de Corcubión e un sábado haia 50 persoas para ver un festival de folk-rock?
Hahaha, paréceme normal. Pasa en todos os lados. - E a banda que os precedeu: snatch? Xa os coñecíades?, por que ata o que sabemos os dous sodes de Santiago, non si?
Coñecémolos de vista, de coincidir en tendas de instrumentos e sitios así. A verdade é que nunca os escoitáramos en directo, e están moi ben, son catro moi bos músicos. - En poucas palabras: como vos definides? que é que vos gustaría transmitir?
Somos un grupo de pop, pasámolo xenial tocando e gústanos que a xente o pase ben con nosoutros, e queremos transmitir que a revolución non vai ser televisada e que a vida, Salinas, pode ser marabillosa, ou non. - Escollede:
- una sala donde os gustaría tocar: no 9.30 ou no Black Cat de Washington DC, onde se coceu a escena hardcore de DC nos oitenta. - Un album: o que almacena as fotos na carpeta Q: do noso baixista. Son todo un misterio. Se ao que te refires é a un álbum de música, é moi difícil escoller! - Una banda: os Samesugas, de Santiago DC, os nosos irmáns, inspiradores e faros na escuridade, uns monstros. - Un bar: o Bar Tolo, en Santiago. É o noso templo, e Chimi o noso guía espiritual. - Un lugar do país: a Casa Xurásica, na que ensaiamos e que compartimos cos Samesugas e os Royalties. - Unha data: O último fin de semana de maio, que é cando organizamos, xunto co resto dos integrantes da Asociación Cultural Xurásica, o festival Rock en Costa, no Castiñeiriño, o noso barrio de Compostela. Novas relacionadas Fonte - Redacción (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|