|

Toca escultura. Que malia que pareza que non, na Costa da Morte temos a un deses artistas de renome que cobren os espazos destinados á arte ao longo do país. Falamos de Álvaro de la Vega (alvarodelavega.com), nado en Paradela, Lugo, no 1954, que pasa os seus días na fermosa vila de Corcubión. Álvaro leva consigo unha dilatada carreira, que xa comezaba de pequeno na súa vila natal, a base de pintura. Os anos de estudios nunha das meirandes capitais da arte, como é Barcelona, abríu novas portas á súa capacidade para crear, e realizou experimentos con outras vías de expresión, como son o cómic, o graffiti... Pero a súa pasión actual é a escultura. O seu traballo céntrase, sobre todo, na madeira e na cerámica, eses elementos que sempre se poden atopar nos "niveis primarios e primitivos da convivencia humana". Xa está preparando unha nova actuación nun espazo dunha das bibliotecas de Santiago de Compostela, i é que os lugares abertos son unha das súas debilidades. Decenas destas "cabezas cortadas" que vemos á dereita serán as protagonistas, unhas cabezas que semellan estar mirando para o seu amo cal simples ovellas. Non gusta dos maremotos sociais, por iso rematou dalgún xeito neste agochado recuncho de Galicia. Así e todo, apunta que a falta de comprensión e de recoñecemento non é algo que se destile, nin aquí, nin en ningures: "En ningún lugar dos que vivín e traballei me recoñeceron nada" pero "en certo xeito, é mellor, vives e traballas sen aditivos sociais e coa insociabilidade imprescindible para desenvolver esta actividade". Pois iso, lembramos que hai centos de espazos na Costa da Morte agardando polo toque de Álvaro de la Vega que sirva tamén para darlle o seu merecido recoñecemento. Nós deixámosvos con el, que continúa neste futuro ao que lle deixa o "misterio, quen sabe en que circunstancias se dará?". - Como comeza a vida artística dun escultor? Debuxando cara eras un cativo, moldeando plastilina...?
Debuxando, evidentemente, con tira blanca nas paredes afumadas. O debuxo ademais ten unha importancia capital na escultura, é a primeira configuración da idea, canto máis fresco e espontáneo, mellor. Tamén gustaba de ir manipulando e transformando calquera materia: barro, terra, pedras, madeira...</p> - Como rematou un home de Paradela en Corcubión, logo de pasar un tempo en Barcelona?
Monchete, un bo amigo meu, invitoume a vivir un tempo na escola de Gures, e a partir de aí xa me prantexei a posibilidade de quedar por aquí. Despois hai unha morea de cousas, todo o demais como a familia, un bo taller, e a atracción desta paisaxe brava. - Seica o lugar ten unha influencia directa sobre a túa obra. Ata que punto forma parte a Costa da Morte das túas creacións? Que significa para ti esta bisbarra?
A Costa da Morte é un lugar onde a Natureza actúa con radical turbulencia. É un lugar para afiar emocións ó ritmo das treboadas e da calma. É un vaivén que non fai concesións. - Sénteste recoñecido na zona e en Galicia en xeral?
En ningún lugar dos que vivín e traballei me recoñeceron nada. En certo xeito, é mellor, vives e traballas sen aditivos sociais e coa insociabilidade imprescindible para desenvolver esta actividade. - Ultimamente traballas coa madeira e coa cerámica. Que che suxiren ambos materiais e por que os utilizas? Deixaches o arame ou o metal olvidado?
Somentes incorporei a cerámica, un material sempre presente nos niveis primarios e primitivos da convivencia humana e nas súas culturas emerxentes. O mesmo que a madeira e o ferro. - Cóntasnos un pouco que significan esas cabezas rachadas pola metade e para que están pensadas?
Dividir unha figura polo seu plano simétrico foi un principio técnico, de aforro ou aproveitamento do material. Tamén quero deixar á vista ese recurso, e incorporalo á territorialidade estética. Artistas e artesáns Máis información Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|