|

O Concello de Cabana de Bergantiños artellou en cinco apartados a programación cultural que desenvolverá ó longo dos días de Nadal. Os actos abriranse o domingo 21 de decembro cunha nova edición do festival de corais As nosas músicas. A partir das 18.00 horas o Auditorio Municipal da Carballa encherase de novo para escoitar o novo repertorio das corais de Cesullas, Canduas e Corcoesto. Cóntase como grupo convidado o Orfeón Breogán. O acto será presentado pola actriz carballesa Silvia Losada. Para o domingo 28 de decembro programouse unha gran Exposición de Cestería Viva no local social de Neaño na que se poderán contemplar os variados traballos realizados no curso de cestería realizado durante este trimestre en varias parroquias do concello. O curso estivo monitorizado por Jaime Gagino Nantón. Esta exposición servirá ademais como acto de entrega de diploma ós cesteiros e cesteiras participantes no curso. Os actores e actrices da Escola Municipal de Teatro serán os encargados de representar os beléns viventes nas distintas igrexas parroquiais de Cabana. Na mañá do 21 de decembro estarán en Borneiro e Canduas. Na do 28 estarán en Corcoesto e Cesullas. Na do 4 de xaneiro en Neaño. Na do 5 de xaneiro en Nantón. A literatura tamén terá un espazo nestas datas de Nadal. Nesta ocasión, desde a área de cultura darase a coñecer a obra inédita dun poeta popular cabanés Plácido Vigueret Villar, coñecido polo nome de Plácido de Meiruco, dentro do ciclo “As nosas letras”. Así, o domingo 4 de xaneiro presentarase o libro Poemas cuxa edición literaria correu a cargo de Xosé Manuel Varela Varela. Durante a presentación do libro proxectarase un diaporama con imaxes do autor, realizarase un maratón poético con voces dos veciños e veciñas de Neaño. Esta actividade conta coa colaboración da A.C. O Fol. No apartado do programa “As nosas xentes”, en colaboración coa A.C. O Dolmen de Borneiro, vaise render agradecemento e homenaxe ós músicos coruñeses Olga Kirk e Pablo Díaz polo seu labor de recolleita e divulgación de bailes e cantos tradicionais de Cabana de Bergantiños. A cita será o 3 de xaneiro, ás 18.00 h, na escola unitaria de Borneiro. Os Reis Magos serán recibidos no pavillón polideportivo municipal na tarde noite do 5 de xaneiro. A partir das 17.00 h, mentres a rapazada agarda, poderá participar en distintos inchables e obradoiros, así como asistir no Auditorio Municipal á obra de Talía Teatro, Valentino Rufini e Akil pillaban de viaxe a Milán e van sen un can. A chegada dos magos de Oriente terá lugar ás 20.00 h no auditorio. No día seguinte, o 6 de xaneiro, a comitiva real visitará en horario de mañá e tarde o resto das parroquias do concello. Para as 19.30, programouse no centro social de Neaño un fin de festa de Nadal con música do dúa Época. Novas relacionadas Programas de Nadal doutros concellos Fonte
|