|

A semana pasada visitábamos un par bitácoras moi especiais. Xoán Silva Pazos, dende Fisterra e vía Compostela, repasa a historia e a actualidade da vila do Cristo cunha clarividencia que asustea, e mais cando falamos dun rapás bastente novo. Compaxina os seus estudios na capital coa clásica volta canda a familia as fins de semana e non perde detalle. Fala de política local sen cortarse, mencionando medios e políticos sen medio a represalias. I é o que ten esto da internet e dos blogs, son grautitos e libres, ata onde un queira. Ademais, pégalle a poesía e aprende dos grandes coma Castelao, claro. Xa está desexando que chegue ese marabilloso entroido teatreiro fisterrán, qeu enche de cor cada ano a Costa. Pero hoxe falamos con el para que nos conte un pouco esta inmersión na rede submariña costeira, unha entrevista ademais feita senposen pola rede. Se queren máis, e non o dubiden, son documentos traballados a man e de moita calidade, pasen polo seu repaso repaso da historia ou da actualidade fisetrrá. Como ese post que acaba de publica sobre Mapa arqueolóxico do Promontorium Nerium - Dous espazos, un para repasar a historia de Fisterra e da Costa da Morte; e outro máis persoal e social. Explícanos un pouco con cal comezaches e os porques que te levaron a abrir os dous.
O meu primeiro espazo (Naked) naceu coma un blog calquera, no que tiña a intención de escribir sobre calquera cousa que me interesara, fundamentalmente a literatura. Logo a cousa foise tornando máis cara á opinión política, e máis concretamente cara a nosa bisbarra, o que creo que foi un paso positivo e importante para o espazo. Promontorium Nerium naceu en novembro do ano pasado, polo que é un blog de recente creación, inda que nel estou gastando máis forzas, pois creo que cumpre unha labor máis importante. As razóns que me levaron a inaugurar este novo espazo son ben sinxelas: moitas vilas da Costa da Morte teñen xa os seus tomos sobre historia local, e incluso algúns se aventuraron –con maior ou menor fortuna- a lanzar libros sobre a historia da bisbarra, pero Fisterra –lugar de indiscutible importancia- non conta ainda con ningunha obra que abarque toda a súa historia. O labor dos historiadores neste eido limitouse a artigos de prensa e algunha obra illada. O meu obxectivo, polo tanto é o de recompilar algúns datos da Historia desta vila e dalos a coñecer ao público en xeral. - O de Naked nú-2 quere dicir que non agochas nada tralo teclado?

Sí, esa era a idea. O de 2 ven porque en determinado momento fixen unha profunda remodelación do espazo –tanto do contido coma do aspecto- e crin que era necesario tamén cambiar algo na denominación. - Que significa iso de Frederik Tácito? Quen é o que representa?
É un pseudónimo que empregaba fai tempo para firmar as miñas obras e presentalas a concursos. Sigo a empregalo por iso da costume. O significado é ben sinxelo: Frederik é unha forma algo cambiada do nome de pila de Nietzsche, o pensador que máis admiro da cultura occidental; e Tácito é un historiador latino ao que tamén admiro, así como é un adxectivo que significa “silencioso” ou “calado”. - E que é o Promontorio Nerium? Poderíasnos explicar nunhas liñas a súa historia?

O Promontorium Nerium é un lugar citado por Ptolomeo, e que era unha montaña ou cabo relacionado co Ara Solis e onde tiñan os nerios unha importante poboación. Moitos historiadores relaciónano co promontorio do Cabo Fisterra i eu fíxenme eco desa tradición historiográfica. Barallei moitos nomes para o blog, pero decidinme por ese porque me pareceu un dos puntos máis importantes –e polémicos- da historia de Fisterra e da bisbarra. - Este blog histórico acaba de nacer pero ten unha de información impresionante. De onde vén esa afección pola historia? E a propósito do post sobre os naufraxios, hai algún que te chame a atención particularmente?
Inda que ao final me decantei polo estudio da filoloxía, a Historia sempre foi unha das miñas paixóns, e neste blog toda esta afección miña por estes temas eclosionou, e con bastante fortuna polo que vexo. De tódolos xeitos, teño que dicir que calquera estudante de Historia me tiraría das orellas se lera as miñas entradas, pois no fondo son bastante incompletas. Cada tema que trato nelas daría perfectamente para decenas de libros, i eu resumo toda esa información nunha entrada. Claro que se trata dun simple e modesto blog realizado por un iniciado, que non experto, nestes temas, así que os que saiban máis ca min supoño que desculparán as miñas “novatadas”. Por poñerche un exemplo, a última entrada e que ti citas na túa pregunta, a dos naufraxios, é quizais a máis incompleta: ten bastantes lagoas e seguramente faltan moitísimos accidentes dos que non tiven noticia e que, seguramente, unha persoa con maior capacidade de investigación –un profesor, ou un alumno de historia, que sempre poden acceder a fontes que a min me é imposíbel- podería falar deles. De tódolos xeitos, e respondendo á segunda parte da pregunta, a pena é que se esquezan con tanta facilidade estes accidentes marítimos, que ademais soen cobrar vidas humanas, e que non teñamos na vila –polo menos que eu saiba- unha placa en honor ós náufragos do Bonito ou o Begoña, que son os naufraxios sobre os que máis me impactou investigar e escribir. - Con estes dous blogs, buscas a propia satisfaccion persoal ou cubrir algunha funcion social necesaria na bisbarra?
Un rapaz de vinte anos coma son eu pouca función social pode acometer, pero dende logo, se todos tomásemos a iniciativa, sen dúbidas as cousas irían mellor, i eu creo que a rede, hoxe en día, é un lugar de comunicación imprescindíbel. Por iso decidín levar a cabo esta tarefa na rede, pois así un ten máis oportunidade de que o lea a xente da rúa. O meu obxectivo, en definitiva, é o de abrirlles un pouco os ollos a esas persoas que de xeito fortuíto ou regularmente len os meus blogs. Por iso en Naked selecciono temas de actualidade da bisbarra, e en Promontorium Nerium falo de temas do pasado pero que poidan interesar, coma o dos naufraxios, ou o do Camiño de Fisterra. Teño moi claro que pouco vou facer eu, pero se consigo que unha soa persoa lea os meus blogs e isto lle sirva para interesarse máis pola realidade histórica e actual da bisbarra, eu xa estou contento. - Porque vemos que non tes pelos na lingua, falas de política local con nomes e apelidos?
Só cando teño que facelo. Paréceme moi sinxelo arremeter contra as autoridades que están no poder, pero considero que en realidade a culpa dos problemas non é só dos políticos (que tamén), senón da xente que non ousa saír a protestar ou a esixir por cousas mínimas e das que carecemos. Claro que moitas veces os políticos meten a pata ata o fondo, e neses casos estou disposto a falar alto e claro facendo uso do meu dereito de liberdade de expresión, inda que moitas veces meterse en política nunha vila coma Fisterra é complicado. Un pode acabar moi escaldado. En definitiva, polo que eu protesto é pola pasividade cidadá ante temas que nos atinxen a todos e que afectan ó noso quefacer cotián. - Indo cara Compostela, como ves o ambiente universitario con este tipo de iniciativas de crear espazos na rede, minoritario? e a oferta da facultade e incentivo a este tipo de iniciativas? que debia mellorar?
A rede parecer ser, a día de hoxe, un dos medios máis empregados polo estudantado. Calquera grupo universitario (de protesta, de estudio, de investigación) ten o seu blog ou páxina propia, e a USC está a facer moito por apoiar u o uso das novas tecnoloxías no ensino. De tódolos xeitos, creo que a cousa debe mellorar, e de seguro o fará nos anos vindeiros. Respondendo á segunda parte da túa pregunta, creo que Faculdade de Filoloxía, na que estudio, é bastante interesante para realizar labores coma a miña: ten unha das mellores bibliotecas da universidade, unha completísima hemeroteca, e iso axuda a atopar información. Así e todo, tampouco estou moi metido no asunto como para dicirche se a USC apoia dun xeito directo as iniciativas coma a miña. - Poderías falarnos un pouco dos Premios Dardos, que vos entregades os blogueiros a vós mesmos? E como relacionamos isto coa nova era das comunicacións?
A verdade, non sei de onde xurdíu esa iniciativa, pero consiste nunha cadea na que o que recibe a distinción ten que distinguir coa mesma aos seus blogs favoritos. Isto di moito da importancia que está a ter Internet para que a xente se comunique e poida dar a súa opinión. Moitas veces, as verbas da xente escóitanse mellor nun blog que nun parlamento, por iso me parece importante. - Por certo, como vés a internet na bisbarra?
Coma estades a amosar en Quepasanacosta.com coa sección de “A bitácora da semana” semella que nos últimos tempos hai un incremento, tanto a nivel cuantitativo coma cualitativo, dos espazos que se crean na rede. Considéroo fundamental para loitar contra o atraso histórico que vive –por sorte cada vez menos- a Costa da Morte, pois é un xeito moi efectivo de divulgar opinións, coñecemento, información… e a nosa bisbarra ten moito que ofrecer –e recibir- nese senso. - Notamos que utilizas moito as citas. Paréceche un bo xeito de comunicar?
Paréceme un bo complemento para as entradas dos meus blogs, coma homenaxe a aqueles que xa falaron antes ca min de determinados temas, e coma xeito de darlle certo lustre á información. Por suposto non é máis ca un complemento prescindíbel, pero a min paréceme importante. Máis informaciónNovas relacionadasFonte- Redacciónd e QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|