Venres, 19 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Modesto Fraga reedita o seu novo poemario Mar de Ausencias  Correo-e
jueves, 12 de marzo do 2009

Image

A editorial compostelá “Follas Novas Edicións”, que dirixe o profesor e crítico literario Luís Alonso Girgado, vén de reeditar na súa colección “Libros da Frouma” o poemario Mar de ausencias, de Modesto Fraga (Fisterra, 1974). O mar volta ser o protagonista, para o bo e para o malo, nos novos poemas.

O volume consta de corenta poemas (dez máis que na edición de 1999) acompañados de ilustracións e cartografía orixinal da autoría de Javier Campaña Martínez, expresamente adaptada aos textos que conforman o libro. Nese senso, a obra presenta unha singular novidade ao incluír determinados paratextos (como son a cartografía e as coordenadas xeográficas do ámbito costeiro fisterrán), co obxectivo de relacionar o poema como abstracción subxectiva do imaxinario humano coa imaxe espacial e científica que ofrecen as coordenadas cartográficas.

Por conseguinte, tanto o autor dos textos coma o ilustrador encargado de plasmalos na cartografía tiveron que levar a cabo un intenso traballo de colaboración aos efectos de situar, de xeito paralelístico, dous ámbitos do coñecemento tan aparentemente opostos como son a arte creativa e a científica. O resultado –como non podía ser doutra maneira- resultou moi gratificante e sumamente enriquecedor.

Dúas palabras do autor

Mar de ausencias é un libro de poemas inspirado na realidade emocional e vital dos homes e mulleres do mar da fin do mundo. O mar como esperanza, como maldición. A vida como tributo, como sacrificio, como herdanza ensalitrada dunha estirpe inmorrente.

Ao longo dos tempos a esgrevia costa fisterrá foi testemuño de innumerables naufraxios, de sonadas catástrofes que deixaron gravado para sempre nas nosas retinas un negro ronsel de orfandade. Son centos –quizais milleiros- os rostros sen nome, as vidas sen rostro que aínda fican perdidas nalgún lugar da memoria. O mar consiste niso, nun lugar habitado. E velaí o paradoxo, a constatación da ausencia, o outro necesario leit motiv duns versos que se apresuran a retar con decisión ao sempre poderoso e omnipresente mar.

Heroinas e naufraxios

Hai tamén espazo nas páxinas do libro para render debido tributo ás verdadeiras heroínas da Terra que son “as viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos”, xa versificadas por Rosalía de Castro en “Follas Novas” e que, de certo, ocupan un lugar preferente ao longo de toda a obra.

O mesmo sucede cos náufragos dos pesqueiros “Bonito”, afundido en 1960 en augas de Fisterra (nas inmediacións do Cabo da Nave) e no que perderon a vida os seus once tripulantes; “Begoña”, que lle custou a vida a seis lobos de mar da localidade en xaneiro de 1976 e “Isleña”, entre moitos outros. Para eles, todo este alento de palabras e recordos, de buguinas, de “palaxas” verdadeiras. O mar,o mar, o mar. Velaí o reto, o único regreso posíbel.

Bibliografía de Modesto Fraga

Modesto Fraga Moure (Fisterra, 1974). Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial da colección de poesía “Letras de Cal”.

Poemas da súa autoría aparecen recollidos en diversas antoloxías como Mar por medio, 25 anos de poesía galega (1975-2000), Das sonorosas cordas, Poetas e narradores nas súas voces, A poesía é o gran milagre do mundo ou El mundo al otro lado, entre outras.

Membro da AELG e do PEN Clube de Galicia, a súa obra foi galardoada cos premios “Avelina Valladares”, “Ramón Cabanillas”, “Rosalía de Castro” e “Francisco Fernández del Riego”, entre outros.

Obra poética

  • De mar e vento (1997-coautor)
  • Mar de ausencias (1999. 1º Ed.)
  • Ese estraño silencio (2002)
  • Derrotas con raíces (2007).

Novas relacionadas

Fonte e máis información

 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com