|

Co obxectivo de apoiar aos creadores e fomentar a produción artística na provincia, a Deputación da Coruña convoca este ano a XI edición do certame de artes plásticas "Isaac Díaz Pardo". Ademais dun plataforma para promocionar a valores da creación artística, nos seus distintos apartados de pintura, escultura fotografa, e deseño, o certame "Isaac Díaz Pardo", constitúe tamén unha homenaxe do organismo provincial a este gran artista e polígrafo galego. A este certame poderán concorrer todos os artistas galegos ou residentes en Galicia que traballen no campo das artes plásticas, cun máximo de dúas obras por artista. A temática e técnica das obras é libre, establecéndose só un límite máximo de dous metros en calquera das súas dimensións para as pinturas e obras gráficas e dun metro para as esculturas. Os artistas interesados en participar no certame deberán presentar unha foto de 20x25 cm. de cada unha das obras presentadas, montada sobre un soporte de folla de álbum e acompañada dos datos persoais e o currículo profesional do autor. O prazo de presentación das obras termina o próximo 15 de abril de 2009. O xurado do premio, integrado por prestixiosos artistas galegos, preseleccionará baseándose nestas fotografías as obras que considere máis destacadas, entre as que se elixirán despois aquelas que conformarán unha exposición itinerante que percorrerá dez municipios da provincia. A Deputación da Coruña destinará 45.000 euros á adquisición das obras seleccionadas polo xurado do premio entre aquelas que participen nesta exposición. Inscrición O impreso de solicitude de participación no certame e as bases do mesmo poden obterse na páxina web www.dicoruna.es.
|