|

Non para de educar en materia ambiental o concello de Laxe. O pasado decembro xa organizaran un Encontro Verde en prol da sustentabilidade, e para esta semana hai novas actividades didácticas. A Concellería de Benestar Social, Cultura, e Protección Civil do Concello de Laxe organiza para este venres 27 de marzo, o Día da Árbore e do Teatro. Este ano, debido a que o día da Árbore foi o pasado sábado 21, decidiuse unilo á conmemoración do Día Internacional do Teatro, o día 27 de marzo, nun acto cheo de simboloxía para ambas conmemoracións. Os actos celebraranse nos Centros Educativos do Concello. Ás 10:30 da mañá, haberá unha representación no C.P.I. Cabo da Area de Laxe, á que asistirán todos os escolares de Educación Infantil e Primaria do Concello. A representación será "Historia dunha semente", a cargo de Caramuxo Teatro, onde se explicará aos máis pequenos como é posible que algo tan pequeno como unha semente se poida convertir nunha árbore. É unha fábula que reflexiona sobre a natureza e os cambios que se producen nela, nun espectáculo cómico de monicreques de mesa e actores cheo de maxia e que introduce aos máis novos nun mundo cheo de imaxinación e fantasía. Despois da obra, farase o tradicional reparto de pan e chocolate, mentres que o alumnado do último tramo de primaria realizará un Obradoiro de temática Ambiental, os cespíns. Por último, a mañán acabará coa prantación de árbores nos diferentes Centros Educativos: C.P.I. Cabo de Area, E.U. de A Torre e E.U. de Traba. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Concelleiro de Cultura de Laxe, José Manuel Mouzo Castiñeira.
|