|

Un xeito diferente de presentar un libro. Pero axeitado, con sentido. O poeta fisterrán Modesto Fraga, que hai un par de semanas anunciaba a reedición do seu libro "Mar de Ausencias", elixe, precisamente, o mar de Fisterra para facer a súa presentación, e embárcaranos a bordo do barco turístico "María Elena" para facer o acto de presentación. Será o vindeiro domingo, 5 de abril, cando presente a reedición do libro de poemas, editado por Follas Novas Edicións na súa colección "Libros da Frouma". O "María Elena", propiedade de Oliver Moure Santos é unha embarcación de recreo con capacidade para 73 persoas e que realiza diversas rotas turísticas pola costa fisterrá. Homenaxe Durante o traxecto (que cubrirá o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas: "As Lobeiras", "Langosteira", "Mar de Fóra", "O Centolo", "Arnela", etc) darase lectura a algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Como nos conta Modesto, está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros "Bonito" (afundido no "Cabo da Nave" en 1960), "Begoña" (nos "Siriales do "Berrón", en 1976) e "Isleña" (tamén na década dos anos 70). Procurando a máxima emotividade O propio Modesto que destacar que busca un acto poético singular (a celebración vaise desenvolver non en terra firme senón no propio mar), emotivo (estarán presentes familiares dos náufragos da historia recente de Fisterra) e de carácter colectivo (recitarán textos persoas anónimas e poetas da bisbarra). E dende aquí damos os nosos meirandes parabéns, por considerarmos que Modesto leva a cabo unha idea orixinal e moi significativa. Máis información Novas relacionadas Poemas gañadores do Certame de poesía Mulleres do noso tempo Fonte
|