|
O xeólogo laxense Isidro Parga Pondal será o científico homenaxeado pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC), con motivo da conmemoración do II Día do Científico Galego. Considerado pola directiva da academia como "máxima autoridade da xeoloxía en Galicia", foi elixido por unanimidade polo seu "carácter pioneiro" na formación científica no estranxeiro e por ser o autor da publicación do primeiro mapa xeolóxico de Galicia, no Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Varias personalidades teñen previsto participar hoxe na presentación da homenaxe, entre elas o intelectual Isaac Díaz Pardo; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Ernesto Viéitez, ou o director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní, quen pronunciará unha conferencia sobre o xeólogo. Así mesmo, foi invitado a ese acto o neto do homenaxeado, Isidro Parga Menéndez-Manjón. Nós traemos hoxe esta nominación para anunciar unha iniciativa que está traballando este diario, en colaboración dos compañeiros de corcubion.com. Trátase dunha proposta didáctica, que nos devolverá ao devir histórico da bisbarra e co que elixiredes ao persoeiro histórico máis relevante da Coste da Morte. Por suposto, Isidro Parga Pondal será un dos que formen de saída polo concello de Laxe. Xa iremos contando un pouco máis. Isidro Parga Pondal Nacido no municipio coruñés de Laxe en 1900, Parga Pondal procedía de dúas familias da burguesía galega de gran sona, preocupadas polo país. Era sobriño neto do vate Eduardo Pondal, por parte materna, e pola outra póla familiar era neto do médico hidrólogo Isidro Parga Abente, quen ía ser o seu principal referente e titor. Logo da prematura morte do seu pai, o seu avó conduciría a Isidro cara as ciencias experimentais. O científico, graduado en Ciencias Químicas en Madrid, recibiu varias distincións, entre elas, en 1930, o premio Alonso Barba, patrocinado pola Sociedade Española de Física e Química. Tamén foi proclamado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1983, e obtivo varias condecoracións entre as que destaca a Medalla Castelao, unha distinción atribuída pola Xunta desde 1984 aos cidadáns destacados no ámbito artístico, literario, cultural ou social. Novas relacionadas Fonte
|