|

Onte, martes 13 de abril de 2009, 200 anos despois da Batalla da Armada, a Asociación Neria presentou a batería de actos que vai realizar co gallo do Bicentenario da Guerra da Indepencia. Momento no que a Costa mira atrás. Nós o facemos mediante a recuperación dos textos de Jano Lamas sobre o Bicentenario e comezamos cunha iniciativa que tratará de dilucidar cal foi o personaxe máis importante da historia da Costa da Morte. A "Escola de Nenas" de Cee, o que é agora o Museo da Fundación de Fernando Blanco de Cee, acolleu a presentación na que participaron o presidente da asociación, Ramón Vigo, o secretario Xan García, e 3 colaboradores de luxo, José Ramón Rey Senra (primeiro pola esquerda), Jano Lamas (segundo) e Salvador Mosteyrín (é dereita de todo). A necesidade de recuperar a historia é básica. Así o explicaba Jano Lamas, quen non entende como os nosos cativos coñecen que o 2 de maio houbo unha revolta en Madrid pero non escoitaron unha palabra sobre os sucesos ocorridps na bisbarra. Nese sentido o traballo de recuperación histórica é máis que importante e axudará a que recuperemos a nosa identidade. Homenaxe marítimo E como as homenaxes marítimas están á orde do día, logo da presentacións, os membros da corporación trasladáronse ao peirao de Corcubión para embarcar nun barco (o María Elena de Cruceros Fisterra) engalanado coas bandeiras española, galega, inglesa e francesa. Dende o centro da ría, as autoridades arroxaron ao mar unha coroa de loureiro mentres que soaba badaladas da Igrexa de San Marcos e estoupaban varias descargas de palenques desde a cima da Armada, en commeración da Batalla. Actividades Anunciaron que ao longo deste mes realizaranse unha morea de actividades co gallo da celebración. Xa hai fixada unhas actividades para o día 21 de abril, día no que a ría de Corcubión se estremecerá. Dispararase un canón e haberá un toque nas campás a rebato das parroquias de Ameixenda, Brens, Corcubión e Toba en lembranza do sucedido. Iso será ás 21:00 e quince minutos despois abrirase unha mesa coloquio aberta ao público na Casa da Cultura de Corcubión. Son moitas máis as actividades programadas, aínda sen data fixada. Haberá, por exemplo, un ciclo de conferencias nos 8 concellos participantes nos que tivo lugar algún acontecimento ou batalla (Camariñas, Carnota, Cee, Corcubiñon, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Vimianzo). Tamén se fará a presentación dun libro sobre a temática da Guerra da Independencia, a reedición dun de Francisco Mayán Fernández "Los franceses en Cee", escrito en 1941, e ata se editará un cómic. Algo que nos satisface é que a asociación axudará a Jano Lamas verá recompilados os seus escritos sobre a Guerra, que estamos a recuperar nesta casa co seu Especial Bicentenario da Guerra da Independecia e baixo o título: "Corcubión e a súa Xurisdición na Guerra da Indepencia". 
Novas relacionadas Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
- Fotografía de Marcos Rodríguez.
|