|
Afortunadamente, o grande equipo de autores que veñen de realizar o libro "A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte", convenceu ao director de Edicións Xerais de Galicia, para asinaren un contrato para a súa edición. Así nolo conta o coordinador e autor Xosé Mª Lema Suárez, que vén de participar nesta casa coa súa colaboración na Elección histórica de Laxe, quen afirma que é "todo un éxito que unha editorial da sona de Xerais se interesa por esta obra". Tanto o coordinador como os autores (Evaristo Domínguez, Xan Fdez. Carrera, Roberto Mouzo e Xosé Mª Rei Lema -e a colaboradora Marta Rei Lema-) son membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Características A obra pretende ser moito máis que unha guía turística.Trátase dun libro moi ambicioso, que trata de abarcar todos os ámbitos desta comarca situada na zona central da rexión xeográfica coñecida como Costa da Morte. O libro irá ilustrado con múltiples fotos, debuxos, mapas etc. e irá editado en formato grande (tamaño folio). Prevese que sairá publicado en setembro-outubro do presente ano. Haberá edición popular e de luxo. Contidos 
A obra comeza cun repaso histórico. Afirma que oficialmente a comarca está conformada tres concellos (Camariñas, Vimianzo e Zas), pero en séculos anteriores tamén a integraban os actuais concellos de Laxe –na súa totalidade- e de Cabana –agás tres ou catro parroquias-, que hoxe oficialmente forman parte da comarca de Bergantiños. Abrangue moitos eidos, e comeza cunha xustificación da personalidade específica da comarca demostrando con documentos e cartografía histórica a existencia dun territorio diferenciado con este nome desde hai mil cen anos (o ‘commisso de Somnaria’). A partir de aí fai unha novidade, unha análise da forma de falar dos soneiráns, e un estudo sobre os apelidos soneiráns máis frecuentes, algúns específicos da bisbarra. Logo vén unha ampla ‘Introdución xeográfica: natureza e paisaxe’, e unha visión da historia comarcal desde os tempos prehistóricos ós contemporáneos, e, acontinuación, as ricas manifestacións artísticas desde o Megalitismo á actualidade. Tamén recuperan o noso rico patrimonio etnográfico, e non podía faltar a referencia á senlleira e refinada artesanía soneirán, que ten no encaixe de Camariñas unha recoñecida proxección universal e na recuperación dos labores do liño un modelo a seguir de como a recuperación dun vello oficio pode servir de elemento dinamizador dunha comarca. Outro dos aspectos importantes son os persoeiros de sona nacidos nalgún dos tres concellos. Pero ademais fala de hoxe, e repasa as festas tradicionais máis importantes, como os eventos instituídos modernamente con notorio éxito de público: o festival folk da Festa da Carballeira de Zas, o Asalto ó Castelo de Vimianzo, as rapas das bestas de Carreira (Zas) e da Areosa (Vimianzo) etc. Así mesmo, hai un apartado especial para as actividades deportivas (fútbol, balonmán, baloncesto, xadrez, etc.) e culturais (teatro, música folclórica e coral etc.). Tampouco se esquece a gastronomía. Un apartado especial son as Rutas para coñecer a comarca, nas que os protagonistas poden ser unha paisaxe, uns rápidos dun río, calquera curiosidade, etc.). Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do coordinador de "A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte", Xosé Mª Lema Suárez.
- Fotofrafía de Vimianzo dende o monte Faro, do Concello de Vimianzo.
|