|

O grupo ecoloxista PX de Ponte do Porto espera que o novo responsable de Medio Ambiente, Agustín Hernández, deixe sen efecto o anterior Plan Acuícola. Así o explica Rafael Lema, o presidente do grupo, que considera o plan "nefasto para a Costa da Morte". Así PX solicitará ao novo conselleiro que anule os proxectos de Seiruga, Camelle e Merexo (esta última na imaxe) e recorda que foi unha promesa electoral do PP. PX quere deixar claro que "non nega a necesidade de crear traballo na comarca e as posibilidades de desenvolvemento acuícola". Precisamente por iso "non se oporá a unha ampliación dalgunha planta existente ou a creación dunha nova menos prexudicial que as tres citadas e sempre con consenso social e acordo dos propietarios e non expropiacións". Este pode ser o caso de Quilmas, que visitaremos esta semana, que malia non contar coa promesa do PP, traballa arreo por evitar a amplilación. Onde non hai movemento entre as plataformas contra o Plan Acuícola, é no proxecto de Touriñán, moito máis costoso para o medio ambiente que os proxectos das vilas afectadas. Eólicos O grupo PX tamén solicitará ao novo responsable que os proxectos eólicos na zona eviten a Rede Natura e afástense do Camiño de Santiago. Incide o grupo en que se deberían conceder parques eólicos singulares aos municipios para liberar aos cidadáns de impostos e facer pagar ás empresas na administración local. Planta de cría de salmón Outra medida que pedirán os ecoloxistas é a creación dunha planta de cría de salmón no río Grande do Porto, en Vimianzo, para que esta especie volva repoboar o coto de Carantoña e Ponte do Porto, onde segue sendo estable a presenza de reo e troita asalmonada. Patrimonio Por outra banda, e mostrando que o grupo PX ten miras para todos os eidos, o grupo volverá solicitar a Patrimonio Cultural que os Bens de Interese Cultural da comarca abran as súas portas catro días ao mes aos veciños, proposta que xa realizou no 2007 sen éxito nin resposta. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do grupo PX da Ponte do Porto, da man do seu presidente Rafael Lema.
|