|

Este ano, o II Día do Científico Galego está dedicado ao laxense Isidro Parga Pondal. E non pasa desapercibido para o concello de Laxe, que a través da Concellería de Benestar Social, Cultura, e Protección Civil artella a súa pequena homenaxe. Un personaxe que foi elixido por Xosé María Lema para a Elección Histórica da Costa da Morte. As actividades que se van desenvoler, comezarán hoxe, mércores 22 ás 20:30 no Salón de Actos, cunha chrala a cargo do Profesor Juan Ramón Vidal Romaní, que é o actual Director do Instituto Xeolóxico de Laxe, onde disertará acerca da vida e obra do xeoquímico Isidro Parga Pondal. Así mesmo, o Concello de Laxe, editou uns cuadernillos, para os escolares nos que se explica a vida e méritos do notable científico laxense, e como influiu no desenvolvemento socioeconómico e cultural desta vila. Breve biografía de D.Isidro Parga Pondal Isidro Parga Pondal procedía de dúas familias da burguesía galega de gran sona, preocupadas polo país. Era sobriño neto do poeta Eduardo Pondal. Logo da prematura morte do seu pai, o seu avó animaría a Isidro ao estudo das ciencias experimentais. Despois de facer o bacharelato no Instituto de Santiago, Parga Pondal marchou a Madrid a estudar Ciencias Químicas. Alá recibiría ensinanzas que Isidro puxo en práctica cando comezou a súa carreira coma profesor en 1922 na Universidade de Santiago para impartir Química Analítica. En tan só quince anos como profesor, Parga Pondal vaise converter nun dos innovadores máis importantes que tivo a Universidade compostelá. Chegou a impartir ata catro disciplinas diferentes. No seu haber quedou o cambio de relación entre alumnos e alumnas cos profesores, a incorporación da muller aos equipos de investigación e o achegamento das aulas compostelás á comunidade científica internacional. En definitiva: foi un claro referente dinamizador e modernizador. Ademáis, Parga Pondal levaría a cabo un importante labor de concienciación “de país”, a través da súa intervención no Seminario de Estudos Galegos e militando no Partido Galeguista. Recibiu nesta época innumerables premios, polas súas investigacións en xeoquímica e foi un dos principais impulsores do achegamento da muller á ciencia e a investigación. Por que volveu a Laxe? En 1936, ao comezar a Guerra Civil foi expulsado da universidade por esquerdista e galeguista. Logo da Guerra Civil, xa fóra do labor docente, ao que xamais volvería, proseguiu o seu labor investigador en Laxe co Laboratorio Xeolóxico de Laxe, estudando a fondo o subsolo galego, compaxinándoo coa empresa Kaolines de Lage. Mantivo un contacto permanente con científicos e institucións estranxeiras, que en moitas ocasións viñeron á súa casa, atraídos polo seus coñecementos. Desde Laxe seguiu irradiando saber creando escola, ata a súa morte. En 1983 Parga Pondal foi nomeado Doutor Honoris Causa na Universidade de Santiago. Vémona na segunda imaxe ‘coa súa filla e netos’, dos que Isidro Parga Menéndez-Manjón é o que el agarra no colo. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Concello de Laxe.
|