|

Vaia festa que houbo en Cerqueda esta pasada fin de semana. As imaxes de Xosé Manuel Varela Varela xa o din todo. Son da IV Foliada de Cerqueda que organizou a A.C. Raigañas, xa convertida nun punto de encontro para a música tradicional na Costa da Morte. Así nolo conta a Presidenta da A.C. Raigañas, Begoña Gómez Otero, que nos explica como foros as 8 horas de festa rachada! Ao longo da noite do pasado sábado 25 foron 7 os grupos que encheron de música tradicional a cita malpicá. Houbo, como non podía ser doutro xeito, gastonomía (callos, empanada e torta larpeira) e música. Subiron ó escenario as vellas xeracións de acordeonistas, gaiteiros e pandeireteiras da redonda, xunto coas novas agrupacións que toman de modo firme o relevo para que a tradición musical desta zona continúe máis viva ca nunca. A música Con media hora de retraso, ás 22.30 abriu esta IV Foliada de Cerqueda o grupo de música e danza tradicional ‘Raíces Combinadas’ da localidade pontecesá de Limiñoa (abaixo). Esta formación caracterízase por combinar pandeireteiras, cantadores e catro bailadores que danzan pezas de corte ancestral como a muiñeira vella. A tradición musical da Costa da Morte continuou coa presenza do magnífico acordeonista Manuel Pazos Redonda, ‘Pazos de Merexo’. Na súa actuación, coma sempre, sacou de repertorio tradicional e foi debullando pezas tan coñecidas como o Vals, a Muiñeira e a Xota de Merexo que aprendeu como herdanza dun curmán seu a mediados do século XX, xunto con outras de carácter máis de orquestra. A presenza dos vellos músicos concluíu coa actuación das ‘Pandeireteiras de Cerqueda’, Evangelina e María que nesta ocasión se deixaron acompañar por ‘Teresa dos Cucos’ de Beo. Vémolasna imaxe de arriba de todo. Despois actuaron as novas xeracións de músicos da zona. Comezou este novo pase o grupo ‘Media Ducia’ (arriba), composto por Selina Otero, Suso do Becho, Carlos Penedo, Ramiro de Paiosaco, Josecho Pallas e Víctor do Pecho. A vila de Malpica tivo a súa representación coas cantareiras e gaiteiros, ‘Feitizo’ (abaixo), quen demostraron que a calidade musical non está reñida para nada coa xuventude. Proseguiron os gaiteiros da A.C. ‘A Coteleira’ de Cores (embaixo de Feitizo). Como presenza foránea desta edición acudiron percusionistas e gaiteiros da cidade da Coruña.
Os bailes Pero o espectáculo non só estivo enriba do escenario. Na pista polideportiva que se escondía debaixo da carpa de 25 metros de longo, novos e vellos bailadores enchían parte do recinto coas filigranas e rodas de muiñeiras, xotas, rumbas e pasodobres. Pouco a pouco a noite foise quedando pequena e moitos músicos como compoñentes os de Fol de Veneno ou de Quen (Mos) Queira, xunto cos todos os gaiteiros e pandereteiras de Raigañas (os organizadores) quedaron entre o público sen subir ó escenario por falta de tempo. Os máis preguiceiros en ir a cama abandonaron a carpa da Foliada ás seis da mañá mentres daban as últimas mordidas á empanada sobrante e tocaban xa fóra do escenario. Agora tan só queda en ir pensando na vindeira edición.  Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa da Presidenta da A.C. Raigañas, Begoña Gómez Otero.
- Fotos de Xosé Manuel Varela Varela.
|