|

Chegou o primeiro de maio, e abriu as súas portas o Corcubión Solidario. Da man da Asociación "Universidade Popular escola de Verao de Corcubión", o pasado venres 1 de maio tivo lugar a presentación do II Maio Solidario. Como cabía agardar, o cárcere Vello foi o escenario perfecto para a posta en marcha do ciclo de actividades, e será ideal para o resto do mes. Completou case un cheo para esta primeira sesión, na que o tema principal era o Consumo Responsable. Pandeiretas e presentación O II Maio Solidario comezou a ritmo de muiñeira. O grupo de pandereiteiras da Asociación, Millo Verde, abriu as xornadas cun par de pezas que encandilaron ao público e dan boa fe do moit que avanzan as corcubionesas, que tan só levan un ano e medio dando clases. A directiva da asociación, Serxio Iglesias, Alfredo González e Natalia Ferrol, presentaron esta segunda edición do ciclo. O que pretendía ser un mes tranquiliño rematou por ten actividades os 5 venres do mes, e algún que outro sábado, ademais de ter aberta a tenda de consumo responsable cada fin de semana. A primeira xornada, esta charla sobre Consumo Resposable, partía da idea do consumo como a verdadeira interacción coa sociedade, máis alá mesmo que o propio voto. A Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca sería a encargada de presentar o concepto de consumo resposanble, e para pechar o círculo da produción e comercialización dun produto, estaba a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa, que pode chegar a ser ademais, produtora da primeira. Consumo responsable Carmen Regueiro (á dereita na imaxe da dereita), da Cooperativa de Consumo Consciente e Responsábel, partiu do cotián para levarnos á reflexión. Unha simple merca nunha tenda-bar da zona rural de Cee, levouno de viaxe por todo o mundo. Cunha simple pera, unha mazá, unha cebola e un kiwi, viaxamos nada menos que dende Murcia, ata Chile, pasando por Chile. Algo estrano cando as 4 especies cultívanse, e perfectamente na nosa terra. O consumo local e de temporada foron os dous pilares nos que e baseou Carmen para explicar a postura da cooperativa. A necesidade de reflexionar, malia que só sexa lixeiramente, cando mercamos algo, de preguntarnos de onde sae ese produto, e como chega ata as túas mans, é básica para un hábito que facemos tantas veces que nin nos decatamos. Un hábito, que fai do consumo o motor, o único xeito de relacionarnos co planeta. Agriculura ecolóxica Xosé Manuel Casais, presidente da Cooperativa de Agriculura Ecoloxica Raínha Lupa, foi o encargado de presentar a entidade. Casais repasou, de xeito demasiado conciso e acusador, a creación da cooperativa, moi ligada á valente loita dos veciños de Quilmas contra a ampliación da piscifactoría. Xosé Manuel centrouse en demasía nas acusacións, no canto de quedarse no máis importante: que esta cooperativa serve de alternativa económica xeradora de emprego a unha actividade industrial. Lucía Ferreiro (á esquerda na imaxe da dereita), recuperando á figura da labrega de toda a vida fixo un pequeno pero máis que interesante repaso por algunhas das actividades que se levan a cabo na agricultura ecolóxica. Lucía repasou conceptos como o asociacionismo de verduras, policultivo, ou "argaso". Falou tamén do selo ecolóxico e da dificultade que ás veces entraña para os propios labregos. Rede de Comercio Local A creación dunha rede de comercio local foi unha das conclusións máis positiva das xuntanza. Foi Lucía Ferreiro a que prantexou a posiblidade de crear unha rede local, mesmo considerando a vila herculina como demasiado lonxe para ser responsable. Queda a idea posta enriba da mesa, e Quilmas agarda por alguén que trate de crear o que podería ser precisamente, unha cooperativa de consumo responsable da Costa da Morte. Pequeno debate Ao remate da exposición de Lucía Ferreiro, a atención central da charla fora desviada polo presidente da Cooperativa carnotá e pola Presidenta de Adega, Adela Figueroa, que sen estar incluida no programa, asumíu un protagonismo que non lle correspondía. Con todo, emitíu un discurso emotivo, no que salvando a historia contra a piscifactoría, repasou varios conceptos moi ligados ao que se debatía nesta primeira xornada: a soberanía alimentaria e a pegada ecolóxica. As preguntas chegaron, pero non foron enfocadas ao que as charlas buscaban. No canto de referirse ao consumo responsable ou da agricultura ecolóxica, foron sobre a posible contaminación das piscifactorías. Non foi a máis o debate, se ben varias traballadoras da piscifactoría e veciños da zona tiveron a oportunidade de poder debatir unha vez rematada a sesión. Primeira xornada, e os organizadores quedan satisfeitos co acadado. Ademais, cabe sinalar que a tenda de Comercio Xusto, que ceden as ONG Equus Zebra e Panxea, volveu ser un éxito, coma o ano pasado. A tenda estará aberta, en principio, todas as fins de semana de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00. Agardan agora unha morea de actividades que podedes achar no Programa do II Maio Solidario de Corcubión. Nota de prensa da Universidade Popular de Corcubión O primeiro día de maio tivo lugar no Cárcere Vello de Corcubión a presentación do “II Maio Solidario” organizado pola asociación Universidade Popular de Corcubión, na que colabora outra asociación como a APTCM, Deputación, Xunta de Galicia, Concello de Corcubión ou Hotel “O Horreo” entre outros comercios e entidades. Nesta primeira xornada tres dos directivos da asociación, Serxio Iglesias, Alfredo Manuel González e Natalia Ferrol (vicepresidente, presidente e vogal respectivamente, na imaxe da dereita de esqueda a dereita) explicaron detalladamente o programa que se vai levar a cabo ate rematado o mes solidario corcubionés entre as que se encontran conferencias da man de Xosé Manuel Beiras, Luzía Oca ou Xaquín López; exposicións da man do CSIC, degustación de comida africana, concerto de música africana, bicletada solidaria ou comercio xusto (todos os fins de semana). Desta vez, o maio solidario foi inaugurado cun obradoiro-coloquio da Cooperativa de Consumo Responsábel Zocaminhoca e a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raíña Lupa. Durante algo máis dunha hora as súas representantes tentaron facer entender aos preto dos oitenta asistentes a importancia do consumo responsable, agricultura ecolóxica ou a cooperación entre cooperativas que realicen traballos nestes eidos. Unha vez rematado o obradoiro as representantes recibiron da man dos representantes da asociación unhas figuras de escritores galegos de Sargadelos. Á vez que daba comezo o Maio solidario, o Comercio Xusto ubicado tamén no Cárcere abriu as súas portas con gran afluenza de público. Aquí embaixo vemos un dos postos deprdutos de Comercio Xusto. Programa Novas relacionadas Máis información Fonte
|