|

Quedamos exhaustos coa de actividades culturais que se poden disfrutar esta fin de semana do 8, 9 e 10 de maio de 2009. Hai de todo, teatro, charlas, música, proxeccións, festas, encontros, filosofía, cine, títeres... Non disfrutará quen non queira... Recuperando a Man Esta fin de semana comezan as actividades que artella a Fundación Man. A primeira das actividades serán as I Xornadas sobre Criterios de Conservación, Recuperación da obra de Man de Camelle. Terán lugar os 9 e 10 de maio de 2009 na Casa de Man. Maio Solidario viaxa ata Cabo Verde e Xapón Continúa o Maio Solidario da Asociación "Universidade Popular escola de Verao de Corcubión" en marcha. Logo das primeiras xornadas de Consumo Responsable, este venres, 8 de maio, voltamos cara o sur. O Cárcere Vello de Corcubión acollerá de novo a conferencia de Luzía Oca sobre Cabo Verde. Ademais, ao remate da charla, proxectarase o documental "Outro Paralelo 43", ademais de poder contar cos autores Roberto Leis e Álvaro de Castro, para facer un pequeno coloquio sobre esta viaxe ata o Mar de Xapón. A obra foi gañadora da Beca Fundación Caixa Galicia. A Festa das Letras do Couto Este sábado 9 de maio abre as súas portas unha das citas culturais de maior calidade da Costa da Morte: o Festiletras 09, que artella a Asociación Monte Branco. Haberá unha morea de cousas o sábado e o domingo que poden ver aquí. Esta xa é a XXVII Edición da Festa das Letras, e ano tras ano o programa faise máis e máis grande. Seminarios filosóficos en Corcubión Terceira sesión dos Seminarios de Filosofía da Costa da Morte. Comeza o repaso ao segundo libro "Introdución á Guerra Civil", algo máis político e menos abstractor que o primeiro, "extraordinariamente denso e politicamente cargado". A sesión trasládase ademais ao Cárcere Vello de Corcubión, lugar ideal para discutir sobre a aparente liberdade da sociedade actual. Será coma sempre, o sábado, este 9 de maio de 2009, ás 11:00 da mañá, e será Marcos Lorenzo o que faga a presentación que dará paso ao produtivo e sempre interesante coloquio. Festas do Santo Socorro de Lires Chegan as festas do Sto. Socorro de Lires. O sábado das 17:00 da tarde ata as 20:00 da noite haberá inchables para nenos no campo da festa. O mesmo día e a partires das 19:00 e media e no polideportivo, xogarán ao fútbol sala os equipos : Pedras Miúdas - Brens F.S.. Xa pola noite e para quen queira bailar un pouco, tocará a orquetra Hiroshima. E para rematar o domingo as 13:00 horas, celebrarase a misa maior onde se realizará a tradicional Danza de Arcos, a cal levaba xa unha morea de anos abandonada. Títeres en Cabana Co gallo do Día das Letras Galegas, o concello organiza a Quincena Titirimáxica, na que o teatro, as marionetas e a maxia tomarán Cabana. A Casa dos Títeres acollerá unha morea de funcións aolongo do mes de maio. A primeira será a cargo do grupo Caramuxo Teatro, qu trae o seu espectáculo Zapatos (teatro para bebés) o sábado 9 de maio ás 17:30 na Casa dos Títeres. O día completarase con inchables e merenda e unha visita espcial dos padriños da escola Ansiana Miranda e Xosé Neira Vilas. - Os títeres toman Cabana.
Títeres en Dumbría Cayetano Lledó inaugura o programa titirimáxica de Dumbría. Será o sábado 9 de maio ás 20.00 na Casa Cultural de Ézaro cando presente a súa obra "Máxico circus cabaré". Cine de Corme Hoxe, venres, 8 de maio tocará o marabillo e entrañable filme "El hijo de la novia". A xenial parella formada por Ricardo Darín e Héctor Alterio fan da película de Juan José Campanella (2000) unha historia na que é imposible conter as bágoas. Documental sobre Perú O Salón de Actos de Cee acollerá unha proxección audiovisual “La huella de un explorador” Expedición Nevado Choquezafra (Perú) para este venres día 8 de maio ás 20:30h. Teatro de Pinga en Cee Este sábado 9 maio, ás 19:00, o Salón de Actos do Concello acolle a obra de THE PINGA teatro: “O REI DE MARES”. Teatro deprimido en Vimianzo O domingo 10 de maio, o grupo Deprimidos ao río, presenta a súa obra homónima. Será o domingo ás 20:00 no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. V Xuntanza de maiores de Fisterra Os maiores da vila do Cristo desfrutarán este domingo da V Xuntanza de maiores organizada polo concelllo de Fisterra. O domingo, ás 11:00 da mañá os autobuses recolleran aos asistentes por todas as aldeas do municipio onde se trasladarán ata a Igrexa de Santa María das Areas para oir unha misa ás 12 en honor aos nosos maiores. VII Día do Ritmo de Ponteceso Será este sábado, 9 de maio cando se celebre o “VII Día do Ritmo”, coa colaboración de Deporte en Idade Escolar e Coca Cola. Participarán as escolas deportivas de Laxe, Cabana, Malpica e Ponteceso, ademáis do Centro Artai de Carballo e o Clube Acordes de A Coruña. Un total de 221 nenos e nenas que nos amosarán as súas habilidades tanto en ximnasia rítmica como en patinaxe artística. A xornada será no Pavillón Municipal de Corme a partir das 10:30h. Saída do Voluntariado Ambiental de Muxía Os voluntarios e voluntarias do Programa de Voluntariado Ambiental do Concello de Muxía farán unha saída este sábado, día 9 de maio para traballar na diagnose do estado do Río Negro, seguindo co Proxecto Ríos. Este voluntariado xa fixo a diagnose do Río Castro o pasado mes de marzo. Con este traballo o Concello de Muxía colabora no estudo do estado dos ríos galegos que leva a cabo ADEGA dentro do Proxecto Ríos. Dentro do mesmo programa (Proxecto Ríos e Voluntariado Ambiental) , o vindeiro luns 11 de maio, responsables de ADEGA sairán ao Río Castro con alumnos do IES Ramón Caamaño , para ensinarlles como se leva a cabo unha diagnose do estado de contaminación dun río. Os escolares e os responsables de ADEGA estarán apoiados na súa saída por un membro do Voluntariado Ambiental do Concello de Muxía. Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|