|

Non fica contento o PSOE de Ponteceso ante a certificación da praia de Balarés coa Bandeira Azul. Para o PSOE non é suficiente e son varias as que, ao seu xuizo, merecerían o esforzo do concello para acadar máis recoñecimentos ambientais. Para o PSOE o alcalde, José Luis Fondo Aguiar podería ter feito algo máis, e pon o exemplo do concello de Laxe, que traballou arreo para conseguir a Bandeira Azul e a Q de caliade para a praia de Laxe. Nota de prensa do PSOE de Ponteceso O PSOE de Ponteceso lamenta o conformismo do Alcalde de Ponteceso para aumentar as Bandeiras Azuis en Ponteceso Vense de publicar a lista das praias de España que recibirán a bandeira azul. Dende o PSOE de Ponteceso lamentamos que o Alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar, tras tres lexislaturas e media como alcalde, se conforme con ter unha soa Praia con Bandeira Azul no concello, Balarés. O PSOE propuxo nunha moción que se buscara amañar as praias de Niñóns e A Ermida para conseguir ese distintivo de calidade e servizos, pero Fondo Aguiar fixo valer a súa maioría absoluta e o tema nen sequera chegou a debatirse. Esta actitude, que repite en cada pleno, volveuna poñer en práctica o luns ao negarse a debatir unha moción a favor das enerxías renovables. Os socialistas entenderíamos que mocións partidistas ou contra o goberno local non as debatise, pero outras que non van contra ninguén, só a favor do futuro laboral e industrial ou turísitico de Ponteceso, é incomprensible que non se debatan. Como exemplo, negouse a debater unha moción que pedía un obradoiro de emprego, cando Foz conseguiu un con 500,000 euros para amañar as súas praias, co bo resultado que se pode apreciar a continuación. Para o PSOE, Ponteceso ten que facer valer o seu lugar privilexiado e explotar ao máximo o seu potencial turístico, conseguindo cada ano unha bandeira azul máis, como fixo Barreiros(8 distintivos), Foz (6), Ribeira (6) e Sanxenxo (13). Este ano agardamos que o Alcalde se asegure de manter as praias limpas antes do 15 de Xuño, e non esperar a que veña a xente como o ano pasado e as praias sen limpar: Balarés daba pena en Xullo, e en Niñóns mesmo non se puido entrar coas algas durante 15 días. A este respecto lembramos cómo Laxe conseguiu que se vaia construir unha canalización de madeira para o regato que desemboca na Praia e dúas pasarelas. Por qué en Niñóns, que ten o mesmo problema, isto non se fai? Por qué non hai aparcadoiros, nen duchas, nen un simple quiosco en Niñóns, con toda a xente que acode ao areal de toda a comarca? Nós seguiremos reivindicando o Tesouro Natural de Niñóns, praia á que acabamos de dedicar unha nova fotogalería na nosa páxina web, no seguinte enlace: Novas relacionadas Fonte
|