|

Esta fin de semana, vai estar cargada de ritmo, movemento e diversión en Laxe. O sábado 30 de maio, pola mañán, haberá unha festa por todo o alto na Praza dos voluntarios de 11 a 14:00h, con Obradoiros de manualidades, hinchables, e partidillos organizados, de deportes de raquetas, mazaball, futbito e baloncesto. Tamén haberá unha actuación do Mago Gusi ás 12.30h co seu espectáculo Spiral. Esta actividade está organizada polos departamentos de Deportes e Cultura. O mesmo sábado pola noite ás 21:00h no Salón de Actos, o grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro de Laxe, realizará a estrea da súa última montaxe titulada Terra de Ninguén, obra composta por unha serie de esceas independentes interconectadas por unha temática común, que versa sobre as situacións de degradación das persoas que podemos ver nas nosas sociedades actuais. O domingo 31 ás 17:00h, tamén no Salón de Actos, chegaralles a hora de actuar aos alumnos e alumnas de secundaria da Escola Municipal de Teatro. Nesta ocasión actuarán acompañados polos grupos de Teatro de Palas de Rei, Touro e Vedra, aulas de teatro convidadas este ano, para o Festival de Fin de Curso, e coas cales levan colaborando en diversas actividades culturais, dende o curso pasado. Romaría do Peñón Pero aí non acaba todo, o luns 1 de xuño, celébrase a Romaría do Peñón, tradicionalmente os romeiros de Laxe acudían as festas do Espíritu Santo de Camelle; facíano camiñando dende o núcleo urbano a través do monte de Santa Rosa, o Peñón, a praia de Soesto, a praia de Arnado e a de Traba. Ao seu regreso eran recibidos polas súas mulleres no alto do Peñón, en Espiñaredo, na zona do antigo muíño de vento, no Campo do Escaravello ou nos arredores de Santa Rosa. Elas esperábanos sobre as cinco da tarde con unha comida campestre para compensar a peregrinación pola costa. A pesares de que a Festa do Peñón fora unha típica festa campestre non era habitual que asistiran grupos organizados de músicos. Xeralmente as contribucións para amenizar a xornada corrían a cargo de instrumentos como cunchas, pandeiretas, guitarras ou gaitas que eran tocados de forma espontánea por calquera asistente. Sen embargo, dende diversos departamentos do Concello de Laxe, lévanse dous anos programando actividades para que esta xornada festiva ofreza alternativas para todos os asistentes. Así este ano, todos os que se acheguen á Braña de Soesto poderán, desfrutar a partires das 19 horas, da actuación do Cego dos Monifates, que fará un cantar de cego tradicional, e despios poderemos bailar todos ao ritmo do Tren da Unha, grupo musical, composto por veciños de Laxe, que volveu a xuntar filas este ano despois de moitos anos de silencio. Excursión a Portugal Por último, o xoves 4 de xuño, haberá unha excursión a Portugal, organizada para os maiores de 55 anos, para máis información poden achegarse ás oficinas de Servizos Sociais ou Cultura. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Concello de Laxe.
|