|

Vaia cara adiante o proxecto da senda verde litoral entre San Adrián e a praia de Esteiro-Seiruga, termo municipal de Malpica. O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a través da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, anunciaba a pasada semana que investirá 751.738 euros no proxecto de restauración ambiental. Trátase dunha moi boa nova e dun exemplo do que pode supoñer un valor engadido de cara ao turismo na bisbarra. Estas sendas, non aptas para vehículos a motor, son precisamente o que buscan os visitantes que veñen á Costa buscando tranquilidade e virxinidade. Toda a zona está incluída no espazo da Rede Natura 2000: LIC Costa da Morte. Ante esta coxuntura, sería un tanto incongruente a construción da piscifactoría da Seiruga, que tantas queixas trouxo entre os seus veciños. O PP prometeu anulala polo que a plataforma Seiruga Limpa leva un tempo descansando á espera de que a Xunta cumpla a súa palabra. Datos técnicos A recuperación da senda litoral suporá o acondicionamento dos 3.126 metros da senda actual e a construción de 2.892 metros de nova senda para darlle continuidade á existente. Proxéctase unha camiño en madeira, con 2.5 metros de anchura, formada por bordos de madeira, firme de zahorra e un acabado continuo de area de río e grava de machaqueo. Nas zonas próximas ao cantil dotarase dunha varanda de seguridade, de madeira e ancorada no terreo. Proxéctanse ademais dúas pontes móbiles de madeira, de 6 metros de lonxitude, para salvar o regacho que desemboca entre a zona de Pedra lobo e Fóntón e o que desemboca á altura das Salgueiras. Co fin de evitar o acceso á senda de vehículos a motor proxéctanse catro bolardos extraíbles de fundición e cimentados sobre o terreo. Os bolardos, ao ser extraíbles, permitirán o paso de vehículos autorizados (limpeza, socorrismo, incendios, etc.). Queixas do Valedor Noutra orde de cousas, as denuncias dun veciño de obrigar ao concello malpicán de solicitar as licencias a varias obras do concello, non foron escoitadas polo goberno local. O concello respondía que faltaban medios materiais e humanos para realizar eses trámites legais, e que o departamento Urbanismo está saturado. Tras ir ao Valedor, este, 3 anos e medio despois das primeiras queixas, suxire ao concello que poña máis medios e lamenta a súa pasividade ante as denunicas por presuntas infraccións urbanísticas. Na imaxe vemos unha fotodenuncia que nos chegaba o ano pasado, dunha obra comendo a area da praia malpicá. Novas relacionadas Fonte
|