Xoves, 18 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Que pasou na Costa: O Megalitismo na Costa da Morte  Correo-e
martes, 19 de enero do 2010

Image

As terras do occidente coruñés, que hoxe coñecemos como Costa da Morte, estiveron poboadas desde tempos antigos aínda que o déficit de estudios arqueolóxicos sobre a zona condiciona os coñecementos que temos da prehistoria e historia antiga destes territorios, xa que son moitos os xacementos dos que apenas temos datos.

Os restos máis antigos podémolos datar no Neolítico final e a Idade do Bronce, momentos que coinciden co desenvolvemento da cultura megalítica (aprox. entre os milenios IV e II antes de Cristo). O megalitismo é un fenómeno cultural que se produce a nivel europeo, estendéndose por toda a fachada atlántica desde Irlanda e a Bretaña francesa ata o Algarve portugués. Este feito revela a existencia de relacións atlánticas, probablemente de tipo comercial entre A Costa da Morte e o resto dos chamados “Finisterres atlánticos”. Os restos que se conservan son, fundamentalmente, arquitecturas de carácter funerario (mámoas, dolméns) xunto co enxoval que acompañaba ó morto. Coñecemos, polo tanto, as súas formas de enterramento pero temos pouca información sobre a vida cotiá destes antigos poboadores.

O monumento megalítico máis importante na nosa zona é o dolmen, feito con grandes lousas verticais con cuberta plana, que na súa forma clásica está constituído por unha cámara poligonal cuberta, onde se depositaba o corpo do morto co seu enxoval, e un pasillo de entrada (exemplos en Dombate (arriba), Arca da Piosa; casa dos Mouros, Parxubeira). Este tipo de dolmens foron construídos entre o III milenio e comezos do II milenio a. de C.

Tamén se pode atopar outro tipo de monumento, propio do final do megalítismo ou incluso das primeiras fases do bronce (aprox. 1800-1500 a. de C.): a cista, composta únicamente dunha cámara funeraria cuadrangular (exemplo en Nande – Laxe, na cista de Aplazaduiro).

En xeral, todas estas arquitecturas megalíticas, tanto na Costa da Morte como noutras partes de Europa comparten unha curiosa orientación solar: o pasillo de entrada normalmente apunta cara a saída do sol no equinoccio de primavera, polo que ese día as cámaras funerarias eran iluminadas cos primeiros raios solares, feito que reflicte con toda rotundidade que os construtores dos megalitos tiñan certos coñecementos de astronomía.

Orixinariamente, os dolmens estaban recubertos por unha coraza formada por gravas de pedras e terra. Así, exteriormente eran visibles no terreo como un abultamento redondeado que é o que coñecemos como mámoa. Delas, temos abundantes exemplos, moitas están sen estudar, e outras moitas foron destruídas nos últimos séculos, primeiro na busca no seu interior dos “tesouros dos mouros”, e máis recentemente para reaproveitar as pedras na construcción.

A meirande parte dos dolmens atopámolos na zona máis occidental das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Xallas, podendo salientar entre outros o máis que famoso dolmen de Dombate (Borneiro, Cabana de Bergantiños), que é o de maior tamaño de Galicia; Pedra da Arca e Pedra da Mina (Cerqueda, Malpica), A Casota de Freán (Berdoias, Vimianzo), Pedra Cuberta (Treos, Vimianzo), Arca da Piosa (Muíño, Zas), Pedra da Arca ou Casa dos Mouros (Baíñas, Vimianzo) e a Mina da Parxubeira, conxunto formado por catro túmulos en Eirón, Mazaricos.

Asociados a estas arquitecturas soen aparecer restos do enxoval funerario que acompañaba ó morto. Non pasa o mesmo cos restos óseos, que apenas quedan rexistrados dado o forte grao de acidez do chan en Galicia. Exemplos do primeiro son a industria lítica, preferentemente sobre sílex, formada por puntas de flecha, coitelos, machadas, mazas, cinceis, adornos corporais, ídolos en pedra e restos de utensilios cerámicos como os aparecidos na Mina de Parxubeira. Pequenos ídolos escultóricos tamén apareceron no pasillo do dolmen de Dombate. Image

Os monumentos megalíticos poden aparecer con gravados e pinturas, estas xeralmente en cores vermella e negra, con diferentes motivos. O mellor exemplo, aínda que corre grave risco de deterioro, está en Dombate, que conserva importantes restos das pinturas estudiadas nos anos setenta do pasado século por Elizabeth Shee. Tamén hai restos de pinturas en Pedra Cuberta (á dereita).

Hai un tipo de gravados exentos ó aire libre realizados sobre pedras máis ou menos lisas que coñecemos polo nome de petroglifos. A zona na que se concentran maior cantidade de restos deste tipo de arte é a das Rías Baixas pero aínda así, A Costa da Morte conta con algúns conxuntos interesantes. Podemos salientar entre outros, A Pedra Ancha (Buxantes, Dumbría), lousa orientada cara a saída do sol, na que se representan un total de oito armas de guerra; A Pedra dos Letreiros (Carnés, Vimianzo), un petroglifo idoliforme en Corme (Ponteceso) e un impresionante conxunto coñecido como A Laxe Escrita (Carnota) (abaixo), que conta con gravados rupestres de diferentes épocas: círculos concéntricos de época prehistórica, xunto con cruces inscritas en círculos probablemente medievais e unhas curiosas embarcacións con mástiles e velas, que, pola súa similitude cos barcos anglosaxóns e escandinavos dos séculos VI-IX, poderían situarse nestas datas.

Image 

Non conservamos outros restos da etapa megalítica aínda que sí hai referencias da antiga existencia de círculos líticos, como por exemplo o de A Eira das Meigas ou Circo dos Xogos en Monte Neme (Cambre, Malpica), e de dous crómlechs na illa de A Estrela (Corme, Ponteceso), así como dunhas filas de pedras en liña recta na ladeira occidental do monte Duio (Fisterra), que remataban en círculos e semicírculos no seu cumio.Image

  • Víctor Castiñeira

Bibiografía básica

  • Bello Diéguez, J.Mª; Criado Boado, F. e Vázquez Varela, J.M.: La cultura megalítica de la provincia de La Coruña y sus relaciones con el marco natural. Implicaciones socioeconómicas. Deputación Provincial. A Coruña, 1987.
  • Fábregas Valcarce, R.: Megalitismo del Noroeste de la Península Ibérica. Tipología y secuencia de los materiales líticos. Madrid, 1991.
  • Lema Suárez, X.Mª: Arquitectura megalítica na Costa da Morte. Antas e mámoas. Asociación Neria. Santiago de Compostela, 1999.
  • Peña Santos, A. e Rey García, M.: Petroglifos de Galicia. Vía Láctea. A Coruña, 2001.
  • Ramil Rego, P. (ed.): El Fenómeno megalítico en Galicia. Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 1996.
  • Rodríguez Casal, A.A.: O Megalitismo. A primeira arquitectura monumental de Galicia. Biblioteca de Divulgación. USC. Santiago de Compostela, 1990.
  • Rodríguez Casal, A.A.(ed.): O neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Biblioteca de Divulgación. USC. Santiago de Compostela, 1997.
  • VV.AA.: Atlas arqueolóxico de Galicia. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2009.

Que pasou na Costa

Novas relacionadas

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Redacción de QPC ( Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com