Martes, 16 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Que pasou na Costa: A época castrexa (1ª parte)  Correo-e
martes, 26 de enero do 2010

Cara os últimos intres do bronce final (aprox. 1200-600 a. de C.) comeza a desenvolverse a cultura castrexa, así coñecida pola forma dos emprazamentos dos seus moradores: os castros. Esta cultura alcanza o seu punto álxido durante a Idade do Ferro, cara a segunda metade do primeiro milenio a. de C., chegando a perdurar, nalgúns casos concretos, ata o século II d.C., despois de entrar en contacto cos romanos. Aínda así, o seu fin podémolo situar, en liñas xerais, en relación ás reformas administrativas da época flavia (finais do século I a. de C.), que favoreceron a implantación dun novo modelo de organización social, política e territorial, baseado nas vilas (uilae).

O castro foi un lugar de asentamento permanente para as comunidades agrícolas que realizaban nel as súas actividades cotiás. Correspóndese, pois, cunha estrutura indíxena de organización social que vincula ás persoas pola súa orixe.

Na Costa da Morte quedan moitos vestixios de castros, algún xa desaparecidos e outros, todavía por excavar. Téñense rexistrado ata 75, compartindo todos eles unha situación moi semellante á xa comentada cando falamos das mámoas, tanto no referente á súa conservación como no tocante ós estudos arqueolóxicos.

Image

En xeral, os castros aparecen na paisaxe como asentamentos de carácter permanente situándose en lugares estratéxicos e fácilmente defendibles, ben sexa mediante elementos naturais (rochas, cantís), ben artificiais (murallas, fosos), ou mediante unha combinación dos dous. O máis habitual é a protección a través dunha liña de murallas, pero tamén temos exemplos de recintos con dúas (Mallou en Carnota (arriba), Muíño en Zas, Barreiras en Vimianzo, Duio en Fisterra, Quenxe en Corcubión, Corcoesto en Cabana,…), e incluso con tres (Castromiñán en Fisterra, Figueroa en Muxía, Aro e Recarea en Mazaricos).

Soemos atopar restos dos castros en lugares elevados desde os que é doado controlar as terras de cultivo e os cursos de auga, como por exemplo, Lourido en Laxe, Borneiro en Cabana, Xornes en Ponteceso, Mintiráns en Muxía…, pero tamén existen moitos asentamentos nas chairas, como Muíño en Zas, Oróns e Sandrexo en Vimianzo, Pereiriña en Cee, Vilela en Muxía.

Entre os castros catalogados na Costa da Morte¸ podemos salientar, polas súas dimensións, os de Aro (Mazaricos), Ézaro (Dumbría) e Santo Adrián (Zas), cunha extensión aproximada de entre 1.5 e 2 Ha. Nembargantes, quizáis o máis impresionate para ser visitado, polo feito de estar excavado, é o castro de “A Cibdá” de Borneiro (Cabana de Bargantiños). Foi datado entre os anos 520 a. de C. e o 80 d. C. Localizado preto do dolmen de Dombate, conta cun recinto de algo máis dunha hectárea que conserva boa parte das súas murallas defensivas. Tamén é suliñable, pola súa localización, o castro da Illa do Castelo, na punta do cabo Touriñán, que aproveita os pronunciados cantís para a súa defensa e a unión co cabo durante a baixada da marea.

A meirande cantidade de castros rexístrase nos concellos do interior. Deles, é o de Vimianzo o que conta co maior número de castros catalogados, dez (entre eles: castro de Sandrexo en Tines, citania de Vilaseco, en Berdoias, alto do Cabral en Baíñas…). Dumbría conta con nove castros (Berdeogas e Alvarellos en Berdeogas, Regoelle e Logoso en Olveira, Teixoeiras en Ézaro…). Mazaricos tamén conta con nove (Monte Aro en Maroñas, Montellos en Eirón, O Barral en Coiro, Agro do Castro, actualmente baixo as augas do embalse da Fervenza, en Baos…) e Zas con sete castros, entre os que destaca o de Brandomil, núcleo de asentamento pobocional que chegara ata a época romana. Tamén, na zona norte, nos concellos de Cabana (oito castros), Ponteceso (seis) e Malpica (outros seis) rexistramos un importante número de castros, moitos deles emprazados nas proximidades da costa.

Image 

Efectivamente, un factor moi importante na nosa zona é a localización costeira dun bo número de castros, xa que, ademáis de facilitar ós seus ocupantes a explotación dos recursos mariños, proporciona unha posición estratéxica na defensa dos mesmos e posibilita tamén o acceso ós intercambios comerciais por vía marítima. Exemplos deste tipo de castros atopámolos en Mallou (vemos a reconstrución na primeira foto e aquí arriba a foto) e Lira (Carnota), Vilar de Toba (Cee), Quenxe (Corcubión), Castromiñán e Duio (Fisterra); Nemiña, Illa do Castelo, Lourido e Figueroa (Muxía); castro da Rega e castro de Mourín (Camariñas), castro da Torre e castro Lourido (Laxe), castro da Bada (Ponteceso), castro da Punta Galeana e castro de santo Adrián (Malpica).

Remataremos esta primeira aproximación á época castrexa achegándonos ó castro máis emblemático da Costa: A Cibdá de Borneiro. Exemplo de castro de tamaño medio, a presenza dun amplo espazo habitacional, descuberto nas excavacións arqueolóxicas realizadas de maneira intermitente entre os anos 1932 e 1990, permite comprender de forma clara, as características arquitectónicas máis importantes deste tipo de xacementos. Vémolo aquí embaixo.

Image 

Na parte central do castro, a croa, atópanse a totalidade das construccións adicadas á vivenda, e está delimitada en todo o seu perímetro por un parapeto de terra, de altura variable, que aínda conserva no seu interior os restos da muralla defensiva. Aínda que a meirande parte das edificacións presentes nesta zona son de planta circular, tamén existen as de planta cadrada ou rectangular, con esquinas redondeadas, conservando moitas delas o fogar e, en menor número, a porta de entrada. Na distribución de parte destas edificacións, sobre todo nas situadas na zona central, pódese ver unha disposición formando pequenos grupos de vivendas, que posiblemente denote a presenza de diferentes grupos familiares.

O acceso á croa faise desde o denominado barrio de entremurallas, situado ó leste, entre a muralla que delimita a croa e a que separa este barrio do exterior. Para acceder ó interior da croa había que atravesar previamente esta barriada. Nela non existe ningunha construcción que se considere que puido ser empregada como vivenda, interpretándose como unha zona que os habitantes do castro, ademáis de usala para abastecerse de auga dunha fonte próxima, utilizarían para a realización de actividades especializadas, como por exemplo o traballo dos metais.

  • Víctor Castiñeira  (vmcastineira[arroba]quepasacosta.com)

Bibiografía básicaImage

  • Balboa Salgado, A.: A Galicia celta. Lóstrego. Verín-Santiago, 2007.
  • Calo Lourido, F.: A Cultura Castrexa. A Nosa Terra. Vigo, 1993.
  • García Quintela, M.V., Vázquez Varela, J.M: A vida cotiá na Galicia castrexa. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago, 1998.
  • González García, F.J. (coord.): Los pueblos de la Galicia Céltica. Akal. Madrid, 2007.
  • López Cuevillas, F.: La civilización céltica en Galicia. Istmo. Madrid, 1953, reimp. 1988.
  • Peña Santos, A.: Galicia. Prehistoria, Castrexo e primeira Romanización. A Nosa Terra. Vigo, 2003.
  • VV.AA.: Atlas arqueolóxico de Galicia. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2009.

Que pasou na Costa

 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com