|
A Asociación de Veciños Monte d’Arxa de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) foi un dos colectivos da Costa da Morte que acaba de conseguir unha das subvencións de promoción á lingua concedidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O proxecto presentado ten como finalidade fundamental a transmisión lingüística interxeracional tomando como base a regueifa. Xunto con isto, ademais preténdese a recuperación da figura do regueifeiro Celestino Álvarez, máis coñecido como ‘Celestrino’, falecido hai 25 anos. Entre as propostas a levar a cabo para honrar este poeta popular está a de desenvolver obradoiros de regueifa, celebrar un macrorregueifa con todos os cantadores da comarca de Bergantiños, así como a de editar unhas publicacións, en distintos formatos, centradas na figura do homenaxeado. Nunha próxima reunión da directiva de Monte d’Arxa seleccionaránse aquelas actuacións do amplo proxecto presentado á Xunta de Galicia que se axeiten ó importe subvencionado. Celestrino Monte d’Arxa considera de xustiza o rescate da memoria de Celestino Álvarez, sobre todo, porque xa se cumpriron máis de 25 anos do seu falecemento. Ademais, esta asociación veciñal, quere recuperar en Cerqueda a tradición de cantar a regueifa que tanta importancia tiña no pasado nesta parroquia malpicá. As últimas regueifas celebradas aquí foron as organizadas pola A.C. Raigañas a principios dos anos noventa, vai camiño xa dos vinte anos. Meses atrás, Celestino Álvarez tamén foi proposto por Monte d’Arxa como candidato ó Premio Bergantiñán do Ano 2008 convocado polo Padroado Fogar de Bergantiños, xusto o ano no que se cumpría o 25 aniversario de falecemento. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Secretario da A.VV. Monte d’Arxa.
|