|

Traemos íntegra convocatoria da Comisión Organizadora do IX Mercado Medieval “Costa da Morte” de Corcubión, para unha reunión este sábado no Casino de Corcubión. Todo aquel que queira colocar un posto no mercado, deberá asistir a esta reunión. Comunicado da Comisión Organizadora do IX Mercado Medieval “Costa da Morte” A Comisión Organizadora do IX Mercado Medieval “Costa da Morte” que se levará a cabo o venres 24, sábado 25 e domingo 26 de xullo saúdavos cordialmente e anuncia que o vindeiro sábado 13 de xuño ás 17;00 horas terá lugar no local social do Casino de Corcubión (Praza de Castelao) unha reunión co fin de establecer as bases para aqueles que desexen montar algún posto nesta edición do mercado. Como é de costume a organización ofertará un número limitado de paradas destinadas principalmente a tabernas, artesáns, talleres, etc. onde se exporán productos propios da época. Urxenos facer canto antes unha planificación do espazo destinado ó mercado, polo que advertimos que de non asistir a esta reunión non se poderá solicitar posteriormente. Por segundo ano consecutivo disfrutaremos de tres días cheos de actividades,nos que destaca o venres ás 23:30 hrs, a espectacular REPRESENTACIÓN histórica (na foto) da loita mantida entre as tropas do Arcebispo Rodrigo de Luna e os cabaleiros dos Condes de Altamira en Corcubión no ano 1457. Para esta representación lembramos que necesitamos extras fara figurar de soldados e de pobo, polo que se alguén quere participar rogamos que se poña en contacto con nós, pois será preciso asistir a uns ensaios previos. O mercado iniciarase o venres 24 de xullo as 18:30 hrs e prolongarase ó longo das xornadas do sábado e domingo contando con representacións teatrais, animación musical (grupo Acibreira (que vemos abaixo )e o Home orquestra), exhibicións de esgrima, exihibicións de artesanía, talleres, domador de serpes, o rincón infantil, exhibicións de cetrería e diversidade de postos que nos mostrarán productos da época. Lembrade que a participación cidadá é fundamental para por en valor este fermoso mercado, é o que nos distingue, polo que animamos a todo aquel que queira que se engalane con vestimentas medievais e facer unha viaxe no tempo… Novas relacionadas Fonte - Comunicado da Comisión Organizadora do IX Mercado Medieval Costa da Morte. Corcubión.
- Fotografía de Kalina Michocka.
|