|

6 anos de abandono son moitos. Nos últimos meses, coa posta en marcha, con polémica, por suposto, da Fundación Man, semella que a posta en valor do patrimonio material do Alemán de Camelle, comeza a ser unha realidade. Así o demostran as Xornadas de restauración que organizaba a Fundación, e que de seguro terán que servir para tomar nota de como comezar as actuacións no museo. Malia e todo, a situación de total abandono é patente. Nas propias fotos que a Fundación presentaba para as xornadas, vense con claridade as grietas e demais lacras que poñen en perigo a vida do museo. Ollando estes problemas, e aproveitando a incorporación do novo goberno da Xunta, o voceiro do PP camariñán, Daniel Rego, achegábanlle o problema ao Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, quen remataba por comprometerse a que o seu departamento retome o proxecto de mellora, restauración e rehabilitación. Para o conselleiro, falamos dun "ben turístico, que hai que potenciar máis aló de Camelle porque é nun punto de atracción para toda a comarca". Entrementres, Man segue ao seu na votación da Elección Histórica da Costa da Morte. A loita con Eduardo Pondal por ese recoñecemento prevese complicada ata o final deste mes de xuño. Nota de prensa do PP de Camariñas - O PP de Camariñas logra o compromiso da Xunta de retomar o proxecto de mellora do Museo de Man para estudar posibles alternativas
- Os populares lamentan os catro anos perdidos polos socialistas e nacionalistas cuxo balance de goberno son escusas e reiterados adiamentos
Camariñas, 12 xuño 2009.- O Portavoz do PP de Camariñas, Daniel Rego, acompañado dos concelleiros Dores Rodríguez, Kina Castiñeira e María José Pasantes, mantiveron, esta mañá, unha reunión co Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, para mostrarlle a súa preocupación polo estado de abandono do Museo a Casa de Man e da súa contorna. Os populares recordan que o Grupo de Goberno estivo xogando ao descoido "durante os catro anos de xestión do Bipartito e o único que conseguiron os veciños son escusas e adiamentos da obra, o que puxo en evidencia que non existía un compromiso político firme por parte do PSOE e do BNG con esta actuación". Rego explicou ao Conselleiro que o Museo de Man converteuse na gran mentira do Bipartito e do Goberno Local porque "o balance que temos son boas palabras e reunións de artistas pero non houbo ningunha intención real de pór en marcha o mantemento do museo". Tras coñecer a situación actual, o Conselleiro de Cultura comprometeuse a que o seu departamento retomará este proxecto de mellora, esquecido polos socialistas e nacionalistas, e anunciou que os técnicos van estudar detidamente o tema, por tratarse dun ben turístico de prezado valor a conservar. Desta forma, os populares reiteraron á Xunta o interese que desde sempre tiveron polo mantemento e conservación do museo, "xa que se trata dun ben turístico, que hai que potenciar máis aló de Camelle porque é nun punto de atracción para toda a comarca". Do mesmo xeito, resaltaron a grandeza da obra de Man. Por iso, mostrouse confiado en que o proxecto de mellora, restauración e rehabilitación do museo deixará de durmir o soño dos xustos e impulsarase co novo Goberno Autonómico do Partido Popular, saldando unha débeda pendente con todos os veciños de Camariñas.
Elección Histórica da Costa da Morte Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do PP de Camariñas.
|