sábado, 13 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Que pasou na Costa: A época castrexa (2ª parte)  Correo-e
martes, 02 de febrero do 2010

Image

Os habitantes dos castros sobrevivían básicamente da agricultura, que era complementada coa gandeiría, pesca e, nalgúns casos de castros próximos ó mar, co marisqueo. A cultura material procedente dos castros, está relacionada con estas actividades, polo que soen aparecer restos de cerámica castrexa  empregada para o almacenamento de gran e para a súa preparación, restos de peixes e de moluscos, que incluso se atoparon en castros alonxados da costa, como no caso de Nemeño (Ponteceso) e Borneiro (Cabana) onde apareceron restos de cunchas de berberechos.Image

Ademáis, tense documentado a existencia de contactos marítimos a través do rexistro de cerámicas finas de importación chegadas desde a área mediterránea. Nas veciñas terras da Barbanza atopouse, nas excavacións feitas no castro de Neixón (Boiro), un fragmento dun perfumario fenicio dos séculos V-III a. de C. Non deixaría de ser un obxecto de prestixio para os castrexos xa que este tipo de pezas de cerámica contiñan aceites e esencias que se empregaban en baños e rituais. O que sí está máis claro é que debe ser un exemplo do troco de materiais entre os fenicios e os castrexos, onde os primeiros viñan ata as nosas costas na busca do estaño, necesario para facer cobre. Estos contactos comerciais rexistraranse tamén en época romana ata o século II d. C.Image

Os castrexos traballaban productos metálicos como o estaño, cobre, ouro, prata e ferro. En ouro realizaban os coñecidos torques, como o de Orbellido (Baíñas – Vimianzo), datado cara o final da época castrexa e que foi identificado como de tipo ártabro. Os torques eran considerados como obxectos de prestixio e soen vincularse ós guerreiros e as élites, como elemento de distinción masculino. Son collares ríxidos ou semirríxidos que toman unha forma curva que non chega a pecharse, sendo as variantes tipolóxicas e decorativas moi numerosas. Os torques son obxectos relativamente habituais na meirande parte do territorio europeo chegando logo a ser adoptados como distintivo militar polos romanos. No caso galego, as súas especiais características e diferenzas apuntan a unha probable producción propia, xa que cada variante parece corresponderse cun territorio particular.

A orfebrería castrexa tamén nos deixou restos de outros tipos como as diademas, colgantes, brazaletes e outros obxectos menores. Nembargantes, pese a espectacularidade dos tesouros e dalgúns dos exemplares máis coñecidos, debemos salientar que en moitos casos foron fundidos empregando ouro de baixa calidade e empregando altos porcentaxes de prata e cobre na súa aleación, polo que en principio debían ser máis valiosos desde o punto de vista simbólico que desde o estrictamente económico. Por outra parte, esto tamén reflicte os avanzados coñecementos da metalurxia que tiñan os habitantes dos castros.

Cando os castros van entrando en contacto co mundo romano aparecen novos elementos como os muíños romanos, envases de cerámica común romana ou en terra sigillata, moedas… Tamén relacionada coa cultura castrexa estaría a antiga cidade de Duio (Fisterra), suposta capital dos nerios, da que na actualidade non se conservas restos. Esmorís Recamán señalou, nos anos corenta, o achádego nas proximidades da Praia da Langosteira de restos de machadas de sílex, lanzas biseladas, tégulas romanas, fragmentos de louza… que se relacionarían cun proceso romanizador. O vestixio máis importante desta presenza romana está constituído por unha ara atopada en Sardiñeiro (Fisterra). Aínda que a súa datación non é doada, o feito de contar cunha adicatoria á deusa Cibeles, culto oriental que entra tardíamente na Gallaecia e do que apenas quedan referencias escritas, poderiamos situala sobre os séculos II-III d. C.

Ademáis dos restos arqueolóxicos, Duio deixóunos tamén unha fermosa lenda que, según o relato do traslado dos restos do apóstolo Santiago no Códice Calixtino do século XII, fala da existencia na cidade de Dugium dun gobernador romano chamado Filotro que mandaría prender ós seguidores do apóstolo no transcurso deste episodio da translatio.

Aínda que a cultura castrexa non deixou restos escritos, coñecemos algo da súa forma de vida gracias ás obras dos autores romanos Estrabón e Plinio. Eles fan referencia a unha sociedade, desde o punto de vista dun romano, que califican de bárbara porque bebían auga en lugar de viño, consumían pan feito de bellotas, comían todos no mesmo prato sentados en bancos corridos e os homes levaban o cabelo longo, como as mulleres. Era unha sociedade agrícola, de estrutura matriarcal, na que a muller tiña un importante tiña un importante papel como organizadora das tarefas do campo. Asimesmo, son descritos como pobos guerreiros, actividade na que tamén participarían as mulleres, feito este que aparece documentado na Costa da Morte en aras de época romana adicadas ó deus indíxena da guerra, Cosus, como as atopadas en Brandomil e Serantes.

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[aroba]quepasanacosta.com).

Bibiografía básica

  • Balboa Salgado, A.: A Galicia celta. Lóstrego. Verín-Santiago, 2007.
  • Calo Lourido, F.: A Cultura Castrexa. A Nosa Terra. Vigo, 1993.
  • García Quintela, M.V., Vázquez Varela, J.M: A vida cotiá na Galicia castrexa. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago, 1998.
  • González García, F.J. (coord.): Los pueblos de la Galicia Céltica. Akal. Madrid, 2007.
  • López Cuevillas, F.: La civilización céltica en Galicia. Istmo. Madrid, 1953, reimp. 1988.
  • Peña Santos, A.: Galicia. Prehistoria, Castrexo e primeira Romanización. A Nosa Terra. Vigo, 2003.
  • VV.AA.: Atlas arqueolóxico de Galicia. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2009.

Que pasou na CostaImage

Elección Histórica da Costa da Morte

Novas relacionadas

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Víctor Castiñeira.
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com