|

Aínda que as estacións se sucedan unha tras outra eternamente, os ánimos das xentes que aquí respiran, permanecen sempre exactamente igual. E o mesmo da que chova arroios ou que o sol derreta as pedras, porque Dimas da Croa sempre vai estar contándolle a todos as súas desgrazas. Dimas bebe moito. Dimas bébeo todo. E nin el mesmo sabe, se bebe por culpa das desgrazas, ou as desgrazas son efecto da bebida. Empeza moi cedo Dimas na taberna do porto, e recorre coma o seu propio via crucis, bar tras bar, tenda tras tenda, rúa tras rúa, explicándolle a todos, moi baixiño, o desgraciado que é, a mala sorte que sempre o acompaña. Porque dentro do malo que é ter que aguantar tódolos días da vida a mesma historia do naufraxio da vida de Dimas, o bo que ten, é que nunca berra, nunca levanta a voz para explicar os negros detalles da súa derrota, nunca dá un chío mais alto ca outro. Así, foi posible que, pasado un tempo, as xentes de por aquí, acostumbrados a ese continuo rosmar, fixéranlle o mesmo caso que a unha mosca no verán. El falaba, a xente oía, pero ninguén escoitaba. Foi bo pra todos, porque ao mesmo tempo que facías unha obra de caridá escoitando ao que sufre, non descoidabas as túas tarefas rutinarias, como era ler o periódico, facer o sudoku, sachar no millo, ou mesmo dar de si; porque tal era a teima de Dimas que non o amedrentaba nin o cheiro do merda da xente cando na Romaría do Faro, se lle daba por contarlle as súas penas ós que cagaban de campo despois da comellada no monte. Podiámolo ver, falando ao lonxe co fogueteiro, mentres unha tras outra, as de sete estalos xingraban cara o ceo. Puidémolo ver na misa maior, primeiro falando co monaguillo e tan pronto levantaron o Altismo, xa se metío no altar a carón do cura a contarlle ao cura o que o cura xa sabía. Durante moitos anos formou parte da paisaxe de este noso mundo, e de repente dun día para outro, quedou mudo. Levamos xa catro días que Dimas non nos conta o desgraciado que é, e nestes catro días parece que o mundo cambiou do revés, porque agora somos nós os que lle contamos a Dimas o desgraciados que somos e o tristes que nos sentimos, desde que el decidío non recordarnos aos demais, as súas penas, as penas que a nós, por ser alleas, nos facían felices. Novas relacionadas Máis información Historias anteriores Fonte
|