|

Xa vai camiño de vinte anos que non se celebra unha regueifa na parroquia de Cerqueda, noutrora lugar habitual onde residían regueifistas e onde tamén se cantaban regueifas varias veces ó ano. Por iso, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa abriralle a porta, por primeira vez neste século XXI, á tradición da regueifa. Xa, de feito, asociación informou da recuperación da figura do regueifeiro de Cerqueda Celestino Álvarez. Será na Iª Fest’Arxa que se celebrará o vindeiro sábado 27 de xuño e 2009 no prado do Muíño da Braña, próximo á igrexa parroquial de San Cristovo. Na Iª Fest’Arxa combinarase gastronomía, regueifa, música e mesmo se realizará o sorteo dun TDT para que o afortunado co premio non sufra as causas do futuro apagón analóxico. Esta xornada gastronómica, poética e musical dará comezo a partir das oito da tarde cando se comezarán a servir as primeiras sardiñas e o churrasco. Os socios con carné desta asociación veciñal terán degustación gastronómica de balde, mentres que o boleto para os non socios custará 10 euros. Tras a comida, abrirá a sesión musical o grupo folk Fol de Veneno que está integrado por compoñentes da comarca de Bergantiños. Ademais, unha parte importante do seu repertorio foi recollido en moitas aldeas da bisbarra. A continuación celebrarase a primeira regueifa do século XXI en Cerqueda, nesta ocasión coa presenza dos dous regueifeiros máis novos de Bergantiños: Suso e Antonio de Xornes, que vemos na foto. Para eles tamén será a primeira vez que canten a regueifa despois da emisión, este pasado martes, do programa Alalá da Televisión de Galicia dedicado ós regueifeiros da comarca. Pechará as actuacións musicais o grupo Trastes de Cances cunha sesión de música bailable aínda que tampouco prescindirán de temas para os máis novos. Os compoñentes de Trastes xa participaran meses atrás na inauguración do Centro Sociocultural das Pozacas convidados polas asociacións de Cerqueda. Ás doce da noite realizarase o sorteo en directo por man inocente dun TDT para que polo menos unha casa de Cerqueda non sufra as malas consecuencias do vindeiro apagón analóxico. Nesta Iª Fest’Arxa colaboran a Deputación da Coruña e o concello de Malpica de Bergantiños. As regueifas na TVG Aquí deixamos unha mostra de como se está traballando na comarca de Bergantiños para evitar a morte da regueifa. Alí foi farruco e o seu programa para falar con Xose María Varela e Xan Fernández, activos loitadores polo rexurdimento deste saber popular. Xosé María aposta por levar a regueifa aos pubs.
Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa da Asociación Monte d´Arxa, da man de Xosé Manuel Varela Varela.
|