Martes, 16 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Que pasou na Costa: A pegada romana (Iª parte)  Correo-e
martes, 09 de febrero do 2010

Image

Os romanos entraron en contacto permanente coas terras da Costa da Morte despois do século I d. C. unha vez que conquistan toda a Gallaecia durante o trasncurso das guerras cántabras. Antes desta data téñense dado algúns contactos esporádicos que tiñan como probable obxectivo o abastecemento de minerais, entre eles o estaño (á dereita). Este tipo de comercio era realizado tamén por comerciantes gaditanos e fenicios, que facían a famosa e intrigante rota das Kassiterides, as illas do estaño. Plinio (V, 119) sitúa estas illas no Promontorio dos Arrotrebas, mentras que Estrabón fai referencia á riqueza en prata, estaño e ouro blanco das terras dos ártabros (III, 2, 9).

A historiografía actual non asegura propiamente a existencia das citadas illas pero o que é prácticamente seguro é que se correspondesen con varios puntos da costa nos que se localizaría este mineral, sendo o emprazamento máis posible a zona comprendida entre o cabo Fisterra e as illas Sisargas.

Tamén os antigos xeógrafos citan a existencia do Promontorio Nerio e do Portus Artabrorum, situado ó sur do anterior e que, según a opinión xeneralizada dos historiadores, corresponderíanse co Cabo Touriñán o primeiro e co Cabo Fisterra, o segundo.

Image 

As primeiras expedicións militares romanas realizadas ás nosas terras foron as de Craso e Julio César. A de Publio Craso, procónsul da provincia Ulterior, foi a primeira da que temos constancia e estaría datada entre os anos 96-94 a. de C., conseguindo chegar ás famosas illas do estaño para extrae-lo metal (Estrabón, III, 5, II). Da expedición de César, propretor da Ulterior, no ano 60 a. de C., tamén co obxecto de abastecerse de riquezas, sabemos que chegou ata a cidade de Brigantium (A Coruña) por vía marítima (Dion Cassio, 37, 52-53).Image

Con anterioridade a estas dúas temos que citar a expedición de Décimo Junio Bruto (á dereita), que comandou a primeira expedición militar que pisaría terras galegas nos anos 138 e 137 a. de C. Nas terras da Costa da Morte temos oído repetidamente como este cónsul romano retrocedeu asustado ao ver unha posta de sol desde Fisterra. Temos que dicir que esto non é máis ca unha lenda, xa que as tropas romanas por el comandadas non pasaron do sur da provincia de Pontevedra. Esta expedición é unha consecuencia das guerras lusitanas (147-139 a. de C.) que rematarían no ano 139 coa morte de Viriato. Pero a pesar disto, seguía habendo problemas de pacificación na zona e por iso, no ano 138, o senado romano envía a Décimo Junio Bruto co fin de controlar ós insurrectos na Lusitania e zonas limítrofes.

Grazas a Estrabón (III, 3, 1), sabemos que fortificou Olisipo (Lisboa), lugar que lle serviu de base de operación na campaña do ano 138, chegando cos seus lexionarios ata o rio Duero. Na campaña do ano 137 adéntrase máis ó norte entrando en contacto cos castrexos galegos sendo a partir de entón coñecido como Décimo Junio Bruto, o Callaicus (o galaico). Este nome vén dunha das tribus, os callaeci, que vivían nas proximidades de Cales (Oporto). Seguindo sempre próximo á costa, chegou ata o río Limia, que identificaron co mitolóxico Lethes, o río do olvido. Ante a negativa dos lexionarios a cruza-lo será o propio Décimo quen o atravese amosándolle ós seus soldados que non tiñan que ter medo. Pouco despois ten lugar o sonado suceso da posta de sol que debeu ocorrer nas inmediacións da desembocadura do Miño (Apiano, lb. 74), que Floro relaciona como un mal agoiro que obrigaría ás tropas romanas a retroceder.

Nembargantes é moito máis crible a versión de Apiano que relata como neste intre os bracarenses aprópianse dos depósitos de provisións poñendo en perigo a liña de comunicación coas tropas romanas no río Tajo. Diante desta nova situación, Décimo Junio Bruto decide regresar para facerlle frente ós sublevados, feito que lograría despois dunha cruenta batalla. Así pois, non hai base histórica para asegurar a presencia de tropas romanas na Costa da Morte nesta primeira expedición militar, tendo que esperar ás xa comentadas de Craso e César para que as tropas romanas se aproximen á nosa zona.

Non hai máis referencias sobre a Gallaecia ata o intre do sometemento definitivo con Augusto. Mentras duran as campañas militares temos constancia dunha adicatoria a Augusto de tres aras polo legado Lucio Sestio cara o ano 19 a. de C. (as coñecidas aras sestianas). Non hai restos epigráficos delas e a problemática da súa localización reside nuns textos de Pomponio Mela (III, 13), Plinio (IV, III) e Ptolomeo (II, 6, 3), que son a base dunha busca aínda non resolta polos historiadores. Entre os posibles emprazamentos destas aras señálanse o Cabo Fisterra, o Monte Pindo ou un punto entre o Cabo Touriñán e A Coruña.

Image 

Despois da guerra, Augusto, dividiu o territorio galaico en tres conuentus de carácter administrativo e xudicial (vemos arriba o mapa daquela España Romana), quedando o territorio da Costa da Morte incluído no conuentus lucense, con capital en Lucus Augusti (Lugo). Dentro do conuentus había unha organización interna baseada en populi (abaixo o mapa destes pobos indíxenas) e castella (que coincidían cos castros, que continúan habitados). Os textos de Plinio, Estrabón e Ptolomeo falan da existencia dos seguintes pobos na Costa da Morte: os Brigantinos (na zona de Bergantiños), os Célticos (entre o Tambre e Bergantiños), os Nerios (zona de Fisterra) e parte dos Supertamaricos (terras ó norte do Tambre). O único castelo do que temos constancia é o Castellum Aviliobrigensis, situado dentro do pobo dos Brigantinos, no actual Ponteceso, coñecido a través de dúas aras votivas; unha adicada á Xúpiter polo propio castellum, que foi datada no s. I d. C. e outra adicada ó deus titular do castellum. Outro posible castellum podería ser o de Dugium (Duio, Fisterra), pero non temos restos epigráficos.

 Image

  • Víctor Castiñeira.

Bibiografía básica

  • Arias Vilas, F.: A Romanización de Galicia. A Nosa Terra. Vigo, 1992.
  • Estrabón, Geografía de Iberia. Ed. de F.J. Gómez Espelosín, G. Cruz Andreotti, M.V. García Quintela. Alianza, Madrid, 2007.
  • García Fernández-Albalat, B. (1991): Guerra y Religión en la Gallaecia y la Lusitania Antiguas. Ed. Castro. Sada, 1991.
  • García Quintela, M.V.; Brañas Abad, R. (2002): La Organización socio-política de los populi del Noroeste de la Península Ibérica. LPPP, IIT. Santiago, 2002.
  • González Ruibal, A. (2006-2007): Galaicos. Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C-50 d.C.). Brigantium nº 18-19. A Coruña, 2006-2007.
  • Suárez Piñeiro, Ana Mª : A vida cotiá na Galicia Romana. Lóstrego. Santiago-Verín, 2007.
  • Tranoy, A.: La Galice Romaine. Ed. Centre Pierre Paris. Paris, 1981.

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Víctor Castiñeira.
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com