|

No marco das Xornadas sobre o Patrimonio Cultural, que organiza o Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, o pasado martes, o prestixioso gastrónomo Jorge Guitian, ofreciu unha charla ós empresarios do sector da hostelería de Vimianzo e da zona, que se achegaron ó Telecentro. A organizadora, Rosa Sánchez, mostra a súa satisfacción ó conseguir que a maioría dos establecementos de gastronomía do concello estivesen alí representados, e tamén porque os profesionais quedaron motivados coas propostas que recibiron. "Cultura, territorio e actualidade na cociña. Deseñar unha proposta gastronómica atractiva en tempos de crise" foi o título da ponencia. O acto foi presentado por Leonardo González, da empresa Alicerce, quen fixo un repaso polo currículo do ponente, webmaster do coñecido blog culinario gourmetymerlin.blogspot.com, gañador do premio nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cumqueiro 2008 e do Navarra Gourmet 2009. Tamén explicou o marco no que se desenvolvía esta actividade, moi próxima á celebración das II Xornadas Gastronómicas dos Pinchos Irmandiños que organizan un grupo de bares e restaurantes de Vimianzo os días 2, 3 e 4 de xullo. Atracción, pero barata e tradicional Jorge Guitián explicou ós presentes que a súa era a visión dun cliente e que desexaba ofrecer propostas atractivas pero que non costasen máis. Ilustrou toda a súa disertación con fotos de presentacións culinarias de distintos lugares. Para este experto, a tradición gastronómica está condicionada polos productos e técnicas locais, pola historia de cada zona e tamén pola actualidade: - O producto e a técnica local. É necesario reflexionar sobre que abanico de productos autóctonos temos a man, e puxo como exemplo o porco celta e o congrio seco. A proximidade á costa permítenos dispor de pescado fresco, pero o feito de estar nunha zona agrícola e gandeira tamén da outras posibilidades.
Tamén é un condicionante as técnicas tradicionais, e recalcou o peso dos asados ó forno e dos cocidos na nosa historia, así como técnicas de salazón, curados, afumados, embutidos, conservas en graxa... que agora están no abandono. O que había e o que non hai determina ofertas máis ou menos acertadas no compoñente tradicional, e outras cousas que non podemos esquecer son os gustos locais e os tabús, neste último apartado destacou as setas, as hortigas e as algas. - A historia. Para indagar na historia da gastronomía temos poucas fontes. Sábese, por escritos dos romanos, que nos castros se facía un pan coas bellotas dos carballos. O lugar no que nos atopamos e os acontecementos da historia influen na gastronomía local. A nosa tradición non contaba con aceite, por iso non son tradicionais os fritos en Galicia, nin con améndoas.
O descubrimento de América trouxo novos productos coma a pataca, o millo, o pemento, a vainilla, o chocolate,... A emigración está na orixe do churrasco e das parrilladas, importadas de América. - Actualidade. A globalización fai que a cociña exótica e étnica, a fast food chegue ata nós. A cociña está sendo moi mediática na actualidade e aparecen programas de televisión, cociñeiros estrela, etc. Tamén hai novas técnicas coas que se obteñen preparados ou presentacións diferentes.
Con todo isto, Jorge apuntou algunhas das tendencias da cociña galega, como a tradición reinterpretada ou os sabores de sempre con formas novas. Novas ideas O ponente, deu ós profesionais varias ideas sobre as que traballar, con inspiración na historia: - Xornadas temáticas: cociña medieval, cociña tradicional da comarca, cociña creativa, cociña de diferentes países, cociña de temporada.
- Accións en común entre varios establecementos: concurso de tapas, xornadas temáticas (coma os Pinchos Irmandiños), roteiros gastronómicos, etc.
- Recuperar as tradicións. Aquí falou da galleta de mariñeiro, do pan de berza, dos bolos do pote, de tratamentos de coserva tradicionais dos alimentos, do fiuncho e doutras plantas aromáticas.
- Actividades con implicación dos clientes: cursiños, catas.
- Coidar a carta de viños, de cervexas, de licores.
- Potenciar productos singulares coma os ecolóxicos.
- Potenciar os productos galegos de calidade e as denominacións de orixe.
Vindeira cita A próxima actividade será unha película. "O Neixón, historia viva dun castro" será a elixida para proxectarse o 3 de xuño na Casa da Cultura ás 20:30h, con entrada de balde. Trátase da primeira longametraxe documental da Arqueoloxía Galega, será presentada polo seu director Lukas Santiago. Este filme participou no VIII Festival de Cine arqueolóxico do Bidasoa (Irún) recibind moi boas críticas e sendo o terceiro mellor valorado. Máis información Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, da man de Rosa Sánchez.
|