|

Este sábado 27 de xuño, ás 13,30h, o Castelo de San Carlos acolle a presentación da revista ADRA. ADRA é unha revista que fan os socios e socias do Museo do Pobo Galego. Neste mes de xuño acaba de saír o seu número 4, que fai o quinto volume da mesma desde que en 2005 saíu o número 0. Así nolo conta un dos responsables da revista, Manuel Vilar, outro dos que formaba parte do noso Comité de sabios da Elección Historica da Costa da Morte, polo concello de Muxía. Entre os artigos que se publican neste número, hai un que fala sobre a musealización do Castelo de San Carlos de Fisterra, feito por un dos guías do mesmo, Francisco Manuel López Martínez. Con este motivo a revista vaise presentar en Fisterra, razón pola que tamén se organiza unha excursión ata esta localidade da Costa da Morte para visitar diversos espazos emblemáticos da mesma. Este número 4 abre cunha ilustración da pintora Raquel Blanco, presenta despois 10 artigos sobre asuntos de diferente temática e pecha, por vez primeira, con comentarios sobre libros. Entre os temas tratados destacar unha viaxe pola colección de pintura do Museo do Pobo Galego a cargo da crítica de arte Mercedes Rozas; o papel do antropólogo nos museos, de José Gonçalves Afonso, colaborador do Museo de Vinhais (Portugal); a relación do escultor Ángel Ferrant con Galicia, de José María Laredo; sobre as mullere galegas presas durante o franquismo no cárcere de Saturrarán, de Victoria Martínez Rodríguez; un paseo pola historia de Galicia de banquete en banquete, é dicir, un repaso dos banquetes históricos, como o dos Xogos Florais de Tui de 1891, mirando os seus menús; un percorrido polo patrimonio do concello de Cabana de Bergantiños, feito por Ángel Eiroa; o retrato fotográfico como recurso para a identificación, por Virginia de la Cruz Lichet; antropoloxía dos adaxios galegos, por Antonio Lizarriturri; ou as aventuras de “el lince con botas”, un programa da televisión extremeña, de Ana Baliñas. Máis información Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa de Manuel Vilar.
|