|

Recibimos unha carta da Agrupación Local de Corcubión ante sas últimas denuncias do BNG corcubionés e da CIG. O PSdG corcubionés critica a aparición da CIG nestes momentos ante dous denuncias que hai interpostas contra o concello. O PSdGnon entende que se fala deterrorismo laboral" e chama "preguiceiro" ao sindicato que dá cobertura ás queixas. Aquí embaixo temos a carta que pide a agrupación que se publique íntegra, na que logo dunhas interrogacións retóricas, expón as novidades en materia laboral dentro do concello no último ano. Vemos na imaxe aos 4 membros do PSdG corcubionés coa secretaria do concello. Comunicado da Agrupación Local de Corcubión Con relación ás reiteradas e infundadas acusacións que aparecen periodicamente na prensa por parte de determinado “sindicalista a media xornada” e o sindicato que lle dá cobertura, desde a Agrupación Local do PSdeG de Corcubión queremos aclarar algunhas cousas achegando datos onde outros disparan mentiras. Todos estes feitos non son froito do azar, teñen a súa orixe nun sindicalista resentido por lle denegar o Concello licenza para construir unha vivenda, ao non dispor dos metros de terreo mínimos esixidos pola Lei. Onde estaba a CIG, antes do 2003, cando traballadores do Concello da mesma categoría profesional cobraban direrentes salarios? Ou cando algúns cobraban produtividade, mesmo en vacación, mentres a maioría chegarou a estar tres meses sen recibir o seu salario? Como calaron e consentiron que non se cotizase á Seguridade Social por algúnha traballadora contratada? Por que non alzaron a voz cando os traballadores non tiñan nin as máis mínimas condicións de seguridade e higiene laboral? Que credibilidade pode ter o “sindicalista a media xornada” que representa os traballadores da CIG no Concello de Corcubión e ao mesmo tempo é directivo dos empresarios de Cee? O Concello de Corcubión desde o ano 2003, logo dunha acción continua realizada ao longo destes últimos anos, mellorou notablemente as condicións laborais dos seus traballadores, e iso é un feito irrefutable. Realizouse a contratación, cunha empresa especializada en seguridade dun estudo de Avaliación de Riscos Laborais e un Plan de Prevención o que pon de relevo o respecto que o goberrno corcubionés ten polos traballadores e a súa seguridade laboral. Nas oficinas da Casa do Concello e demais dependencias municipais investíronse perto de 40.000 € só en material informático, mobiliario e demais equipamento que facilitan o traballo, mellora a eficacia e evita agresións aos trballadores producidas polo material obsoleto existente antes do 2003 na maioría das oficinas. Dotáronse os empregados municipais dos EPI (equipos de protección individual) necesarios e adecuados á actividade que desenvolvan, así como do material ou equipos precisos para mellor desenvolver o traballo cotián. Ademais, por parte da administración municipal contratouse un seguro de responsabilidade civil que dá cobertura de calquera dano a terceiros que os traballadores do Concello poidan ocasionar no desenvolvemento do seu traballo. O Concello dispón na actualidade de mellor maquinaria e equipos para facilitar o labor dos seus traballadores e mellorar a súa eficiencia, ademais de mellorar a seguridade, como poden ser o brazo elevador hidráulico con cesto, para traballos en altura, ou os novos equipamentos como cortacéspedes, desbrozadoras, etc. homologados e adaptados ás novas normas de seguridade laboral. Igualmente dotouse de novos vehículos á policía municipal ou ao equipo de obras e servizos municipais. Só hai poucos días que o Concello investiu perto de 30.000 € en equipamento para os traballadores. No tocante ás instalacións realizáronse labores de reformas dos centros de traballo para dotar de duchas e sanitarios as ditas dependencias. Instaláronse armarios individuais para os traballadores, habilitáronse locais para as organizacións sindicais, etc. No ámbito retributivo, o goberno municipal corcubionés, levou a cabo unha política de equiparación de salarios para iguais cometidos e categorías, acrecentando os salarios máis baixos, co que se eliminaron as discriminacións antes existentes entre traballadores. Igualmente se recoñeceron trienios e dereitos a todos os traballadores sen distinción o que antes non acontecía. Todo o anterior son feitos constatables que desminten as acusacións infundas realizadas contra o alcalde corcubionés e o seu equipo de goberno. Falar de “terrorismo patronal” ademais de ser radicalmente falso descualifica a quen emite tan disparatada afirmación. Desde a Agrupación Local do PSdeG queremos solidarizarnos cos traballadores municipais polo seu servizo aos corcubioneses, ao tempo que rexeitamos as denuncias, por infundadas, destes preguiceiros interesados e quen lles dá cobertura. Queremos manifestar especialmente o noso apoio ao alcalde e aos seus compañeiros de goberno polo gran labor eficiente e altruista que veñen realizando desde o ano 2003. Desde esa data gañaron todas as eleccións, sen excepción, e o PSdeG veu refrendado nas urnas o gran labor desenvolvido nestes anos no goberno de Corcubión. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa da Agrupación Local de Corcubión.
|