Luns, 15 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Que pasou na Costa: A pegada romana (IIª parte)  Correo-e
martes, 16 de febrero do 2010

Image

Un dos legados máis importantes da presencia romana en Hispania é a rede viaria. Foi Augusto quen estableceu unha rede estructurada de camiños para o control militar e explotación mineira do territorio. Unha das vías romanas, a coñecida como via XX no Itinerario de Antonino, que ía de Braga a Astorga, tamén chamada popularmente per loca marítima, toca, aínda que pouco, as terras da Costa da Morte. Esta vía non vai seguindo a liña costeira, como moitos autores pensaron, senon que se lle chamou así por ter un percorrido máis occidental que a vía XIX, á que complementa.

A chamada vía XIX foi inaugurada no ano 11 después de Cristo e entre as súas mansións máis importantes estaban Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria Flavia (Padrón), Lucus Augusti (Lugo) e Bergidum Flavium (Cacabelos). Era a máis longa de todas as do noroeste, con preto de 500 kilómetros. Aquí embaixo vemos un tramo na zona de Arteixo.

Image

A función da Vía XIX era comunicar as tres capitais dos conventos xurídicos fundados por Roma no noroeste peninsular, aínda que a súa importancia debe medirse en relación ó sistema viario que implanta o Imperio romano en Gallaecia, un sistema que buscaba articula-lo territorio, moldea-lo dalgunha maneira ós intereses imperiais. Por outro lado, as vías son un dos elementos máis importantes no proceso de romanización, non só do noroeste peninsular senón de todas aquelas rexións que pouco a pouco iban sendo absorbidas por Roma.

A vía XX, que podería ser de época flavia (a finais do século I d. C.), ten o seu punto máis occidental en Glandimirum (Brandomil-Zas), importante estación romana na súa orixe, mansio viaria, é dicir, pousada para viaxantes. A vía chegaba a Brandomil desde o sudeste por Noia e Gonte (Negreira) e, despois de atravesar o río Xallas por unha ponte, da que actualmente se conservan os cimentos de época romana.Image

De Brandomil parte en dirección noreste hacia Cícere (preto de Santa Comba), onde hai poucos anos se atopou unha interesante estela funeraria, e a lagoa de Alcaián (Coristanco). Da estela de Cícere (á dereita) temos que salientar a súa importancia dado que é a única en Galicia que fai referencia a cidadáns itálicos, en concreto a Quinto Ivlivs Aquinus, soldado romano que ven de Italia para servir na Décima Lexión Xémina, unha das que participou na conquista de Gallaecia. Data de mediados do século I d. C., e pódese vincular con outras estelas atopadas na zona zamorana de Rosino de Vidriales, onde estaba o campamento desa lexión. Na estela aparecen tamén os nomes da súa su probable compañeira, Tiberia Claudia Urbana, e o pai do soldado, Titus Ivlivs Florus, un veterano do exército, que o que manda facer a estela en memoria do seu fillo e nora.

A razón pola que a vía XX se achega ata Brandomil é sinxela: a presenza de ouro no río Xallas, que deu lugar a unha importancia explotación mineira romana ó aire libre na zona, coñecida como Pozo Limideiro, na que se explotaron filóns de cuarzo con mineralización aurífera. Froito desta presenza romana son un conxunto de aras romanas datadas sobre os séculos II-III despois de Cristo, adicadas a Cosus (deus indíxena da guerra), á deusa Fortuna e a un lar vial (culto vinculado ós camiños e introducido en Galicia en época flavia). Image

Recentes traballos arqueolóxicos (catas, sondeos, excavacións) veñen a confirmar o que xa se sospeitaba: a importancia do pasado romano de Brandomil. A investigación permitiu delimitar nunhas 25 hectáreas a superficie do antiguo núcleo. Atopáronse diferentes e variados materiais: moedas, cerámicas africanas de diversas épocas, xoias como un anel de xaspe, vidrios decorados con fíos aplicados... A arquitectura tamén amosa estruturas construtivas relevantes, tanto domésticas (pavimentos, portas, columnas) como públicas (columnata monumental, balneario), ademáis de edificios de carácter relixioso ou funerario (templete con ara, placas e frontón de mausoleos).

Grazas a estos e a outros datos, os científicos consideran que, na antiga Brandomil, puideron estar establecidos miembros da Administración imperial. Ademáis, os traballos revelan a existencia dun antigo camiño, posible vía romana secundaria, que foi sen dúbida fundamental para a conexión coa zona costeira, a terra dos Nerios.

Ademáis de en Brandomil, tamén se conservan restos romanos noutros lugares máis ou menos próximos. Así apareceron varias estelas funerarias datadas nos séculos II-III d.C., entre as que salientamos pola súa iconografía a de San Cosme de Antes en Mazaricos, un miliario anepígrafo, restos de tegulas, unha vila romana situada en Agra da Cruz (Gándara, Zas) e unha necrópole de sepulturas construídas con tégulas romanas nas proximidades de Baio (Zas). Na vila de Agra de Cruz, ademáis de restos cerámicos e de tégulas atopouse un anel de pasta vítrea que se datou arredor do século III d.C.

A relación da Costa da Morte con Roma quedou reflectida dun modo claro na toponimia dos arredores de Brandomil: así o amosan nomes como Romelle, Santa Cecilia de Roma, Bouzarroma, Romariz, A Romea…

Tamén se soe afirmar que de Brandomil partía un camiño que pasaba por Tines en dirección a Ponteceso. Esto encaixa perfectamente xa que por esa zona atopáronse indicios de explotacións romanas en Monte Furado (Corcoesto, Cabana), onde se ten rexistrado a existencia de filóns de cuarzo con arsenopirita aurífera. E preto dalí atópanse ademáis minas de estaño de época romana en Monte Neme (Malpica). O interese romano nesta zona queda patente no rexistro dos restos romanos de Cores (Ponteceso) e Serantes (Laxe).

A comezos da época imperial, o xeógrafo Ptolomeo menciona a existencia dunha cidade, creada polo emperador Claudio, quen reinou entre o 41 e o 54 d.C.), localizada arredor do Promontorio Nerio na zona dos ártabros. A cidade chamouse Claudionerium, pero na actualidade descoñecemos a súa posible localización.

 Image

Finalmente, lembrar que na zona de Pino de Val (Mazaricos), encontrouse nos anos oitenta unha estela funeraria romana que probablemente foi feita entre os séculos II e III d. C. A tradición popular sitúa no lugar do achádego (Chacín), a existencia doutros restos romanos, pero non temos constancia deles.

  • Víctor Castiñeira.

Bibiografía básica

  • Balboa Salgado, A.: Gallaecia nas fontes clásicas. Universidade de Santiago, 1996.
  • Caamaño Gesto, J. M.: Las vías romanas de Galicia y los hallazgos numismáticos en su trazado, en Actas do Encontro Peninsular de Numismática Antiga (2 vol), Porto, 1997.
  • Naveiro López, J.L.: El comercio antiguo en el N.W. peninsular. Museo arqueolóxico e Histórico, A Coruña, 1991.
  • Suárez Piñeiro, Ana Mª : A vida cotiá na Galicia Romana. Lóstrego. Santiago-Verín, 2007.
  • Tranoy, A.: La Galice Romaine. Ed. Centre Pierre Paris. Paris, 1981.
  • Villanueva Acuña, Manuel: “As fontes clásicas e a súa aportación ao coñecemento da área fisterrá”, en Actas do II Simposio de Historia da Costa da Morte. Asoc. Neria, 2001.

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Víctor Castiñeira.
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com